28 de mar. de 2007

Precisan os sendeiros da man do home?




A cuestión dos paseos marítimos é controvertida. A todo o mundo lle gustan como zonas de recreo e paseo, mais moitas veces non pensamos que pode haber outras alternativas: os sendeiros naturais non violentados polas mans do home. Esta sería unha alternativa racional e sostíbel ao paseo marítimo que se pretende construir en Sopazos.

27 de mar. de 2007

Mobilizándose contra o cemento

Hai unhas semanas, dende o Colectivo FUSQUENLLA de Pontedeume faciase un chamamento para organizar unha protesta nacional na que amosar a nosa preocupación e repulsa pola degradación urbanística que estamos a sufrir en Galiza e cuxos síntomas máis evidentes son as agresións urbanísticas no litoral, a edificación masiva e descontrolada, o deterioro dos núcleos históricos das vilas, a destrucción do patrimonio arquitectónico, a perda dos sinais de identidade territorial,a desaparición dos espazos públicos, a ausencia dunha política social de vivendas e a promoción de proxectos especulativos e lesivos para o noso entorno.

A finalidade desta coordenadora sería estudar a posibilidade de organizar algunha forma de mobilización que podería materializarse nunha gran concentración en Santiago de Compòstela.
Agora xa está fixada unha data para avanzar na formación da coordenadora que impulse este movimento. Celebrarase unha reunión o sábado 31 de marzo ás 12 na Galería Sargadelos de Compostela, Rúa Nova 16.

Xa está confirmada a asistencia de distintos colectivos como Rede Litoral Vivo, na que están integrados os grupos Asociación O Carballal, Adega, Amigos da Terra, Asociación pola defensa da ría de Pontevedra, Colectivo Ecoloxista do Salnés, Federación Ecoloxista Galega, Greenpeace, Luita Verde, Verdegaia, *Asociación Cultural e Veciñal O Tombo de Ardán (Marín), Anduxía - Plataforma para a conservación e rexeneración do litoral de Bueu, Bouzas Móvete, Comité
Cidadán de Defensa Para a Ría de Ferrol , Foro Social de Cangas, Fusquenlla, Ortigueira Sostible, Plartaforma Ártabra 21,Plaforma contra o viaduto e a variante de Outes, Plataforma pola Defensa da Ría (Cíes), Salvemos Monteferro.

Todos os colectivos e asociacións ecoloxistas, así como particulares comprometidos coa defensa do territorio galego, están invitados a participàr nesta reunión.

24 de mar. de 2007

Caixa Galicia merca espazos protexidos


A entidade que dirixe Xosé Lois Méndez, veciño de Pontedeume, acaba de mercar a illa de Sálvora por 8,5 millóns de euros. Esta illa forma parte dun arquipélago integrado no Parque Nacional Illas Atlánticas. É a única das illas deste Parque Nacional que aínda permanecía en mans privadas, feito polo cal a Xunta tiña pensado adquirila para preservar o alto valor ecolóxico deste enclave. O mesmo que fixo coa illa de Cortegada, agora en proceso de expropiación forzosa.
Caixa Galicia adiantouse e mercou aos anteriores propietarios esta simbólica illa para desenvolver un programa de actuacións que vai dende a creación dun laboratorio de investigación ata unha residencia para artistas e voluntarios científicos.
A intención da Xunta de Galicia en adquirir este arquipélago era desenvolver os planos de conservación dos hábitats naturais e especies, propios dos Parques Nacionais. A Xunta considera que sería a mellor forma de preservar estes hábitas fronte á posibilidade de permanecer en mans privadas.
Non parece ser esta a opinión do conselleiro de Medio Ambiente que afirma que Caixa Galicia pode ser un garante para a preservación da illa de Sálvora. Unha vez máis os representantes do poder público facendo defensa do sector privado en detrimento dos intereses da comunidade. Outro antecedente, cercano, foi o do Conselleiro de Industria que ofreceu á compañía Barreras a venda dos asteleiros da antiga Astano.
O feito de ser unha posesión privada conleva unha supeditación dos intereses públicos aos da Caixa, e un uso do territorio restrinxido incluso aos investigadores. Un goberno que presume de preservar o litoral como un ben de futuro, non pode permitir que unha entidade financieira se faga coa propiedade desta paraxe que forma parte do patrimonio paisaxístico de Galiza. Hai unha condescendencia cara a estas grandes corporacións que fai sospeitar que os poderes públicos están mediatizados polos grandes bancos, inmobiliarias e demais grupos de presión económicos.
Os cidadáns estamos no dereito a exixir unha política honesta de defensa do noso patrimonio, que neste caso pasa pola expropiación da illa de Sálvora, e pola exixencia de que a administarción non antepoña os intereses mercantilistas privados aos xustos intereses da comunidade.
Esta última exixencia debémola extrapolar ao caso do noso concello no que non faltan exemplos descarados de defensa por parte do goberno local de iniciativas como as de Einsa, Promociones Lagares y Álvarez, Construeme, Progasa 2000, etc, defensa aínda máis cuestionábel pola ilegalidade desas actuacións.



