31 de xan. de 2006

Decálogo para políticos faltos de recursos

Se algunha vez un governante, sexa de ámbito local ou non, atopa-se nun apuro ante as perguntas que os seus governados podan facer-lle sobre temas de difícil contestación, deberia ter en conta os seguintes consellos:

1.- Hai que partir da base que a información que transmite o poder sempre é máis críbel, ainda que non máis veraz, que a que espalle a oposición.

2.- É necesário insistir moito en que as mensaxes dos discordantes son sempre falsos. Non é preciso demostra-lo.

3.- Convén botar-lle a outros a culpa dos problemas. Se un concelleiro de urbanismo é criticado porque un promotor inmobiliário levanta unha obra sen a correspondente licenza, debe respostar que a ilegalidade comete-a o construtor.

4.- No suposto que se lle exixa unha atitude activa de defensa da lexislación vixente, por exemplo, paralisando unhas obras, debe utilizar o sempre efectivo recurso do siléncio administrativo.

5.- Se as mensaxes dos díscolos son moi convincentes fai-se preciso descalificar aos mensaxeiros. Serán persoas ávidas de poder e antidemocráticas que só buscan un beneficio persoal.

6.- Convén facer sempre algunha promesa, mais non cumpri-la. Seria unha mostra de debilidade que aproveitarian os contrincantes.

7.- Os médios de comunicación son de vital importáncia para espallar a verdade na que se cre, a única verdade. É doado conseguir un trato vantaxoso dalgún xornalista a cambio de pequenas exclusivas.

8.- Ante a colisión de intereses entre os empresários do cemento e os viciños intransixentes, debe optar-se polos primeiros como símbolo de modernidade. Ao fin e ao cabo, eles cambiaron o anticuado nome de construtores polo de axentes urbanizadores.

9.- Os governantes, por seren elexidos, gozan do beneficio da capacitación. Son os máis aptos e non cabe discutir nen contestar as suas decisións. Puro axioma.

10.- Non ter medo de infrinxir de cando en vez a lei. É unha prática intrínseca ao exercício do poder. Polo tanto, os que teñan que xulga-los coñecerán ben os miolos da lei e actuarán con magnanimidade.

De seguir estas sinxelas recomendacións podemos asegurar que todo permanecerá igual. Son ensinanzas recollidas das experiéncias de milleiros de anos.

28 de xan. de 2006

Máis aló do simple urbanismo

A empresa EINSA de artes gráficas radicada en Pontedeume, anuncia unha regulación de emprego que afecta á case totalidade da sua plantilla e suporá, en breve espazo de tempo, o seu peche definitivo, condenando a un numeroso grupo de traballadores a engrosar o colectivo de desempregados eumeses, agravando ainda máis a situación sócio-laboral da comarca.

Hai que lembrar que os propietários desta empresa foron beneficiários dunha série de axudas en forma de subvención a fondo perdido por parte dos poderes públicos para iniciar a sua andaina empresarial, que agora pretenden deriva-la ao sector urbanístico como o proba o feito de estar a adquirir terreos a carón dos que alberga a actual empresa. Unha proba inequívoca máis do enorme atractivo que exerce a especulación urbanística no noso Concello; unha acción que amais de condenar ao desemprego a un sector importante de eumeses, pretende urbanizar unha das paraxes máis preciosas e emblemáticas da história de Pontedeume.

O Concello de Pontedeume ten a obriga de actuar como intermediário social ante os donos da empresa por depositar neles unha confianza inmerecida que amais das impagábeis vantaxes económicas e administrativas con que os dotaron, levou-lle a outorgar a un destes empresários o título de fillo predilecto de Pontedeume. Debe lembrar-lles que foron beneficiados por unha série de axudas sen exixir-lles nengunha contrapartida, doazóns que proviñan do erário público; que deben manter a actual empresa, e que non se lles van dar facilidades se o que buscan no futuro é estragar o noso entorno urbanizando un solo que os viciños de Pontedeume queremos conservar como o que é, unha paisaxe da que desfrutar agora e nos anos vindeiros e que supón a maior riqueza desta vila á que non estamos dispostos a renunciar en beneficio duns señores sen escrúpulos e cheos de cobiza que esquilman todo o que atopan no seu camiño.

