A asociación de comerciantes de Pontedeume (UCOA) moveu ceo e terra ata conseguir que o Concello expropiase o campo de deportes do IES Fraga do Eume e o convertise nun inmundo aparcadoiro. Os directivos da asociación alegaban que o comercio local necesitaba atraer clientes que por falta de aparcadoiros non visitaban a nosa vila.
Cando o mercado municipal foi pechado por decreto de Torrente o comercio eumés sufríu a maior crise dos últimos anos por falta de visitantes e UCOA non moveu un dedo para conseguir resolver o problema (si argallou unha farsa para lle meter aos praceiros unha oferta do Partido Popular).
Por que tanta preocupación nun caso e nula noutro? Semellante contradicción só pode entenderse se pensamos que este clan de pequenos comerciantes prima a defensa do alcalde sobre os intereses do sector. UCOA destápase así como o brazo tonto de Torrente. A cambio contará co apoio oficial para montar bodrios como Fashion Night, Escondemos un Segredo, Feira Medieval (ao servizo de autónomos foráneos), etc. En fin, unha falta total de miras, propia dun grupo con poucas luces para entender os problemas do pequeno comercio.