30 de maio de 2014

Por que imos acudir á manifestación?

  • Porque o primeiro son os rapaces e a súa educación. 
  • Porque os espazos públicos son constantemente desmantelados en beneficio de intereses corporativos.
  • Porque o lecer e a educación son partes fundamentais para alcanzar unha mellor calidade de vida.
  • Porque a xuventude eumesa non dispón de espazos nin equipamentos para practicar deportes.
  • Porque estamos fartos de que a escola pública pague os pratos rotos da clase política.
  • Porque temos razón e eles actúan sen razóns.
  • Porque estamos fartos da prepotencia e abusos do poder.
  • Porque queremos que se teñan en conta as opinións dos cidadáns antes de tomar decisións que nos afectan negativamente.
  • Porque estanse a conculcar os dereitos dos alumnos do IES Fraga do Eume, dereitos polos que debería velar a consellaría de educación.
  • Porque estamos fartos de votar a políticos que interpretan o noso voto como un cheque en branco para gobernar con despotismo.
  • Porque anhelamos cambios necesarios e estes non veñen sós.
  • Porque a sociedade empezou a cansarse da nula atención que se lle presta  e decidíu botar a andar.
  • Porque podemos e debemos reverter as situacións inxustas.




27 de maio de 2014

Manifesto da comunidade educativa do IES Fraga do Eume

POLA RESTITUCIÓN DO CAMPO DE FÚTBOL

Como cidadás e cidadáns activos e conscientes dos nosos dereitos afirmamos que a misión dos políticos electos é administrar correctamente os bens que son de todos, e a nosa misión, a misión da cidadanía, é actuar de contrapoder, é dicir, loubar ao poder cando o poder acerta, criticar ao poder cando o poder se trabuca, e denunciar ao poder cando o poder abusa. Hoxe estamos aquí para criticar a actuación do Alcalde de Pontedeume e do Conselleiro de Educación e para denunciar o abuso claro e flagrante que están a perpetrar contra os dereitos dos membros da nosa comunidade educativa da que forman parte os pais, nais, alumnos e profesores que están aquí manifestándose.

Denunciamos o abuso que se está a cometer ao privar a un centro educativo e aos veciños de Pontedeume dun espazo para a práctica deportiva e o lecer. Afirma o Alcalde que é unha instalación deportiva infrautilizada. En que se basea para afirmar iso? Fixo algunha vez algo para reverter esa situación? Se o campo de fútbol do IES Fraga do Eume foi pouco usado nos últimos anos foi especialmente polo estado lamentábel no que o deixaba o Concello de Pontedeume despois de que xenerosamente se lle cedese como aparcadorio durante o verán sen pedir o Instituto contrapartida algunha, agás a propia restauración da instalación deportiva.

A relación do IES Fraga do Eume co Concello sempre foi de colaboración total e de apertura das instalacións deportivas do mesmo para uso municipal fóra do horario escolar. Pero o Concello respostou a esta actitude de colaboración cun acto de prepotencia ao reclamar o campo de fútbol á Consellería de Educación sen falar nin negociar cos afectados, se cadra, pensando que iamos ficar calados ou sen facer nada. Pois trabucouse.

Criticamos que as autoridades locais e autonómicas esquezan que unha das esencias dos bens públicos, como o campo de fútbol do IES Fraga do Eume, é a non rivalidade, é dicir, que o uso e goce por parte dun usuario adicional non supoña unha limitación para o uso e goce dun usuario que xa fai uso del. Pois ben, os usuarios da nosa comunidade educativa e tamén moitos veciños de Pontedeume sentímonos expulsados do uso e goce dun ben que pasou de ter unha finalidade lúdica e deportiva a ser un precario e poeirento aparcadoiro de coches.

O prioritario no deseño dos espazos urbanos non son os coches senón as persoas, e que estas teñan accesos a equipamentos deportivos e culturais axeitados. O Alcalde da vila e, especialmente, o Sr. Conselleiro, seica esqueceron que non existe no ordenamento xurídico o dereito a aparcar no centro da vila (de feito, a tendencia é afastar os coches dos centros urbanos para os humanizar), pero si existe o dereito a unha educación e a uns servizos públicos de calidade e deberían velar por eles antes de actuar como correas de transmisión doutros grupos locais de presión.

