26 de abr. de 2015

Verborrea electoral

O goberno eumés de Gabriel Torrente adoece de moitos defectos pero quizais o máis arrepiante é  o nulo respecto polos espazos naturais e o medio ambiente. Unha alameda histórica ateigada de vehículos, un campo deportivo convertido en aparcadoiro, a tala dun teixo incompatíbel cunha rotonda, muros de formigón ocultando a paisaxe, etc, etc. E de repente caen na conta de que estamos en período preelectoral e convén cambiar a linguaxe. Despois de oito anos sen inmutarse pola deterioración do teixo dos Tenreiro, de facer oídos xordos ás denuncias dos colectivos ecoloxistas que alertaban dunha perda irreparábel, resulta que deciden converterse en abandeirados na defensa desta árbore senlleira. 

Publica La Voz de Torrente, por boca do seu erudito concelleiro D. Javier Crespo, que están preocupados pola situación do teixo e así llelo comunican á Consellaría de Medio Ambiente. Crespo permítese diagnosticar que "non se trata dun problema de desidia nin abandono, senón que vén determinado, en gran medida, pola idade natural da árbore" desmentindo así os informes dos expertos  da estación fitopatoloxica de Pontevedra.

A proximidade das eleccións obriga aos grupos políticos a transmitir mensaxes a unha cidadanía receptiva e os representantes daqueles, profesionais da demagoxia, están dispostos a proclamar aquilo que os electores queren escoitar. O que ignoran é o cansazo do espectador farto de escoitar discursos de Coresma por parte dos que celebran o Carnaval.


20 de abr. de 2015

Indecente propaganda electoral

Cando o alcalde de Pontedeume necesita pregoar aos catro ventos calquera panfleto electoral que se lle ocorra, non ten mais que acudir aos medios de comunicación para que, sumisamente, o fagan. 

La Voz de Galicia publica a un mes das eleccións minucipais toda unha serie de obras que Torrente vai acometer para limpar a imaxe negativa adquirida durante 8 anos de inactividade. Agora tócalle o turno ao mercado municipal do que se dí vai ser un referente económico e turístico para Pontedeume. Obvia, iso si, o dano irreparábel que supuxo para a economía local o peche inxustificado do anterior mercado.  

O proxecto, curiosamente, está asinado polo mesmo arquitecto responsábel do PXOM, do cal sabemos que non consiguíu o visto bo da Xunta para ser aprobado definitivamente. Quizais pola cantidade escandalosa de recalificacións urbanísticas que buscan favorecer intereses privados en lugar de beneficios publicos. 

Caben moitas preguntas, deixando de lado a vergoñenta utilización do reclamo electoral. Por que se decide encargar a un estudo de arquitectura un proxecto que xa existía e fora elaborado por Mercasa. Como se xustifica un gasto desta natureza sen dar pábulo a pensar en posibeis corruptelas? Por que non se fan público os acordos asinados cas distintas administracións que van sufragar s obras do mercado? Por que o mercado leva máis dun ano pechado, arruinando a moitas familias que del dependían, e non se procedeu a iniciar antes a rehabilitación? 

Todo este asunto sobrepasa conceptos como oportunismo, falsedade ou burla á cidadanía de Pontedeume. Cando os prexuizos se miden en postos de traballo, pequenos negocios pechados e miseria, entón xa rozan a indecencia. E desde logo este equipo de goberno deu mostras de ser o máis indecente de cantos pasaron polo noso concello.

16 de abr. de 2015

As raíces da corrupción



Non sei se noutros países pode darse tanto despropósito; non sei se a cidadanía é consciente da manipulación á que  é sometida por parte do poder político; non sei se existe alternativa a curto prazo para que unha sociedade sexa libre de decidir por se mesma o seu destino. O que si é certo é que mentres os que detentan o poder o fagan con criterios mesquiños e á marxe da legalidade, non imos avanzar na consecución dunha sociedade máis democrática.

Hai varios anos, cando gobernaba na Xunta o bipartito, o entón alcalde socialista de Pontedeume solicitou as autoridades educativas o uso do campo de deportes do IES Fraga do Eume como aparcadoiro. Un informe xurídico encargado polos responsabeis de Educación concluíu que dita cesión non se axustaba á lei que regulaba, e regula, o uso ao que estaban destinados os recintos escolares. Daquela impúxose o criterio legal sobre o a demanda interesada do Concello. Porén, cambian os gobernos e cambian os criterios. Os populares do PP decidiron materializar a cesión menosprezando o ordenanza xurídica. E isto é o repudiábel da situación. Aquí reside a orixe da corrupción que devasta o país. Suponse que as leis son de obrigado cumprimento para todos os cidadáns, en especial para os que as ditan: os poderes públicos. A realidade é teimuda e demóstranos que son estes precisamente os que eluden as normas que regulan a vida social.