Preparando a mobilización

O Colectivo FUSQUENLLA conseguíu o apoio doutros colectivos para organizar unha reunión en Santiago co fin de convocar unha mobilización en defensa do territorio galego, ameazado pola especulación e o urbanismo desmesurado que enche o litoral de cemento.
A reunión terá lugar o sábado día 31 de marzo, ás 12 horas na Galería Sargadelos de Santiago.
Todas as asociacións e colectivos integrados na Rede Litoral Vivo van asistir a este encontro, entre elas están Greenpeace, Adega, Verdegaia, Plataforma Ártabra 21, etc.
Se hai un medio de poñer coto aos desmáns dos promotores e alcaldes corruptos é a través da mobilización social e das actuacións xudiciais. Hoxe máis que nunca é posíbel conseguir esa resposta social que exixa ao goberno galego unha decidida actuación contra os abusos urbanísticos, á vez que unha clara advertencia aos próximos aspirantes a alcaldes.
Os convocantes desta reunión invitan a todos os grupos ecoloxistas comprometidos na defensa do territorio e a todos os particulares que o desexen, a participar na preparación desta resposta cidadá.

14 de mar. de 2007

Expropiacións


Volve sair á luz o tema da expropiación na praia de Ber. Como xa se comentou, o Ministerio de Medio Ambiente vai proceder á expropiación dun hotel e unha cafetería ubicadas na urbanización de Ber, unha copia a pequena escala das urbanizacións que proliferaron nos anos sesenta pola costa española. A noticia da que se fai eco El País di que:
"En la playa de Ber, en Pontedeume, el Gobierno se hará con un hotel y con la cafetería Anduriña, por los que abonará 2,7 millones."
Case 500 millóns das antigas pesetas por unhas construcións que non deberían ser permitidas e que agora van reportar aos seus donos unha estimábel cifra. Das arcas do Estado, claro.
Pola contra, Fadesa expropiou aos propietarios de Perbes cunhas ridículas cifras das que xa demos conta aquí. Esta promotora inmobiliaria, agora adquirida por capital madrileño para desgracia dos partidarios do capitalismo galego, pagou arredor do millón de pesetas por ferrado expropiado, e logo vendeu ese mesmo ferrado por 11,5 millóns de pesetas. Non contentos con isto, algunhas das fincas expropiadas eran explotacións gandeiras que aseguraban o sustento económico dalgunha familia. Como esta que reclama o pago non satisfeito:
"Un vecino de Miño espera desde hace 2 años el pago de una expropiación."
Tanta contradición non resulta doado entendela. Se o Estado considera tasar unhas propiedades por un valor xeneroso, por que non obriga aos axentes urbanizadores a recompensar tamén xenerosamente polas fincas expropiadas? Máxime se estes promotores son capaces de revender estes solares por un prezo que multiplica por 11 o pagado pola empresa.

