16 de xan. de 2007

Zonas peonís


Publica La Voz de Galicia que os automobeis aparcan nas rúas de Pontedeume sinaladas como zonas peonís. Nada estraño tendo en conta que a nosa vila sempre se distinguíu por ser unha especie de pequeno reino de taifas no que a autoridade non se distingue precisamente por estar suxeita a unhas normas cívicas.
Hai algo máis dun ano, e despois de moito esforzo, conseguíuse declarar zonas peonís algunha rúas polas que o tránsito de coches as facían non aptas para o paseo, acadando así a case completa peatonalización do casco histórico. Como era de prever, a oposición por parte dalgúns foi notoria. Aínda así era unha vellla reivindicación propia das vilas cun centro urbano con marcado carácter histórico.
Sabemos que as leis son para cumprilas e que para iso é necesario uns axentes que velen polo seu cumprimento, todo o contrario do que sucede en Pontedeume. O caso é que os coches fan caso omiso do regulamento e non reparan en aparcar nas zonas reservadas para os peóns. Tampouco nada estraño dados os antecedentes que se repiten noutros eidos da vida municipal. O chamativo son as razóns que aduce a policía local para transixir coa vulneración desta norma. Tal e como recolle o xornal, "non denuncian [os policías] aos condutores, aseguran, porque non dispoñen do persoal suficiente para facelo. E é que, tal e como veñen denunciando dende hai anos, a carga de traballo administrativo coa que contan é tal que as dúas persoas que conforman cada quenda de traballo non dispoñen de horas suficientes para saír a patrullar". Toda unha invitación aos infractores para seguir conculcando o regulamento de tráfico que o concello ten aprobado soberanamente. Calquer delincuente pode actuar tranquilamente nas nosas rúas coa seguridade de non atoparse coa policía local.
Non parece esta unha forma adecuada de conseguir un lugar tranquilo, ordenado e apto para a vida que demandamos, unha vida alonxada do caótico mundo do tráfico, do ruído, das incomodidades, da suciedade,...Quédanos a dúbida de se detrás desa inoperancia dos municipais agóchase un intento deliberado de boicotear a peatonalización do casco histórico ou unha demanda de melloras laborais.
A guinda pona o concelleiro Sr. Agras que xustifica non poñer os pivotes que impidan a circulación no atraso nas subvencións para mercalos. A mesma desculpa que sinalou cando a tardanza en dotar aos xardíns de Lombardero do necesario parque infantil.










15 de xan. de 2007

Lavar a cara


Dúas noticias case seguidas no tempo fan pensar se as declaracións dos líderes políticos do PSOE son honestas ou simplemente unha cortina que fume de esconden as verdadeiras intencións dos socialistas. Na primeira delas, publicada polo xornal El País, o goberno central censura a defensa que a Genaralitat valenciana fai ante a UE sobre a figura do axente urbanizador. Como xa se sabe, a Unión Europea instou á Generalitat a modificar a súa lexislación urbanística. Na súa defensa, o goberno desta comunidade informaba da existencia doutras 13 comunidades que contemplaban a figura legal do axente urbanizador. Agora o goberno do PSOE non quere que se aduzan estas razóns por se as resolucións da UE poidesen prexudicar a esas trece comunidades. Que tería de malo que o axente urbanizador fose desterrado da lexislación española?
Por outra banda, tamén El País informa que o PSdeG apoia agora ao alcalde Foz despois de ameazar este de presentarse por libre ás próximas eleccións. Este alcalde negouse a acatar un mandato de Política Territorial para anular 1350 vivendas cuxas licenzas foron concedidas despois de anular o planeamento urbanístico de Foz e sen contar co preceptivo informe xurídico. Onde están as palabras do secretario de organización do PSOE anunciando a expulsión daqueles alcaldes dos que se sospeitara podían estar inmersos en caos de corrupción?
Moito nos tememos que todas estas declaracións só buscan lavar a cara ante a opinión pública, buscando o voto nas vindeiras eleccións. Conscientes do profundo malestar que existe na cidadanía polos numerosos casos de corrupción, só queda ofrecer unha imaxe de renovación. Pero as prebendas da construción son moi apetecibeis e difiles de refusar.
Non se pode lavar a cara coas mans manchadas.

