Segundo admite a Xunta de Galiza, o pequeno comercio supón o 13% do produto interior bruto e mantén máis de 110.000 postos de traballo. Pero os datos dos últimos anos son preocupantes. O Instituto Nacional de Estatística alerta que case 5.000 comercios galegos pecharon nos últimos catro anos.
Dúas son as razóns fundamentais desta situación. Por unha banda a crise económica e pola outra a proliferación das grandes superficies comerciais que, lideradas polos grandes monopolios, se ceban no pequeno comercio.
Os alcaldes das grandes cidades e das pequenas vilas seguen a favorecer a estes trusts comerciais a pesar das nefastas consecuencias para a economía local. O proxecto do mercado municipal de Pontedeume vai nesta dirección.