Antiga casa de D. Pablo |
A primeira licenza concedida á casa de D. Pablo polo goberno de Belarmino Freire foi denunciada polo colectivo Fusquenlla que obrigou á paralización das obras. Posteriormente o promotor solicitou permiso para continuar a construción amparándose en novos proxectos que, se ben tentaban correxir algunhas das ilegalidades que motivaron a suspensión, aínda mantiñan un cúmulo de despropósitos que atentaban contra as normas subsidiarias vixentes no concello de Pontedeume.
A última vez que Progasa 2000 presentou un proxecto de legalización este foi rexeitado tanto polos técnicos do Concello como pola propia Secretaria. As razóns: non se poden dar como aprobadas licenzas que vaian en contra do planeamento urbanístico vixente.
Mais o alcalde Gabriel Torrente non obrigou a paralizar as obras que os promotores continuaron, amparándose no silencio do goberno municipal. Unha nova versión desa política tan eumesa do "ti vai facendo". Mentres tanto algúns compradores instálanse nas vivendas sen ter licenza municipal de primeira ocupación.
Se o goberno de Freire foi o responsábel incial deste infortunio urbanístico, non o é menos o goberno de Torrente que mirou para outro lado e permitíu que as obras finalizasen cando os informes eran desfavorabeis. As posibeis consecuencias no caso dunha intervención xudicial poden ser catastróficas para os propietarios das vivendas adquiridas.
O Concello non pode dar licenza de primeira ocupación só risco de incorrer nun delito de prevaricación. Se o proxecto xa non se axustaba á normativa vixente, o resultado aínda menos. Varios trasteiros que figuran nos planos presentados por Progasa 2000 foron acondicionados e engadidos a unha das vivendas para aumentar a súa habitabilidade. E o goberno local coñece perfectamente a situación na que se atopa esta e outras vivendas
do inmóbel. Ese mesmo goberno que denunciou na pasada campaña electoral que o que era á sazón concelleiro de urbanismo cando foi concedida a primeira licenza resultaba ser propietario agora de varios inmobeis no edificio. Nun elemental exercicio de coherencia o PP non pode agora legalizar as obras da antiga casa de D. Pablo.