29 de nov. de 2010

Plataforma contra a corrupción municipal en Pontedeume

Acaba de facerse público un manifesto cidadán que alerta da irresponsabilidade de certos grupos políticos que albergan dentro das súas candidaturas municipais a persoas presuntamente vinculadas a infraccións  urbanísticas. Recientes sentenzas xudiciais que demostran a ilegalidade de certas licenzas e a imputación de cargos públicos en ditos procesos debería ser suficiente para que se procedese por parte dos partidos políticos a unha limpeza das súas candidaturas de cara ás próximas eleccións municipais do 2011. 
Dende a citada plataforma pídese apoiar unha campaña de firmas para esixir aos partidos esa tan desexada hixiene democrática.

Este é o manifesto:

Unha das lacras do concello de Pontedeume é a pervivencia de concelleiros que nalgún intre víronse acusados polos estamentos  xudiciais de conceder licenzas urbanísticas posteriormente declaradas ilegais.
Este proceder irresponsábel dos partidos que, ignorando as actuacións dos xuíces, insisten en presentar como candidatos a estas persoas acusadas de presuntos delitos urbanísticos, fai un fraco favor á cidadadanía eumesa que asiste incrédula á deterioración da paisaxe e obrígaa á facerse cargo das enormes cantidades que deberán pagarse polas futuras demolicións.
Para que istpo non volva suceder, os asinantes deste escrito pedimos ás agrupacións electorais das pŕoximas eleccións municipais que eliminen das súas listas a todas aquelas persoas  imputadas ou sospeitosas de encubrir actividades ligadas á corrupción.

26 de nov. de 2010

Búscanse candidatos


Non te cortes aínda que penses que non eres unha persoa cualificada. O bo da democracia é que non distingue entre honestos e deshonestos, entre nobles e pérfidos, preparados ou  ineptos. Todo o mundo é elexible. Se queres participar nunha lista electoral non tes máis que solicitalo a unha das múltiples candidaturas que optan a manexar o teu concello. Como múltiples son as vantaxes que che pode proporcionar ser membro dun equipo de goberno. Non é mera palabrería. Os feitos constatan as nosas promesas. Unha lectura rápida nas hemerotecas demostrarache que non mentimos. Podes optar, por un módico prezo, a unha vivenda nun dos múltiples edificios, que sendo  ilegais, foron rematados co permiso da autoridade municipal. Podes ver como unha finca da túa propiedade será recualificada como urbana para que un construtor amigo che levante un chalé. Podes ser destinatario dun dos múltiples agasallos con que certas empresas xenerosas distinguen a concelleiros faltos de rigor nas súas funcións. E non nos esquecemos dos teus familiares de primeiro grao, para eles tamén hai permisos especiais. 
Apúntate! Non deixes pasar a oportunidade de facer algo polos teus. A sorte só pasa por diante da túa casa unha vez cada catro anos. O concello necesítate.

16 de nov. de 2010

A mala xestión das obras públicas

Inauguración do novo Couceiro Freixomil
O colexio recén estreado Couceiro Freixomil fai augas por todas partes. As choivas, frecuentes no noso país, asolagan o ximnasio, biblioteca, corredores e aulas do centro educativo eumés, emblema da nova fachada marítima da vila dos Andrade. Ademais a deficiente instalación eléctrica está a queimar o material electrónico do colexio.
Non é unha situación nova pero non por iso máis tolerada. O sistema de contratación das obras públicas, con orzamentos inflados e execución sen control parecer ser un sinal de identidade da Administración, empeñada en aparecer como eficiente xestora cando non practica máis que o despilfarro escandaloso. O que noutros paises se ataxaría cunha intervención da fiscalía, aquí interprétase como meros actos típicos do folclore nacional. A indiferencia coa que o estado encara as obras públicas, dando carta branca ás empresas para cometer desfalcos e fraudes é un síntoma do escaso interese que aquel amosa pola administración dos bens públicos. Un xeito de proceder que ten a súa máxima expresión na privatización de servizos públicos, privatizacións que enmascara a concesion de grandes beneficios empresariais a costa do erario público. Exemplos hainos en Pontedeume.
Todos pagamos a neglixencia dos administradores pero neste caso os nosos fillos son os máis prexudicados.
Máis información en La Opinión