14 de xan. de 2007

O lixo como negocio


Como moi ben sabemos os veciños de Pontedeume, porque o sufrimos, a recollida do lixo deixa moito que desexar. En información aparecida na Voz de Galicia, os concelleiros Manuel Rei e Chacho Agras achacan esta anomalía ás baixas laborais dos traballadores, se ben mentres Rei nomea unha baixa, Agras fala de dúas, unha mostra do escaso entendimento entre os concelleiros do goberno local. O que non din estes concelleiros é que hai un mes unha organización sindical denunciaba o despido de dous traballadores do servizo da limpeza.
Pero á marxe da disparidade dos datos, e aceptando ámbolos dous que a situación é caótica, non se entende como non se cubren as baixas con novos traballadores. Se é por aforrar, non parece unha decisión moi intelixente deixar o concello cheo de porquería a cambio duns poucos euros. Pode que a verdadeira razón sexa inconfesábel e teña que ver coa anunciada privatización do servizo de limpeza. Noutra ocasión xa se citaron as declaracións do alcalde sobre este tema. Era partidario da sú aprivatización porque modernizar o servizo custaría ás arcas do concello a cantidade de 600.000 euros en dez anos. O que non dicía era que nese período o concello recadaría case 2 millóns de euros polas taxas cobradas aos usuarios. Obviamente estas cifras esconden unha escandalosa operación económica que ten por finalidade conceder a unha empresa privada un suculento negocio. Quen está detrás desa empresa pode ser unha conxetura non difícil de aclarar.
Se daquela a CIG denunciaba este intento de privatización, agora o USTG tamén se suma a esta desautorización. Temos experiencias locais que demostran o escaso e deficiente servizo prestado polas empresas privadas que corren coa atención das prestacións públicas. A máis notoria é Aquagest. As empresas privadas teñen un obxectivo, o beneficio, e este increméntase canto máis se aforra en investimento. Os servizos públicos non poden estar suxeitos aos vaivéns da economía de mercado, nen sequera teñen que ser rentábeis. Deben ser eficientes.

10 de xan. de 2007

Burbulla inmobiliaria

Se algúns xa vaticinaron o próximo estoupido da burbulla inmobilaria, erraron estrepitosamente. En Pontedeume xa hai algún tempo que temos probas que demostran o fracaso dos negocios inmobiliarios. Sempre se argumentou por parte dos seus detractores que os beneficios producidos pola especulación eran escandalosos. Agora podemos afirmar que a época das vacas gordas deu paso ás flacas.

No ano 2004 a Inmobiliaria Eume declaraba unhas vendas de algo máis de 30.000 euros (5 millóns das antigas pesetas) e sen embargo o resultado só era de 775,31 euros.


Pero se xa este resultado era unha premonición do que se aveciñaba, no ano 2005 o balance foi aínda peor. Cunhas vendas superiores ao ano anterior de 52.000 euros, o balance resultou ...negativo.

Preguntámonos se non será unha irresponsabilidade seguir metido nestes negocios, que xa non o son tanto, a risco de producirse unha suspensión de pagos nas empresas e o conseguinte despido de milleiros de traballadores. Non entendemos a teimosía daqueles que aínda confían en obter apetecibeis plusvalías cando o que consiguen é empobrecerse ano tras ano. E dende logo, nunca entenderemos como se pode sobrevivir con rendas anuais de 700 euros.

Todos estes son novos datos para tratar de esclarecer a conxetura da construción. Un dilema que pode outorgar un premio Nobel ao que sexa capaz de descifrala.

6 de xan. de 2007

Cascos históricos


Unha visión dos cascos históricos que debe ser combatida é a de que sexan exclusivamente reclamos turísticos. Máis que iso os conxuntos históricos, como o de Pontedeume, deben ser núcleos vivos na máis ampla acepción do termo. Neles débese ter en conta sobre todo aos residentes, os habitantes a tempo completo da cidade ou vila. Pero tamén aos comerciantes, hosteleiros, axentes económicos e sociais, profesionais, etc.
Os residentes deberían disfrutar de todas as vantaxes dos habitantes das cidades modernas: acceso ás novas tecnoloxías, servicios, ocio, cultura, espazos públicos e vivenda digna. Xunto con todo isto, o modelo de habitabilidade dos cascos históricos debería armonizar o crecemento demográfico coa conservación do casco histórico, un dos retos máis difíciles de acadar. Un crecemento desmesurado da poboación, aínda que só fose en períodos concretos do ano, pode poñer en perigo a conservación e o patrimonio dos cascos históricos. Reciprocamente, a rehabilitación das urbes históricas pode atraer a un maior número de visitantes ou de residentes. Os núcleos históricos precisan dun ordenamento específico que pode colisionar cos intereses de certos sectores económicos. Conxugar os intereses públicos cos privados é as veces un problema irresolúbel ou cando menos de difícil solución.

