O parque natural das Fragas do Eume está considerado un Lugar de Importancia Comunitaria (LIC), catalogación previa para acadar a titulación de Zona de Especial Conservación (ZEC). Estas son áreas de grande interese medioambiental necesarias para a conservación da diversidade e nas que a Unión Europea ten postas as súas esperanzas.
E precisamente son as autoridades europeas as que amonestan ao goberno por non
elaborar os plans de conservación
destes lugares que xa deberían ser declarados Zonas de Especial Conservación, entre eles as Fragas do Eume. Advirten ao Goberno de España que poden tomar medidas legais e abrir un expediente de infracción xunto cunha demanda ante o Tribunal de Xustiza da UE.
Se aceptamos que os espazos protexidos son unha fonte de riqueza medioambiental á vez que propician unha economía baseada no turismo sostíbel, o desinterese que amosan os gobernantes raia a delincuencia institucional. Galiza é a comunidade do estado que menos espazo protexido ten declarado. Só un 12% do territorio galego goza deste tipo de protección fronte a unha media estatal do 22%. Non contentos con estar á cola permítense obviar as directices comunitarias relativas á protección do espazos naturais. O abandono das Fragas do Eume é a ciencia certa un dos máis graves que se dá nos LIC. O parque natural perdeu nas últimas décadas un 20 % do seu hábitat por mor da masiva invasión do eucalipto; o Eume, arteria do parque, é xa un río en estado terminal; a industria pontesa máis contaminante (e as previsíbel mina de andalucita) está a exterminar a flora e fauna que habita dende milleiros de anos no corazón das fragas. En suma, unha total falta de compromiso por parte dos que están obrigados a garantir a conservación da natureza.