1 de nov. de 2010

O abastecemento de auga xera un negocio de 600 millóns ao ano

Capital francés, catalán e madrileño xestiona case as tres cuartas partes deste servizo en Galicia. A provincia de Lugo ten os prezos máis baratos de España e Pontevedra é a oitava provincia máis cara

Vertedura de augas residuais á ría de Pontedeume
Galicia perdeu en pouco máis de 15 anos, desde principios dos noventa, o control real do abastecemento e saneamento da auga na maioría do seu territorio. Tres grandes multinacionais francesas que prestan estes servizos, Suez Environnement, Saur International e Vivendi, son accionistas de referencia de Aquagest, Gestagua e Aqualia, tres das catro multinacionais, xunto con ACS (propietaria de Urbaser), que controlan o 72% de todo a auga consumida en Galicia.
En menos de dúas décadas, preto dun centenar de concellos galegos optaron por privatizar en todo ou en parte a xestión da auga. Coa única excepción da Coruña, onde a firma municipal Emalcsa é aínda 100% propiedades do Concello, a totalidade das grandes urbes da comunidade teñen a auga en mans de terceiros.
En Ferrol, a sociedade Emafesa está participada por Urbaser, filial da potente ACS presidida por Florentino Pérez. Aquagest, integrada en Augas de Barcelona (Agbar), da que é accionista a gala Suez, controla a auga en Santiago, Ourense e Pontevedra, pero ademais xestiona este servizo noutros 60 concellos da comunidade.
Aqualia, filial de FCC, o grupo madrileño presidido polas irmás Koplowitz do que é socio a francesa Vivendi, é a dona e señora da auga en Vigo. E Gestagua, controlada polo xigante galo Saur International, ocúpase do saneamento en Lugo, Concello que por agora mantén o abastecemento, aínda que xa se expuxo privatizalo.
En total, a auga que consumen preto de dous millóns de galegos está en mans de multinacionais francesas, catalás ou madrileñas, mediante adxudicacións directas que implican concesións a 25, 30 e 40 anos; ou a través de fórmulas mixtas (participacións público-privadas). As grandes escusas para esta febre privatizadora foron a anorexia financeira dos concellos e a teórica «mellora de xestión» que achega a empresa privada.
A realidade é distinta. En España o 45% da poboación está abastecida por empresas públicas, algo máis do 32% por firmas privadas e o outro 22% con fórmulas mixtas. Nos últimos dous anos, coincidindo coa crise, o modelo de prestación público-privada creceu un 4%, segundo unha enquisa da Asociación Española de Abastecemento de Auga e Saneamento (AEAS).
O negocio do consumo de auga en fogares e industrias move ao ano preto de 5.000 millóns de euros, dos cales ao redor de 600 xéranse en Galicia. Traducido aos prezos finais que soportan os usuarios, este modelo de xestión privada tampouco mellorou. Galicia é a undécima comunidade coa auga máis cara, ou a sétima máis barata, segundo queira mirarse. O metro cúbico de auga págase a 1,17 euros, fronte aos 1,50 da media nacional. Pero a media é tramposa. Onde hai máis municipios coa auga en mans de terceiros, o prezo sobe.
Lugo, co abastecemento aínda non privatizado en gran parte do seu territorio, é a provincia coa auga máis barata de España (0,69 euros por metro cúbico). E A Coruña, onde a capital provincial optou por xestionar a auga desde o Concello, ten un prezo medio de 0,85. No lado contrario, Pontevedra, co servizo privatizado na maioría dos municipios, cobra a auga máis ou menos a 1,62 euros, moi por encima da media nacional. E Ourense, a segunda provincia máis privatizada dentro da comunidade, faino a 1,52.
Con todo, as maiores ameazas a medio prazo non están só no aumento do prezo pola presión destas multinacionais a medida que as infraestruturas envellezan. Tamén pasan polo control dos investimentos e, sobre todo, pola calidade do servizo, posta en dúbida desde organizacións nacionais e internacionais que defenden un consumo responsable e un maior abaratamento das tarifas para as capas sociais máis pobres. 
Autor:
Miguel Á. Rodríguez
La Voz de Galicia