O portavoz nacional do BNG e vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, presentou onte o programa marco dos nacionalistas para as próximas eleccións municipais. Os cidadáns xa deberiamos estar afeitos ás palabras dos políticos en período electoral mais ás veces non podemos evitar o sobresalto.
Resulta que Quin non ten reparos en pregonar que "non queremos alcaldías para encher os municipios de asfalto e cemento, senón para promover o acceso á vivenda, o emprego, o benestar..." "propoñemos unha política social pensada para os cidadáns fronte á ditadura do ladrillo e da especulación do Partido Popular".
Na nosa vila temos un problema de primeira orde que se chama urbanismo e así o atestiguan as declaracións dos candidatos, socialistas e nacionalistas, que se esforzan por desdramatizar a cuestión. Dos populares e coistas nada se sabe, porque non teñen unha opinión clara ou porque prefiren calar. Nunca en Pontedeume se víu tan clara a necesidade de poñer freo aos desmáns dos promotores empeñados en construir en calquera oco que se poña a tiro de formigonera. E non precisamente vivendas sociais. O prezo das vivendas en Pontedeume incrementouse en máis dun 50 % en poucos anos. En Caldagueiro pisos que foron adquiridos en obra por 25 millóns de pesetas, hoxe son revendidos en 38 millóns.
E se falamos de encher o concello de cemento, como di o líder do BNG, lembremos que o avance do PXOM, elaborado baixo os auspicios do nacionalistas, prevía un aumento do 200% do chan edificábel.
En suma, un concello vítima da proliferación do cemento e da carestía da vivenda. Todo o contrario do que o BNG pretende conseguir se facemos caso das palabras de Quintana. Unha política basada na ditadura do ladrillo que o vicepresidente achaca aos concellos do PP. Algo falla na vila e non sabemos que é. Ou os nosos representantes adoecen de trasvestismo político ou Anxo Quintana padece un trastorno bipolar que lle fai ver con optimismo a actuación dos seus concelleiros.
Para poñer a guinda, engade que "a política municipal debe ter como "principio básico a participación da xente". O Valedor do Pobo exixíu ao Concello de Pontedeume en repetidas ocasións que atenda os seus requerimentos a fin de demostrar que as imputacións do Colectivo FUSQUENLLA, no que se refire á negativa a amosar documentación pública, carecen de fundamento.