Traballadores, sindicatos e veciños da vila advertiron en numerosas ocasións da intención da compañía de desmantelar as súas instalacións na parroquia eumesa
A empresa de artes gráficas Einsa pechará as instalacións que ten na
parroquia de Andrade, en Pontedeume, por "falta de ocupación". O que
parecía ser un segredo a voces convértese agora en realidade ao quedar
reflectidas as intencións da entidade nas cartas que entrega aos
traballadores para que acepten un traslado, que os afectados consideran
"forzoso", ás instalacións das Pontes.
A OPINIÓN tivo acceso a
estes documentos, nos que Einsa admite que "ante a falta de carga de
traballo na planta de Andrade (...) e dado o tempo transcorrido, no cal
se constata que a falta de ocupación en Andrade é definitiva", a
alternativa que ofrece aos seus empregados de Pontedeume é aceptar o
traslado, tal e como desvelou este xornal o pasado martes.
A
Unión Sindical de Traballadores de Galicia (USTG) afirma que os
empregados están obrigados a acudir á reunión coa compañía sós, sen
ningún tipo de asesoramento e neste encontro infórmanlles de que "quen
non firme, deberá aterse ás consecuencias, xa que nun par de meses
pecharán Andrade e quedarán na rúa", en palabras dun representante
sindical.
A compañía de artes gráficas non lles mantén o seu
posto nin a súa categoría laboral, aínda que si conservarán o seu
salario e, segundo denuncian os empregados, négase a pagarlles os gastos
derivados do transporte e as dietas, como sucedía ata o momento.
Segundo
puido saber este xornal, oito dos máis de trinta empregados da planta
de Andrade negáronse a asinar o traslado aínda que, ata o momento,
faltan traballadores por notificar.
Foron moitas as ocasións na
que traballadores, sindicatos e mesmo veciños da vila dos Andrade
alertaron de que a intención da empresa era desmantelar a planta de
Andrade, que se asenta sobre uns terreos para os que Einsa solicitou ao
Concello de Pontedeume a recualificación do chan, incluída no proxecto
do Plan Xeral de Ordenación Municipal, alegando que o seu obxectivo era
legalizar unha das súas naves, que carece de licenza. Pero case a quinta
parte dos terreos que incluíu pertencía a veciños e algúns se negaron a
vender advertindo de presuntos intereses especulativos da compañía.
Desde
principios de ano, 26 persoas dun persoal de máis de 400 persoas foron
despedidas, cesamentos que motivaron as mobilizacións dos traballadores
nas que esixiron, sen éxito, a readmisión dos seus compañeiros. Agora
empresa e empregados atópanse sumidos na negociación dun Expediente de
Regulación de Emprego (ERE). Einsa alega unha complicada situación
económica derivada dunha débeda de 42 millóns de euros e os
traballadores están dispostos a aceptar un ERE para aliviar a situación
pero non nas condicións "inasumibles" que expón a entidade, como
traballar gratis os sábados e que o ERE unicamente afecte a parte dos
empregados.
Einsa comprometeuse coa Xunta a manter os empregos
tras a recente concesión do Goberno galego de aprazar dous anos o pago
dun crédito de 8 millóns de euros concedido á entidade.