Por isto resulta altamente gratificante a actitude da comunidade educativa do instituto que, nun acto de dignidade, rebélase ante os abusos daqueles que fan uso da corrupción sen amosar vergoña nin pundonor.  Pais, nais e profesores están a darlle aos alumnos do centro escolar unha das mellores leccións que poden recibir nestes tempos de indignidade e indecencia. Quizais aínda poidamos albiscar algunha luz en tanto horizonte sombrío.



9 de abr. de 2015

Unha imaxe elocuente

Praza do Conde, luns 6 de abril ás 11:00 h
A fotografía pode representar a realidade actual de Pontedeume. Unha paisaxe baleira, sen actividade comercial, sen vida. Un mercado municipal pechado, en estado ruinoso como o conxunto do casco histórico. Rúas e prazas sen habitantes porque non teñen onde ir; cando o precisen collerán o coche e desprazaranse a Coruña ou Ferrol onde as grandes superficies comerciais engulen ao pequeno comercio. Sabido é que onde non hai oferta non pode haber demanda, e que o peche do principal referente económico da vila, a praza de abastos, expulsou a potenciais clientes chegados doutras comarcas. 

Aqueles autónomos eumeses que antes achacaban á falta de aparcadoiros o baixo nivel de vendas nos seus negocios, permanecen agora calados ante a nula presenza de clientes e gárdanse de sinalar aos verdadeiros responsabeis desta situación. Unha proba máis de que o pequeno comerciante non sabe estar á altura das circunstancias.

E como non, bótase tamén en falta a presenza dos politiquiños locais. Están desaparecidos, como todo en Pontedeume.

3 de abr. de 2015

Un rexedor empecinado

Pontedeume ten un problema e chámase Torrente. Este señor que tivo a nefasta idea de meterse en política sen ningunha experiencia nen formación previa e que ademais, ou grazas a iso, foi elexido para gobernar, é dicir, administrar o patrimonio do Concello, vai pasar a historia local como o gran depredador da vila e corte. 

A deplorábel actuación no mercado municipal e a conseguinte ruína do comercio local é unha consecuencia da vasta irresponsabilidade que amosa este señor. E a última proba diso témola no comezo das obras do aparcadoiro sito no campo de deportes do IES Fraga do Eume. Sabido é que a comunidade educativa ten interposto un recurso ante o TSXG para anular a concesión que a Consellaría de Educación fixo a favor do Concello de Pontedeume. Sabido é que as obras que agora comezan van ter un custo de 80.000 € de diñeiro público. O razonábel sería postergar esas obras ata que o tribunal se pronunciase sobre a legalidade ou non da concesión e así evitaríase dilapidar eses cartos en caso de sentenza favorábel ao instituto. Mais Torrente prefire ofrecer un reclamo electoral antes do 24 de maio que lle reporte votos para continuar arruinando o pouco que queda desta vila. Algo que por outra banda non lle preocupa demasiado a tenor doutras actuacións súas nas que se amosou como un empecinado gobernante ao que ninguén lle pode parar os pés. 


Mais non nos equivoquemos e fagamos caer toda a responsabilidade sobre Torrente. Neste ataque aos dereitos dunha comunidade educativa tivo dous grandes aliados: o PSOE e UCOA. A estes non parece preocuparlles moito o tema do ensino e deportes da xuventude eumesa. Uns, preocupados polos votos; outros, polos seus negocios. Uns e outros, incapaces de albiscar as raíces dos problemas e as súas solucións


2 de abr. de 2015

Festas de gardar ou a relixión como excusa

Hoxe, Xoves Santo, o cristianismo celebra unha das festas máis sinaladas pola igrexa católica, e o estado decreta esta data como festivo a nivel nacional. Porén, en Pontedeume as autoridades locais, moi dadas a participar nos eventos propios da Cuaresma, non teñen dúbidas en violar as sagradas institucións, relixiosas e estatais, para deixar constancia das obras que lles permitan asegurar a súa cointinuidade á fronte do Concello. Durante o día de hoxe, cuadrillas de traballadores están a pintar os pasos de cebra e sinais de circulación do centro urbán. 

Toda a actividade municipal das últimas semanas xira ao redor dun obxectivo: gañar as eleccións locais. E o goberno local leva a raxatáboa a máxima de que os fins xustifican os medios. Para eles presidir as procesións é un paripé máis das ataduras da diplomacia pero sempre debe prevalecer a política sobre as crenzas. Ao fin ao cabo a relixión non é máis que un instrumento ao servizo do poder e se hai que celebrar a morte de Cristo traballando, pois se traballa. Cristo sempre foi considerado un tonto útil do que botar man cando é necesario pero ao que hai que ignorar cando interesa.