22 de xan. de 2006

Radiografia dun especulador









Se hai algo que está de patas arriba neste mundo que habitamos é o que chamamos con tanta familiaridade escala de valores, un raseiro polo cal podemos medir o papel desempeñado por certas persoas na nosa sociedade. Os critérios que se barallan non adoitan ser moi racionais e moitas veces están contaminados pola propaganda mediática, sexa televisión ou calquer outro médio de comunicación. Un modelo que está a facer furor é o de triunfador, entendendo como tal o que é capaz de gañar cartos con suma facilidade. Hai quen se vende a si mesmo e quen vende o dos outros.

De neno xa se decatara que as matemáticas e o latín non levaban a nengures. O seu pai tiña a ben vangloriar-se de facer un bon negócio cando mercara un terreo ao seu viciño que logo vendeu polo dobre do seu valor a uns madrileños que querian facer un “chalé” para pasar os veráns. Desde aquela, chegou á conclusión de que os números só serven se son para somar. Na escola non aprendia pero era un gran observador do seu território. Por exemplo, as persoas máis admiradas ou respeitadas eran aquelas que tiñan cartos, pois ainda que non fosen o que se di intelixentes, eran as que logo mellor se relacionaban, as que se paraban a falar co cura, as que tiñan capacidade para recomendar a “fulanito” para un traballo, etc


De adulto, xa abandonados os estudos por improdutivos e por imposíbeis, adicou-se, como xa fixera o seu pai, a mercar terreos para revende-los logo aos veraneantes que viñan a pasar as vacacións á sua vila. Os cartos, segundo din algúns, fan traballar as neuronas máis que calquer outra razón; quizais por iso perguntou-se por que renunciar a facer el mesmo as casas que reportaban uns bons benefícios, por que quedar-se a metade de camiño se podia completar a cadea compra-construción-venda.


Debe ser certo que a maior motivación é sempre a económica. Agudizou tanto o seu maxín que para facer-se con fincas non dubidou en viaxar ao estranxeiro e merca-las aos que de nenos viran-se na obriga de facer as maletas para sobreviver, ou aproveitar o estado de necesidade dalgún dos seus viciños para lle adquirir as suas propiedades e así, xa de paso, saca-lo da situación calamitosa na que se atopaba. Por suposto, todo isto acompañado da misa dos domingos e dos consabidos actos de caridade.


Ademais, a sua actividade creaba postos de traballo entre os xoves da comarca, razón suprema de toda actividade honrosa e benefactora; claro que tamén os proxenetas creaban traballo e riqueza, pero non se podia estabelecer esa comparación que os seus detractrores manexaban malintencionadamente. A proba de que o seu labor gozaba dunha consideración social que aqueles non tiñan era que fora nomeado fillo predilecto polas autoridades locais en recoñecimento á sua contribuizón ao desenvolvimento da vila, un progreso patente nos grandes edifícios que incluso superaban en altura ao campanário da igrexa local e ocultaban as pequenas casas avellentadas que daban un aire xa caduco a unha vila que deberia enganchar-se ao carro da modernidade; nos aparcadoiros soterrados símbolo das grandes cidades respectuosas cos imprescindíbeis automóbeis; nas grandes áreas comerciais que demandaban os lugareños para poder codear-se cos habitantes da capital, ainda que os pequenos comerciantes saísen prexudicados pola competéncia brutal das cadeas comerciais francesas que ateigaban todo espazo comercial que merece-se ser explotado. A el non se lle podian pedir responsabilidades polas consecuéncias nefastas que tiñan que aturar os comerciantes locais pois entendia que estes non souberon modernizar-se ao carecer do espírito emprendedor do que el mesmo fixo gala durante toda a sua vida. Non tiña claro se por incapacidade dos pequenos comerciantes ou por aptitudes próprias dun home triunfador como el.


Que algunha vez se extralimitou nas medidas das obras que tiña que levantar? Quen non se equivocou nalgunha ocasión ao botar números? Non pretenderian os seus detractores que o progreso se interrompe-se por mor duns metros cadrados de máis, por moito que as leis fosen explícitas no referente ás medidas. Afortunadamente tanto os alcaldes como os arquitectos tiñan o mesmo parecer que el, e se non o tiñan sempre habia unha posibilidade de leva-los polos camiños do progreso, sobre todo económico.

Non foi moito o que aprendeu pero si o suficiente como para saber que cos cartos poden-se mercar homes e mulleres. Tamén imaxe. Imaxe de persoa respeitábel, poderosa e pulcra. Ainda que logo non resulte respectuosa, nen sexa xusta, nen estexa limpa.