11 de xan. de 2006

Que alguén pare isto!


Se non fose certo, pareceria unha broma pesada. Pero trata-se dun feito que a moitos parece-nos fóra de lugar, e de época.
O plano que figura á marxe corresponde a un proxecto actualmente en construción situado na estrada da estación, o que se pode considerar como unha ampliación do megaproxecto de Caldagueiro. Para esta obra a empresa construtora pediu licenza que non lle foi aceitada polo Concello de Pontedeume por sobrepasar-se das normas urbanísticas nunha proporción esaxerada. Segundo estas normas non se pode dar máis de 15 m. de fondo ao edificio, e o proxecto presentado (o da figura) tiña máis de 30 m. Resultado, o Concello obriga a modificar o proxecto e presentar un novo onde a profundidade queda reducida ao 15 m. legais. (Sobraria a zona gris do plano).

Pero parece que os construtores non están dispostos a deixar de gañar cartos e o que están a facer é construir segundo o proxecto inicial cunha profundidade de 30 m e modificando o trazado da rua nova para conseguir dar-lle máis volume ao seu edificio. Na actualidade levan levantadas 4 plantas desta obra. Teñen permiso para unha obra de 18 vivendas e están construindo 55.

Pode resultar incríbel que alguén se atreva a actuar deste xeito ( non tanto se sabemos que é o que persigue este tipo de empresários emprendedores) mais resulta ainda máis escandaloso que o goberno municipal non actue en consecuéncia contra estes depredadores tendo en conta que son os poderes públicos os que deben velar pola correcta aplicación das leis. Está-se a defraudar ao Concello ao construir sen licenza; está-se a ocupar solo público; está-se a transgredir a lei que outros, máis mortais, temos que acatar sen rechistar.

Isto non ten nome. É un atentado aos intereses da colectividade e unha burla a toda a sociedade, incluido o goberno municipal. Alguén ten que poñer coto a este tipo de abusos. Estamos cansos de ter que pelexar polo evidente e só podemos berrar: BASTA XA!