30 de dec. de 2012

A cachos

Localidade: Pontedeume
Lugar: rúa Real
Data: hoxe
Catalogación: casco histórico
Causas: abandono, desleixo e indiferencia

27 de dec. de 2012

Outro tipo de terrorismo


A destrución do patrimonio histórico parece ser un tema reiterativo en Pontedeume. Sendo o noso casco histórico a mellor salvagarda do noso futuro parece mentira que os responsabeis municipais toleren que os propietarios das xoias arquitectónicas eumesas dilapiden un ben cultural.

A casa da rúa das Virtudes que xunto co convento do mesmo nome adornaba unha praza sen igual da vila de Pontedeume foi abandonada día tras día a pesar das denuncias que colectivos ecoloxistas presentaron nas oficinas do Concello e da Xunta de Galiza. Un abandono premeditado para facer tábula rasa e poder coinstruír con maior volume de edificación.

Agora o goberno local vai demoler esta casa senlleira como colofón a un dos maiores despropósitos urbanísticos que poidamois imaxinar. E iso que a lei de patrimonio cultural é ben clara. Tanto os propietarios como os poderes públicos teñen a obriga de conservar, coidar e protexer os bens integrantes do patrimonio cultural de Galiza, considerando infracción moi grave o derrubamento ou a destrucción total ou parcial de inmóbeis declarados bens de interese cultural. Pero parece que as leis non son o prato forte deste noso (?) Concello de Pontedeume

12 de dec. de 2012

O claustro e a ANPA contra a cesión do campo de deportes

Diario de Ferrol-2012-12-11-016-85a7d332O Claustro de profesores acordou opoñerse á cesión do campo de deportes como aparcadoiro. A mesma oposición amosou a ANPA do instituto nunha xuntanza celebrada onte.

Á espera dunha próxima reunión dos alumnos do centro, pódese afirmar que a comunidade educativa do IES Fraga do Eume rexeita rotundamente privar ao centro escolar dunha das súas instalacións para convertila nun aparcadoiro durante todo o ano. 

A referida instalación é un campo de deportes que os alumnos usan a diario, ben como lugar de ocio nos recreos, ben como lugar de actividades deportivas dentro do seu proceso de formación. Esta afirmación contradí os argumentos da alcaldía que asegura, intencionadamente, que o espazo é infrautilizado. O Claustro de profesores lamenta que a boa disposición e colaboración que o centro amosou sempre co Concello se vise recompensada co desprezo e ninguneo que o goberno local mantivo neste proceso. En ningunha ocasión pedíuse a opinión da comunidade educativa  sobre o uso do campo deportivo.

A ANPA considera necesario a procura de alternativas á falta de aparcadoiros na vila eumesa pero rexeita a solución dada polo Concello. Tamén esperan chegar a acordos cos alumnos para tomar medidas contra a decisión municipal.

Tanto o Claustro como a ANPA enviaron sendos escritos á Consellaría de Educación e ao xefe territorial da mesma na Coruña amosando o seu rexeitamento á cesión do campo de deportes

r

6 de dec. de 2012

Cociñando o PXOM

Foto:Diario de Ferrol
Despois de tres anos dende a probación inicial do plan de urbanismo polo pleno municipal a Xunta apremia ao Concello para que Pontedeume se dote dun planeamento urbanístico que substitúa ás normas subsidiarias actualmente vixentes.

Nunha reunión celebrada esta semana entre o alcalde e a secretaria xeral de Ordenación e Territorio ámbolos dous fixeron un repaso do estado dos informes sectoriais que os redactores do plan deben recoller na súa redacción definitiva. Lembrouse que despois desta modificación o plan será sometido a votación nun pleno para, de ser aprobado, remitilo posteriormente á Xunta.

A falta de información que caracteriza ao goberno local fai que aparezan certas dúbidas e temores entre os cidadáns eumeses.

a) Despois das modificacións vai ser sometido o plan a unha exposición pública?

b) Vanse estudar as 600 alegacións que os eumeses presentaron ao borrador inicial do plan?

c) Tendo en conta que, debido as esixencias da Xunta, este foi radicalmente modificado vaise abrir un novo período de alegacións ao novo proxecto?

d) A modificación do plan supón un novo proceso de tramitación que pode durar varios anos?

Todas estas preguntas deberían ser contestadas polo alcalde de Pontedeume se na súa concepción do cargo houbese un interese manifesto de servizo público. Mentres tanto o PXOM seguirá cociñándose a fogo lento sen garantías de que se leve a bo fin.

1 de dec. de 2012

Unha medida de incuestionábel ilegalidade



A procura de convertir o campo de deportes dun instituto de ensino medio en un aparcadoiro de vehículos é, amais dunha monstruosa medida, unha flagrante ilegalidade.

O Real decreto 132/2010, do 12 de febreiro, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan as ensinanzas do segundo ciclo da educación infantil, a educación primaria e a educación secundaria estipula no seu artigo 3 que os centros deberán dispor obrigatoriamente entre as súas instalacións dun patio de recreo, parcialmente cuberto, susceptible de ser utilizado como pista polideportiva, cunha superficie axeitada ao número de postos escolares. En ningún caso será inferior a 900 metros cadrados.

Pois ben, se a consellaría optase por ceder ao concello de Pontedeume esta instalación, o centro escolar incumpriría os requisitos mínimos que o Real Decreto esixe ao non dispor dun recinto de tales características. Dito doutra forma, o conselleiro de educación estaría a prevaricar por faltar inexcusabelmente ás obrigas do seu cargo. Non parece lóxico nin razoábel que isto vaia suceder. Á prevaricación do conselleiro habería que sumarlle neglixencia.

Pero hai máis. A concesión periódica que se fixo ao concello do devandito campo  durante os últimos veráns tamén resulta ser unha evidente ilegalidade. O mesmo Real Decreto acorda que as súas instalacións ( dos centros educativos) poderán ser utilizadas fóra do horario escolar para a realización doutras actividades de carácter educativo, cultural ou deportivo. Alguén pode pensar que aparcar coches é unha actividade educativa, cultural ou deportiva? Parece que os responsabeis da consellaría así o entendían pero será cuestión de que no futuro alguén lles recorde que isto non é así. Estamos afeitos a que a administración pública se salte alegremente as normas que ela mesma dita para obrigado cumprimento dos cidadáns. Só é menester que os cidadáns denuncien estes feitos para que os cargos políticos actúen en consecuencia. Póñanse como exemplo as instalacións do Firrete.

Visto o anterior parece imposíbel que a cesión do campo de deportes se leve a cabo. Como tamén parece imposíbel que o próximo verán este campo poida ser utilizado novamente como aparcadoiro.