Somos conscientes de que a Vila de Pontedeume ten problemas de aparcamento e que é unha aspiración lexítima amañar esa demanda histórica pero non se pode facer a calquera prezo e pasando por riba dos dereitos dos escolares. Tal vez, estos escolares, non lle quitan o sono ao señor alcalde, pero o que non é de recibo é que o Conselleiro de Educación, en clara complicidade co anterior, tamén se esqueza deles. Por iso, os aquí presentes, demandamos ao Conselleiro que vele polos intereses dos seus administrados en lugar de estar tan preocupado por axudar ao alcalde a cumprir os seus compromisos electorais. Non é admisíbel que o interese de partido sexa tan forte, tan dominante, tan excluínte, que pase coma un cabalo por riba das necesidades da escola pública, xa castigada con recortes dende hai anos. Logo que non se queixen do desprestixio da clase política.

E queremos dicirlle ao Alcalde e ao Conselleiro que imos perserverar, que seguiremos insistindo en denunciar este abuso até que os tribunais nos dean a razón ou eles recuperen a súa, xa que o que nunca debe esquecer un representante político é cales son as prioridades da sociedade.

Moitas grazas a todos e a todas e se isto non se amaña, de hoxe nun ano, outra vez estaremos aquí para que se escoite a nosa voz.



22 de maio de 2014

Manifestación contra a cesión do campo de deportes do IES Fraga do Eume


















A comunidade educativa do IES Fraga do Eume convoca unha manifestación en Pontedeume a celebrar o sábado 31 de maio ás 12h. Partirá do campo de deportes do devandito instituto e rematará na Praza Real. 

As razóns que levan a alumnos, pais e profesores a manifestar a súa oposición a que o campo de deportes sexa utilzado como aparcadoiro de forma definitiva son varias. Lembremos que a actitude do goberno local e da consellaría de educación de utilizar un espazo educativo e de lecer para os xoves como aparcadoiro foi unha decisión arbitraria e abusiva por parte das autoridades pois non se tivo en conta o parecer da comunidade educativa. Nada estraño se botamos a vista atrás e repasamos  o comportamento antidemocrático dun alcalde que nunca soubo entender que a misión dos políticos está en administrar da mellor forma posíbel os bens da comunidade e ter en conta o parecer desta.

O campo de deportes do instituto sempre foi utilizado tanto polos alumnos do mesmo centro como pola xuventude de Pontedeume que, a falta doutros espazos nos que practicar algún deporte, facía uso do mesmo en período estival. Isto foi así ata que o Concello decidíu utilizalo como aparcadoiro. O que a comunidae educativa reclama non é só un espazo que por dereito lle pertence senón tamén un espazo para toda a xuventude eumesa cuxos dereitos son ninguneados por aqueles que priman o uso dos vehículos sobre a formación cultural e deportiva dos xoves.

Lembrar por último que a concesión do campo de deportes ao Concello de Pontedeume é unha medida que está recorrida ante os tribunais polo Claustro de profesores e ANPA do centro educativo. Como sempre, e desgraciadamente, son os cidadáns os que, mediante o seu esforzo e recursos económicos, deben velar polo respecto máis absoluto da legalidade e dos dereitos do alumnado. Unha obriga que lle corrspondería aos responsabeis de Educación pero que sacrifican en aras de intereses políticos.


11 de maio de 2014

O salvaxe oeste non era tan salvaxe
























Rodrigo Rato está imputado por presuntos delitos de estafa, apropiación indebida, falsificación de contas anuais, administración desleal, maquinación para alterar o prezo das cousas e delitos societarios.

A pesar diso o 19 de marzo pasado, xusto o día que cumpriu 65 anos e cobrou 522.000 euros de fondo de pensións de Bankia onde cobraba 2,34 millóns ao ano cando era presidente foi nomeado membro do consello de administración de Servihabitat, a inmobiliaria fundada pola Caixa. 