11 de mar. de 2007

Trastorno da personalidade

O portavoz nacional do BNG e vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, presentou onte o programa marco dos nacionalistas para as próximas eleccións municipais. Os cidadáns xa deberiamos estar afeitos ás palabras dos políticos en período electoral mais ás veces non podemos evitar o sobresalto.
Resulta que Quin non ten reparos en pregonar que "non queremos alcaldías para encher os municipios de asfalto e cemento, senón para promover o acceso á vivenda, o emprego, o benestar..." "propoñemos unha política social pensada para os cidadáns fronte á ditadura do ladrillo e da especulación do Partido Popular".
Na nosa vila temos un problema de primeira orde que se chama urbanismo e así o atestiguan as declaracións dos candidatos, socialistas e nacionalistas, que se esforzan por desdramatizar a cuestión. Dos populares e coistas nada se sabe, porque non teñen unha opinión clara ou porque prefiren calar. Nunca en Pontedeume se víu tan clara a necesidade de poñer freo aos desmáns dos promotores empeñados en construir en calquera oco que se poña a tiro de formigonera. E non precisamente vivendas sociais. O prezo das vivendas en Pontedeume incrementouse en máis dun 50 % en poucos anos. En Caldagueiro pisos que foron adquiridos en obra por 25 millóns de pesetas, hoxe son revendidos en 38 millóns.
E se falamos de encher o concello de cemento, como di o líder do BNG, lembremos que o avance do PXOM, elaborado baixo os auspicios do nacionalistas, prevía un aumento do 200% do chan edificábel.
En suma, un concello vítima da proliferación do cemento e da carestía da vivenda. Todo o contrario do que o BNG pretende conseguir se facemos caso das palabras de Quintana. Unha política basada na ditadura do ladrillo que o vicepresidente achaca aos concellos do PP. Algo falla na vila e non sabemos que é. Ou os nosos representantes adoecen de trasvestismo político ou Anxo Quintana padece un trastorno bipolar que lle fai ver con optimismo a actuación dos seus concelleiros.
Para poñer a guinda, engade que "a política municipal debe ter como "principio básico a participación da xente". O Valedor do Pobo exixíu ao Concello de Pontedeume en repetidas ocasións que atenda os seus requerimentos a fin de demostrar que as imputacións do Colectivo FUSQUENLLA, no que se refire á negativa a amosar documentación pública, carecen de fundamento.

9 de mar. de 2007

Os novos ricos, os promotores e as mulleres

Segundo a prestixiosa revista Forbes, adicada a estudar o mundo das finanzas e dos novos ricos, hai 20 multimillonarios españois entre os máis ricos do mundo, e 11 destes proveñen do mundo da construción, é dicir, da especulación pura e dura. A revista catalógaos como "os señores do ladrillo".
Como dato a salientar, ainda que para algúns pode parecer anecdótico, só hai un 9 % de mulleres entre as persoas máis ricas do mundo. Como vemos, a desigualdade social da muller non é privativa do mundo subdesenvolvido. En España hai tres mulleres que reunen as condicións para integrarse no clube dos elexidos.
Os expertos falan do boom económico que vive o noso país como causa deste incremento na riqueza persoal dos protagonistas das finanzas. Pero esquecen que estas bonanza económica se concentra nuns poucos bolsillos e aparece como algo volátil para a inmensa maioría dos cidadáns.
Tampouco en Pontedeume son moi afortunados os que se adican á especulación urbanística. Xa comentamos nestas páxinas os resultados ridículos de diversos promotores e axentes urbanísticos. Nun caso, o promotor obtiña só un miserento 5 % das vendas realizadas; noutro, unha inmobiliaria chegaba a dar un resultado negativo nas súas transaccións comerciais.
Difícil o teñen estes eumeses se queren chegar a figurar na lista de Forbes

8 de mar. de 2007

8 marzo

Dos 1.300 millóns de persoas que viven na pobreza absoluta máis do 70% son mulleres.
* Segundo as estatísticas só o 37% da mulleres do mundo están económicamente activas, percibindo as ¾ partes do salario medio masculino. Traballando, na maioría das ocasións, como man de obra barata.
* Con todo, se temos en conta as actividades económicas non remuneradas (que son as que van ligadas íntimamente ao desenvolvemento humano, como son a reprodución, o coidado dos fillos e as fillas, os anciáns e anciás) estas supoñen o 55% do traballo que se fai no mundo.
* Segundo Nacións Unidas máis de 2/3 das 960 millóns de persoas analfabetas adultas de todo o mundo son mulleres.
* Segundo a OMS cada ano morren medio millón de mulleres por causas relacionadas co embarazo e o parto, o 99% delas pertencen aos países en vías de desenvolvemento.
* Calcúlase que para o próximo ano haberá case 14 millóns de mulleres seropositivas (o 50% da poboación afectada), e aproximadamente, catro millóns morrerían.
* Segundo a economista Amartya Sen, calcúlase que no mundo "faltan" 100 millóns de mulleres, porque morreron prematuramente como causa da discriminación e violencia. En certos países utilízanse probas para determinar o sexo do feto; se é feminino, pode ser obxecto de aborto. En Asia chégase ao infanticidio feminino e descóidase a nutrición das nenas.
* Asímismo, e segundo Nacións Unidas, aproximadamente 1.500.000 menores, mayoritariamente pícaras, vense obrigadas a exercer a prostitución, algunhas delas son ata vendidas polas súas propias familias.
* A circuncisión feminina que afecta entre 85 e 114 millóns de mulleres e nenas en todo o mundo.
* O 80% dos 25 millóns de persoas refuxiadas en todo o mundo son mulleres, pícaros e pícaras.
* Un terzo dos fogares do mundo están encabezados por unha muller. En América Central e nalgúns países africanos a cifra alcanza o 50%