22 de xan. de 2006

Radiografia dun especulador









Se hai algo que está de patas arriba neste mundo que habitamos é o que chamamos con tanta familiaridade escala de valores, un raseiro polo cal podemos medir o papel desempeñado por certas persoas na nosa sociedade. Os critérios que se barallan non adoitan ser moi racionais e moitas veces están contaminados pola propaganda mediática, sexa televisión ou calquer outro médio de comunicación. Un modelo que está a facer furor é o de triunfador, entendendo como tal o que é capaz de gañar cartos con suma facilidade. Hai quen se vende a si mesmo e quen vende o dos outros.

De neno xa se decatara que as matemáticas e o latín non levaban a nengures. O seu pai tiña a ben vangloriar-se de facer un bon negócio cando mercara un terreo ao seu viciño que logo vendeu polo dobre do seu valor a uns madrileños que querian facer un “chalé” para pasar os veráns. Desde aquela, chegou á conclusión de que os números só serven se son para somar. Na escola non aprendia pero era un gran observador do seu território. Por exemplo, as persoas máis admiradas ou respeitadas eran aquelas que tiñan cartos, pois ainda que non fosen o que se di intelixentes, eran as que logo mellor se relacionaban, as que se paraban a falar co cura, as que tiñan capacidade para recomendar a “fulanito” para un traballo, etc


De adulto, xa abandonados os estudos por improdutivos e por imposíbeis, adicou-se, como xa fixera o seu pai, a mercar terreos para revende-los logo aos veraneantes que viñan a pasar as vacacións á sua vila. Os cartos, segundo din algúns, fan traballar as neuronas máis que calquer outra razón; quizais por iso perguntou-se por que renunciar a facer el mesmo as casas que reportaban uns bons benefícios, por que quedar-se a metade de camiño se podia completar a cadea compra-construción-venda.


Debe ser certo que a maior motivación é sempre a económica. Agudizou tanto o seu maxín que para facer-se con fincas non dubidou en viaxar ao estranxeiro e merca-las aos que de nenos viran-se na obriga de facer as maletas para sobreviver, ou aproveitar o estado de necesidade dalgún dos seus viciños para lle adquirir as suas propiedades e así, xa de paso, saca-lo da situación calamitosa na que se atopaba. Por suposto, todo isto acompañado da misa dos domingos e dos consabidos actos de caridade.


Ademais, a sua actividade creaba postos de traballo entre os xoves da comarca, razón suprema de toda actividade honrosa e benefactora; claro que tamén os proxenetas creaban traballo e riqueza, pero non se podia estabelecer esa comparación que os seus detractrores manexaban malintencionadamente. A proba de que o seu labor gozaba dunha consideración social que aqueles non tiñan era que fora nomeado fillo predilecto polas autoridades locais en recoñecimento á sua contribuizón ao desenvolvimento da vila, un progreso patente nos grandes edifícios que incluso superaban en altura ao campanário da igrexa local e ocultaban as pequenas casas avellentadas que daban un aire xa caduco a unha vila que deberia enganchar-se ao carro da modernidade; nos aparcadoiros soterrados símbolo das grandes cidades respectuosas cos imprescindíbeis automóbeis; nas grandes áreas comerciais que demandaban os lugareños para poder codear-se cos habitantes da capital, ainda que os pequenos comerciantes saísen prexudicados pola competéncia brutal das cadeas comerciais francesas que ateigaban todo espazo comercial que merece-se ser explotado. A el non se lle podian pedir responsabilidades polas consecuéncias nefastas que tiñan que aturar os comerciantes locais pois entendia que estes non souberon modernizar-se ao carecer do espírito emprendedor do que el mesmo fixo gala durante toda a sua vida. Non tiña claro se por incapacidade dos pequenos comerciantes ou por aptitudes próprias dun home triunfador como el.


Que algunha vez se extralimitou nas medidas das obras que tiña que levantar? Quen non se equivocou nalgunha ocasión ao botar números? Non pretenderian os seus detractores que o progreso se interrompe-se por mor duns metros cadrados de máis, por moito que as leis fosen explícitas no referente ás medidas. Afortunadamente tanto os alcaldes como os arquitectos tiñan o mesmo parecer que el, e se non o tiñan sempre habia unha posibilidade de leva-los polos camiños do progreso, sobre todo económico.

Non foi moito o que aprendeu pero si o suficiente como para saber que cos cartos poden-se mercar homes e mulleres. Tamén imaxe. Imaxe de persoa respeitábel, poderosa e pulcra. Ainda que logo non resulte respectuosa, nen sexa xusta, nen estexa limpa.



11 de xan. de 2006

Que alguén pare isto!


