Este goberno local adoece dunha das peores patoloxías que poidamos imaxinar: a mentira. Quen nos goberna, ou pensa que a base de moito repetilas acaban sendo verdades, ou de forma enfermiza confunde realidade con ficción.
O caso é que, doido como está o alcalde pola actitude reivindicativa dos praceiros, ameaza a estes con accións legais polo dano económico que lle supón ao Concello perder unha subvención de 120.000 euros para amañar a cuberta do mercado municipal. Esta bravuconería foi publicada o día 22 de marzo no xornal Diario de Ferrol. Mais resulta que anteriormente, o 19 de febreiro publicábase no DOG o anuncio de que lle fora concedida dita subvención ao Concello de Pontedeume.
Pero aquí non pasa nada por mentir. Outra faceta máis da "Marca España". Noutros países moi próximos ao noso estas "debilidades" dos mandatarios son castigadas coa demisión inmediata dos mesmos. Non tanto polos efectos perversos das mentiras senón pola escasa consideración que lles merecen os seus cidadáns.