Cando desde o Concello se incorre nos mesmos fallos, fallos que afectan á poboación de forma evidente, e non se poñen os medios para evitalos, é que ao equipo de goberno "se la suda" o que poida pensar o cidadán. Por outra banda nada novo se lembramos a pouca atención que o alcalde desta vila presta aos seus vasallos.
Por segunda vez nesta semana os veciños de Pontedeume, ou parte deles, sufriron o consabido corte de auga por mor das averías que se producen na rede de abastecemento. Que é obsoleta ninguén o discute. Pero non parece ser esta razón suficiente para que o rexedor busque os medios necesarios para substituila. Quizais a súa preocupación estea agora en gastar 200.000 € en eliminar unha rampa de acceso do peirao eumés sen saber moi ben cal é a súa finalidade. E é que as prioridades de Torrente son inescrutabeis como os camiños do señor.
Volvendo ao tema da auga, pode que o equipo de goberno local non vexa a necesidad de ducharse de calquera humano antes de ir ao traballo; pode que non sexan conscientes da necesidade da auga para poder cociñar; pode que non saiban que certas persoas, nenos ou vellos, necesitan da auga a cada momento; pode que non se enteiraran que vivimos no século XXI. Se isto é así, pode que non se duchen, non cociñen nin presten atención aos que a necesitan. E pode que nos tomen por idiotas.