Se non fose certo, pareceria unha broma pesada. Pero trata-se dun feito que a moitos parece-nos fóra de lugar, e de época.
O plano que figura á marxe corresponde a un proxecto actualmente en construción situado na estrada da estación, o que se pode considerar como unha ampliación do megaproxecto de Caldagueiro. Para esta obra a empresa construtora pediu licenza que non lle foi aceitada polo Concello de Pontedeume por sobrepasar-se das normas urbanísticas nunha proporción esaxerada. Segundo estas normas non se pode dar máis de 15 m. de fondo ao edificio, e o proxecto presentado (o da figura) tiña máis de 30 m. Resultado, o Concello obriga a modificar o proxecto e presentar un novo onde a profundidade queda reducida ao 15 m. legais. (Sobraria a zona gris do plano).

Pero parece que os construtores non están dispostos a deixar de gañar cartos e o que están a facer é construir segundo o proxecto inicial cunha profundidade de 30 m e modificando o trazado da rua nova para conseguir dar-lle máis volume ao seu edificio. Na actualidade levan levantadas 4 plantas desta obra. Teñen permiso para unha obra de 18 vivendas e están construindo 55.

Pode resultar incríbel que alguén se atreva a actuar deste xeito ( non tanto se sabemos que é o que persigue este tipo de empresários emprendedores) mais resulta ainda máis escandaloso que o goberno municipal non actue en consecuéncia contra estes depredadores tendo en conta que son os poderes públicos os que deben velar pola correcta aplicación das leis. Está-se a defraudar ao Concello ao construir sen licenza; está-se a ocupar solo público; está-se a transgredir a lei que outros, máis mortais, temos que acatar sen rechistar.

Isto non ten nome. É un atentado aos intereses da colectividade e unha burla a toda a sociedade, incluido o goberno municipal. Alguén ten que poñer coto a este tipo de abusos. Estamos cansos de ter que pelexar polo evidente e só podemos berrar: BASTA XA!

5 de xan. de 2006

As outras verdades

A pesar dos dados incontestábeis que figuran nos documentos oficiais elaborados polos inspectores da Xunta de Galiza relativos ás obras que son motivo de polémica nesta pequena comunidade local á beira do Eume, o goberno, tamén local, anuncia que segundo os seus expertos a realidade é moi outra. Demostrarán, desde outra perspectiva, que as evidéncias non existen máis que cando son dictadas por eles mesmos; que o metro deixou de ser unha unidade de lonxitude aceitada internacionalmente, os ocos non son máis que sombras e as paisaxes son alucinacións. Para dotar-se desta nova perspectiva hai que elevar-se nas alturas pois só desta forma poderá-se albiscar unha nova verdade. Os que non o entendan así quedarán excluidos e, consecuentemente, estarán posuidos pola mentira.


Curiosa a reacción do goberno local (ou parte do goberno local) cando se sente acurralado pola realidade. Non se lles ocorre mellor idea que negar o evidente, o escrito, o certificado polos técnicos. Ainda deben pensar aquilo de que as ficcións, a forza de ser espalladas até a saciedade, transforman-se en realidade. Unha vella prática da direita máis cerril, aquela que se empeñaba en confundir as mareas negras con fios de chapapote, ou atribuir os atentados do 11-M ao terrorismo etarra. Temo que este comportamento sexa contaxioso e o que estamos a ver agora sexa un efeito de tantos anos de mentiras, falacias, censuras, ameazas..., unha prática tan estendida que callou non só nos máis indefensos da sociedade senón tamén naqueles que supostamente deberian estar vacinados ante esta praga: os que desde posicións de esquerda se opuxeron sempre aos métodos maquiavélicos da direita. Claro que o máis fácil é copiar; o máis difícil, innovar.


E diso se trata, de buscar outra forma de entender o goberno, a sociedade, as relacións entre administrados e administradores. Algúns ainda cren que todo o que proceda dos primeiros debe ser refusado polos segundos; que quen ocupa un cargo é forzosamente o máis capaz, cando a realidade demostra con teimosia que case sempre é o máis incapaz. Moi incompetente ten que ser quen non aprende dos seus mestres: dos que tiveron que deixar o mando por obcecar-se en defender o absurdo. Non é doado converter arrogáncia en modéstia, prepoténcia en toleráncia, irresponsabilidade en sensatez; non hai menciñas para esa doenza. Só hai que dar o paso que separa a ignoráncia da intelixéncia. Pero isto tampouco é doado.