25 de dec. de 2006

A conxetura da construción


Poincaré foi un matemático do século XIX que estableceu unha conxetura da que non se coñecía a súa demostración. Este ano concedeuse a outro matematico, o ruso Perelman, a medalla Fields pola demostración da célebre conxetura. Esta distinción, a máis grande na súa categoría, fai xustiza ao que a revista Science considera a maior personalidade científica deste século, capaz de resolver un dos máis grandes enigmas das matemáticas.
No mundo da construción tamén hai enigmas quizais máis difíciles de resolver, auténticas conxeturas que ningún perelman da vida poderá descifrar. Que os negocios inmobiliarios son negocios no sentido lucrativo da palabra o recoñece ata a banca, que, coa seguridade que lle dan as inmobiliarias, non teñen inconveniente en subvencionar grandes obras de millóns de euros. Exemplos temos na vila que non é preciso enumerar porque podemos cansar ao lector. Pola contra, outras iniciativas con menos beneficios non atopan canles de finanzamento para desenvolver pequenos proxectos. O víacrucis que un pequeno emprendedor debe afrontar para conseguir un permiso e a necesaria financiación vai desde a presentación da declaración da renda ata os inxentes documentos que debe presentar ante as institucións públicas e privadas, pasando polas inevitabeis entrevistas cos directores das sucursais bancarias.
Non parece ser este o "modus operandi" dos promotores inmobiliarios. Capaces de saltarse tantos obstáculos, consiguen doadamente grandes cantidades para a financiar urbanizacións que mesmo son ilegais ou de dubidosa legalidade.
O que si parece demostrado é que están exentos de presentar como aval bancario a declaración da renda. Aos feitos nos remitimos.
O grupo inmobiliario Lagares declara no ano 2004 unhas vendas por valor de 7 millóns de euros (máis de mil millóns das antigas pesetas) e o resultado positivo non é máis que de 40.600 euros (algo menos de 7 millóns de pesetas). Emulando con modestia aos matemáticos pódese deducir que non supón máis que un 0,5 % de beneficios.
A partir de aquí poderíanse concluir moitas cousas. Primeiro, este balance parece contradicir a aqueles que supoñen aos promotores uns niveis de ganancias próximos ao 50%; a banca ten unha confianza cega nos promotores independentemente das súas declaracións; como é posíbel encarar novos proxectos con semellantes beneficios; a Facenda Pública está demasiado ocupada en investigar as declaracións dos que están suxeitos a unha nómina; non todos os cidadáns cooperamos do mesmo xeito na consecución dunhas arcas coas que manter o gasto público; a xustiza non debe ser competente para investigar este tipo de presuntos fraudes; etc.
He aquí unha nova conxetura que aspira a converterse no gran enigma do seculo XXI.

19 de dec. de 2006

Os acuíferos do Couceiro Freixomil


Anúnciase na Opinión que Aquagest xa remitíu ao concello de Pontedeume un informe sobre as augas subterraneas que discorren polos baixos do colexio Couceiro Freixomil. Nel se prevé desviar o acuífero pola rúa Galera ata o desaugue no mar. Non é intención deste comentario rexeitar o informe desta compañía, que supoñemos foi realizado por enxeñeiros cualificados, pero si plantexar diversas cuestións que non foron resoltas e poden ter a medio ou longo prazo efectos desastrosos para os terreos polos que circulan as augas.
Os acuíferos desprázanse polas canles que eles mesmos e o terreo foron adaptando ao longo dos anos. Como se dunha natureza sabia se tratase, durante todo ese tempo o terreo vaise asentando nos entornos do regato e non soe ocasionar ningún tipo de problema. Estes só aparecen cando a man do home impón unha nova canle motivada polas obras que se executan nos terreos. Entón o chan vólvese máis permeábel e menos firme.
As causas da inundación hai que buscalas nas obras que se realizaron para demoler o antigo colexio. As saídas ao mar dos acuíferos foron taponadas polos escombros ou desviadas a saídas de menor sección, o que provocou unha acumulación de auga que desbordou polo colexio infantil. A dúbida que se plantexa é se a solución debería vir dada por repoñer as canles naturais do regato ou pola desviación do seu curso.
A primeira é a máis difícil dado que as obras de construción do novo colexio nin sequera comezaron. A segunda resultou ser a escollida pola empresa pero non sabemos se por ser a máis factibel ou a máis efectiva. Calquer desviación dun acuífero ten unhas consecuencias imposibeis de predecir; debe transcorrer moito tempo antes de asegurar os efectos das augas sobre os terreos que pisa. A posibilidade de que vaia erosionando o chan debería quedar totalmente desbotada antes de optar por unha solución deste tipo. Ademais, por experiencias anteriores sábese que os terreos polos que discorrían acuíferos que foron sobreexplotados ou eliminados pola extración de auga subterránea para uso humano, provocaron afondamentos do solo pola perda de soporte. A desaparición das augas subterráneas xa producíu afondamentos en México e California.