Estado no que quedou o campo despois do uso como aparcadoiro |
Nunha carta enviada ao conselleiro de educación a asociación de nais e pais do instituto Fraga do Eume pídelle ao responsábel da consellaría que se posicione e defenda os intereses da comunidade escolar.
A ANPA amósase preocupada pola posíbel cesión do campo de deportes ao Concello de Pontedeume para o seu uso como aparcadoiro de vehículos. Aínda que admite que a falta de prazas de estacionamento é únha realidade, demanda do Concello que procure outras alternativas que non danen aos rapaces.
Lembra que no ano 2009 os terreos xa foran cedidos durante os meses de verán e que o Concello, nun acordo asinado coa consellaría, comprometérase a manter en boas condicións o campo de fútbol unha vez fose devolto ao centro educativo. Porén o uso como aparcadoiro estendeuse durante os últimos anos sen que se respectase o acordo asinado.
A intención do Concello de dispoñer deste terreo con carácter indefinido leva á ANPA a criticar a desaparición dun espazo no que os seus fillos poidan adquirir hábitos de vida saudabeis, impedíndolles a práctica de actividades deportivas ao aire libre. Lembra, por último, que durante estes anos tanto o Consello Escolar Municipal como o Consello Escolar do centro opuxéronse ao uso do campo deportivo como aparcadoiro.
O Claustro de profesores apoiou esta iniciativa das nais e pais do instituto.