A empresa EINSA de artes gráficas radicada en Pontedeume, anuncia unha regulación de emprego que afecta á case totalidade da sua plantilla e suporá, en breve espazo de tempo, o seu peche definitivo, condenando a un numeroso grupo de traballadores a engrosar o colectivo de desempregados eumeses, agravando ainda máis a situación sócio-laboral da comarca.
Hai que lembrar que os propietários desta empresa foron beneficiários dunha série de axudas en forma de subvención a fondo perdido por parte dos poderes públicos para iniciar a sua andaina empresarial, que agora pretenden deriva-la ao sector urbanístico como o proba o feito de estar a adquirir terreos a carón dos que alberga a actual empresa. Unha proba inequívoca máis do enorme atractivo que exerce a especulación urbanística no noso Concello; unha acción que amais de condenar ao desemprego a un sector importante de eumeses, pretende urbanizar unha das paraxes máis preciosas e emblemáticas da história de Pontedeume.
O Concello de Pontedeume ten a obriga de actuar como intermediário social ante os donos da empresa por depositar neles unha confianza inmerecida que amais das impagábeis vantaxes económicas e administrativas con que os dotaron, levou-lle a outorgar a un destes empresários o título de fillo predilecto de Pontedeume. Debe lembrar-lles que foron beneficiados por unha série de axudas sen exixir-lles nengunha contrapartida, doazóns que proviñan do erário público; que deben manter a actual empresa, e que non se lles van dar facilidades se o que buscan no futuro é estragar o noso entorno urbanizando un solo que os viciños de Pontedeume queremos conservar como o que é, unha paisaxe da que desfrutar agora e nos anos vindeiros e que supón a maior riqueza desta vila á que non estamos dispostos a renunciar en beneficio duns señores sen escrúpulos e cheos de cobiza que esquilman todo o que atopan no seu camiño.