1.- Hai que partir da base que a información que transmite o poder sempre é máis críbel, ainda que non máis veraz, que a que espalle a oposición.
2.- É necesário insistir moito en que as mensaxes dos discordantes son sempre falsos. Non é preciso demostra-lo.
3.- Convén botar-lle a outros a culpa dos problemas. Se un concelleiro de urbanismo é criticado porque un promotor inmobiliário levanta unha obra sen a correspondente licenza, debe respostar que a ilegalidade comete-a o construtor.
4.- No suposto que se lle exixa unha atitude activa de defensa da lexislación vixente, por exemplo, paralisando unhas obras, debe utilizar o sempre efectivo recurso do siléncio administrativo.
5.- Se as mensaxes dos díscolos son moi convincentes fai-se preciso descalificar aos mensaxeiros. Serán persoas ávidas de poder e antidemocráticas que só buscan un beneficio persoal.
6.- Convén facer sempre algunha promesa, mais non cumpri-la. Seria unha mostra de debilidade que aproveitarian os contrincantes.
7.- Os médios de comunicación son de vital importáncia para espallar a verdade na que se cre, a única verdade. É doado conseguir un trato vantaxoso dalgún xornalista a cambio de pequenas exclusivas.
8.- Ante a colisión de intereses entre os empresários do cemento e os viciños intransixentes, debe optar-se polos primeiros como símbolo de modernidade. Ao fin e ao cabo, eles cambiaron o anticuado nome de construtores polo de axentes urbanizadores.
9.- Os governantes, por seren elexidos, gozan do beneficio da capacitación. Son os máis aptos e non cabe discutir nen contestar as suas decisións. Puro axioma.
10.- Non ter medo de infrinxir de cando en vez a lei. É unha prática intrínseca ao exercício do poder. Polo tanto, os que teñan que xulga-los coñecerán ben os miolos da lei e actuarán con magnanimidade.
De seguir estas sinxelas recomendacións podemos asegurar que todo permanecerá igual. Son ensinanzas recollidas das experiéncias de milleiros de anos.