31 de dec. de 2014

Conciencia do delito

O peor da corrupción que asolaga este país non son as cantidades defraudadas das arcas públicas; o peor é a falta de conciencia que permite ver os feitos como algo natural, inevitábel e carente de importancia. Este sentir está arraigado na clase política corrupta  pero tamén en sectores da sociedade. Acaba de publicarse que a Fiscalía investiga ao Concello de Pontedeume, é dicir ao seu alcalde e equipo de goberno, por contratos irregulares feitos durante o seu mandato. Algo que os eumeses presupoñían. E é aquí que Torrente se “despacha” cunha das súas frases que merecen pasar a antoloxía do disparate político eumés ao que  xa nos ten acostumados: “aínda que si se trata de actos administrativos irregulares, estes realízanse dese modo porque «non hai outra forma». Se eu necesito contratar a un limpador ou un conserxe e a administración non mo permite, esa é a única forma de facelo” 

Electoralismo ou irresponsabilidade?


O tema do campo de deportes do IES Fraga do Eume leva camiño de se converter, polo que parece, no “Dien Bien Phu” de Torrente, no último dos despropósitos do alcalde eumés. Como é sabido, a comunidade escolar do centro, representada pola ANPA e Claustro de Profesores, interpuxeron un contencioso administrativo contra a Consellaría de Educación pola cesión ao Concello do devandito recinto escolar, recurso que está en fase preliminar.

Segundo informan os medios, o rexedor avanzou que outro dos proxectos máis esperados e que tamén sairá a licitación canto antes serán os traballos do novo estacionamento nas inmediacións do IES Fragas do Eume. O centro escolar contará cun novo aparcadoiro, que se realizará con cargo ao plan DTC da Deputación da Coruña, cun orzamento de 85.000 euros. As obras incluirán ademais do aglomerado, a colocación de diversas árbores.

A cuestión é a seguinte: ou ben se trata dun anuncio electoralista, en cuxo caso non merece máis atención que a que se lle presta a este tipo de comentarios propios das campañas electorais, ou, pola contra, trátase dun asunto de extrema irresponsabilidade por gastar 85.000 euros nunhas obras que poden ser anuladas nun auto xudicial favorábel ao instituto, ao que habería que engadir o custo de restituir o campo ao seu estado orixinal.


Calquera persoa que se precie, sen ser demasiado instruída, debería optar pola precaución ante a imprudencia. Pero sabemos que este mandatario eumés non se distingue precisamente pola mesura que caracteriza aos homes sabios. Así que debemos estar preparados para contribuír cos nosos impostos a unha obra inútil e inxusta.

23 de dec. de 2014

En contra da amnesia


























O alcalde de Pontedeume debe estar convencido de que os eumeses padecemos una especie de amnesia que nos impide lembrar o acontecido nos últimos anos, algo así como una amnesia interesada. Por esa razón pretende fixar nas nosas retinas una imaxe de actividade que perdure ata as próximas eleccións municipais. De repente vemos pola vila grupos de traballadores de empresas privadas afanados en limpar o acumulado durante anos de inactividade. Unha vez máis Torrente equivócase ao crer que en catro meses tápanse os erros de catro anos.

E non só erra ao pensar que sufrimos desmemoria; tamén erra ao xestionar os cartos públicos. Hai que pedirlle explicacións do por que agora debemos pagar cos nosos impostos as contratacións  de empresas “amigas” cando hai traballadores municipais que xa cobran por un traballo que Torrente decide externalizar.

E falando de empresas “amigas”: o alcalde está a crear un clima social moi perigoso ao favorecer desde o Concello contratos ou compras naqueles negocios locais que levan o distintivo do PP, opoñéndose a calquera trato comercial co resto do pequeño comercio. Levar as diferencias ideolóxicas ao terreno das relación persoais ou comerciais é un retroceso na convivencia que non beneficia á comunidade e afonda aínda máis na división social. Unha grande irresponsabilidade por parte dun rexedor que xa amosou que esta é a súa principal característica.

20 de dec. de 2014

A voltas co plan de urbanismo



Quéixanse os socialistas eumeses do escurantismo que rodea a aprobación do PXOM. Desde que foi aprobado polo goberno local pasaron 10 meses sen que a Consellaría de Medio Ambiente e Territorio dea o aprobado definitivo. E culpan a Torrente e séquito da falta de compromiso para levar a bo porto este trámite administrativo. 

As verdadeiras razóns para explicar a paralización do PXOM hai que preguntarllas á mesma consellaría. O documento aprobado polo pleno municipal, coa abstención do PSdG e BNG, contiña numerosas irregularidades e demasiadas concesións aos intereses privados. Os partidos da oposición alegaron, para defender a súa abstención, non dispor de tempo para estudar o documento pero esa é unha razón difícil de esgrimir se pensamos que con un pouco de vontade podiase facer un balance do mesmo como fixeron, a título persoal, varios cidadáns. O certo é que algunhas desas persoas si denunciaron ante a consellaría as anormalidades do plan aprobado polo goberno municipal, e se isto foi posíbel para particulares debería selo para os partidos da oposición que si contan con máis medios para realizar este tipo de denuncia. A cuestión que se plantexa é: quérese?

16 de dec. de 2014

Marca da casa

Existe a Marca Pontedeume? Por suposto, e ten moitos distintivos: abandono, desleixo, caciquismo, autocracia, favoritismo...
A expropiación do campo de deportes a un centro escolar tiña por obxecto favorecer a afluencia de visitantes á vila dotándoos dun espazo no que aparcar. As condicións nas que se atopa e as formas de expropiación son secundarias.

6 de dec. de 2014

Unha auténtica lección de populismo

Os políticos, sen seren moi eruditos, aprenderon ben a lección e saben que non hai nada mellor para ocultar os propios defectos que acusar dos mesmos aos adversarios. Nestas semanas está de moda falar do  populismo e precisamente os que máis o critican son os que máis o aplican. En Pontedeume o goberno local fai gala do populismo máis arcaico que poida existir: o fútbol e a súa defensa. Se hai tres anos investíronse case medio millón de euros en acondicionar o campo de fútbol do Eume deportivo, agora volven adicar unha partida de máis de 50.000 € para acometer novas obras.

Para este tipo de investimentos non se alega falta de recursos. Porén non os hai para servizos sociais, axudas á educación, obras de saneamento, protección aos máis desfavorecidos, etc, etc. A razón é ben coñecida: o papel que xoga o fútbol como reclamo electoral e ansiolítico do malestar social fai deste deporte unha prioridade política de primeira orde. E a esta necesidade non se subtraen tampouco os partidos da oposición. Que será capaz de poñerlle o cascabel ao gato?