Este nomeamento chegou despois de que en setembro de 2013, o Santander escollérao como membro do consello asesor internacional. Cobrará uns 200.000 euros anuais por prestar este servizo, mediante dúas reunións anuais.

Ademais, incorporouse en xaneiro de 2013 a Telefónica como conselleiro asesor para Europa e Iberoamérica, tamén sen funcións executivas e cobrando dietas pola súa asistencia ás reunións. 

10 de maio de 2014

Un pouco de historia

Ás veces o tempo non pasa polas palabras. Nin parece que pase o tempo. Os mesmos feitos, os mesmos personaxes e a mesma corrupción. 

Hai 7 anos nesta mesma páxina escribía: Un auténtico pelotazo urbanístico que pode deixar na rúa aos traballadores desta empresa (Einsa) que xa hai un ano confesaba ter problemas para dar traballo a todos os seus empregados e agora, inexplicablemente, di querer ampliar a fábrica.

A premonición era acertada. Daquela gobernaba en Pontedeume a coalición PSdG+BNG+IP e hoxe, gobernando o PP, a planta de Einsa en Pontedeume non existe. Por Andrade sopla un aire feudal propio doutras épocas. 

8 de maio de 2014

Einsa ou como se argalla un fraude coa colaboración do Concello

Por fin a planta de Einsa en Pontedeume desaparece logo de despedir aos 9 traballadores que nela permanecían a modo de garantía para conseguir a aprobación dun plan sectorial que foi presentado ao Concello e que tiña como fin a recualificación dos terreos. 

Unha vez aprobado o PXOM xa non é preciso seguer simulando actividade e o retén de 9 traballadores, máis outros 11 de As Pontes, vanse para casa a engrosar a infinita lista de parados deste país.

Einsa xa optara hai anos por cambiar de actividade empresarial. Logo de crear unha sociedade inmobiliaria asinou co Concello de Pontedeume un convenio que implicaba recualificar os terreos  que ocupan as instalacións mais outros adxacentes de veciños de Andrade para crear solo de uso industrial terciario (actividades industriais, servizos, centros comerciais, etc).

A aprobación provisional do PXOM por parte do goberno popular de Torrente comprace así as expectativas de Einsa e consecuentemente xa non fan falta os traballadores. Pero o realmente escandaloso deste proceso é a actitude colaboracionista do alcalde eumés. Argumentando o interese público dunha empresa que dá traballo aos veciños da comarca, accede ás pretensións da empresa que na práctica supoñen o despido libre de todos os traballadores e a materialización dun gran pelotazo urbanístico. Nas respostas que o PXOM dá aos veciños afectados polo convenio entre Concello e Einsa alégase a necesidade de adaptar á lexislación vixente unha actividade económica vital para a comarca.

Agora que esa actividade xa se demostrou que non existía ninguén pode negar que toda o proceso enmascaraba unha operación urbanística que beneficia exclusivamente aos propietarios da empresa en prexuizo dos traballadores que pasan ao paro e de varios veciños que perden dereitos sobre as súas propiedades. 

E todo en connivencia co alcalde de Pontedeume, ao que, parafraseando ao seu antigo xefe, deberiamos berrarlle: Váiase dunha puta vez

3 de maio de 2014

Outro concepto dos espazos públicos



































Quen non lembra a Praza do Convento tal como era non hai moitos anos? Unha praza pensada para estar, para disfrutar, ata que tempos non mellores nos que se impuxo unha mal chamada modernidade abocaron a moitos destes espazos a unha radical transformación que os fixeron inservibeis.

Alcaldes, deseñadores, falsos urbanistas e sucios negocios da construción modificaron non só as prazas, rúas e espazos verdes senón tamén o valor patrimonial das vilas como Pontedeume. Unha deriva que se mantén ata o día de hoxe sen que os cidadáns saibamos ou queramos poñerlle punto final. Impasibeis ante o deterioramento do casco histórico, ante a utilización dos parques públicos como aparcadoiros de coches, ante a destrución do mercado municipal, deixamos que a ignorancia dos alcaldes sexa a que dictamine o futuro de Pontedeume. Non só a ignorancia, tamén escuros intereses personais e económicos