5 de mar. de 2007

As ambigüidades de Agustín Vilariño

Se algo distingue aos políticos hoxe en día é a súa destreza para evitar respostas comprometidas, xa que non as preguntas. Dende este punto de vista, hai que recoñecer que A. Vilariño, candidato do PSOE á alcaldía de Pontedeume, despunta como un gran profesional. Para os letores non moi exixentes e con tendencia a deixarse seducir polas palabras ben pronunciadas, independentemente do seu contido, seguro que atoparán na entrevista que o xornal La Opinión lle fixo ao candidato socialista, unha exposición de fácil lectura. Outra cuestión é a de se se pode sacar algo en claro sobre as intencións de Vilariño.
Xustificando as actuacions dos concellos, como o de Pontedeume, que nalgún intre cometeron infraccións, aduce que estas son consecuencia da ambigüidade xurídica intrínseca ás leis:
"Falta seguridad jurídica. Los ayuntamientos parten de una situación de desamparo y provisionalidad, muchas veces no saben a qué atenerse y creen que lo que están haciendo es legal. Pero pueden encontrarse con, no hablo ya de casos de corrupción, sino actuaciones puntuales que pueden tener algún problema."
Esquece que ante a dubida o correcto sería facer caso das recomendacións dos informes xurídicos da Secretaria do Concello, funcionaria á que se lle paga por desenvolver un traballo cualificado e meritorio. Pero en Pontedeume a realidade non entende de razóns e tira polo camiño máis benevolente cos promotores da construción. O concello non pode crer que o está facendo ben cando unha profesional do dereito lle advirte da conculcación das leis nas licenzas concedidas.
E precisamente o non atender as argumentacións da Secretaria foi o que levou a A. Vilariño, xunto cos seus compàñeiros da comisión de goberno, a conceder licenzas en zona de protección costeira e en zonas rurais. A modo de exoneración, cita de novo a indefinición da lei de 1997, obviando que no 2000 un decreto que modificaba a lei estatal do solo, deixaba clara a ilicitude das construcións citadas.
E como habituado á certa autocomplacencia, engade que as casas eran para " particulares que hacen su casita acogiéndose a un sistema utilizado en todas partes y que la Xunta viene consintiendo." Tampouco isto é certo totalmente. A meirande parte desas casas foron levantadas para a sua comercialización e outras, que casualidade, eran dun coñecido construtor que parece gozar de certos privilexios para vulnerar a lei urbanística no noso concello. Por certo, por se non abondase co informe xurídico da secretaria, a Xunta emprazou ao Concello a paralizar as obras e revisar as licenzas concedidas. Non sabemos onde está a ambigüidade das leis; máis ben parece que os concelleiros estaban absortos polos beneficios que podían obter...para o concello.
Incapaz tamén de manter distancias con Agras, por se teñen que volver a botar man deste cacique fosilizado, atrévese a afirmar que a cooperación con este señor non foi do todo mala. Se o gobernar xustifica todo tipo de alianzas, difícil o temos os que queremos un goberno honrado e democrático. O voto a un partido que se di progresista pode desvirtuarse pola colaboración con quen representa o máis nefasto e suxo da administración local.
En suma, non parece que Vilariño pretenda facer unha autocrítica do pasado como terapia para prevenir os males do futuro. Ese chauvinismo que recoñece como cualidade do eumés, infecta tamén as valoracións que o candidato fai sobre o seu pasado político.