23 de abr. de 2007

Novo comunicado dos afectados pola recalificación de EINSA

Einsa xera novos postos de traballo.
Estes días pasados presentáronse na Xunta de Galicia, os señores de EINSA na compaña do señor Agustín Vilariño (letrado é candidato a alcalde do PSOE). Debe ser que uns non se fían do seu equipo xurídico e o outro non ve seguro o choio de alcalde cas 530.000 vellas pesetas.
Señor Agustín Vilariño, fai pouco máis dunha semana tiñamos dúas preguntas para vostede, que eran:
¿Que opinaba no ano 2000 (sendo tenente alcalde)? e ¿que opina agora (que é aspirante a alcalde) sobre a recalificación que solicitou EINSA? Nós, os donantes de terra e cartos para o CONCELLO + EINSA, non lle oímos nada, e isto cáusanos moita preocupación e tráenos outra pregunta,que lle imos facer de seguido:
¿Se saca o choio de alcalde, vai facer valer a democracia dos votos ou a ditadura dos cartos?. En canto a votos non temos moi seguro por quen votaremos pero o que temos seguro e cantos somos os afectados, rondando 500 persoas.
Agora señor Agustín Vilariño xa son tres as respostas que nos pode dar,e nos queremos oír.

¡NÓS SEGUIREMOS DEFENDENDO AS NOSAS TERRAS!

21 de abr. de 2007

Quen o entende?

Reprodúcese aquí un escrito de Manuel Rei, concelleiro do BNG en Pontedeume e unha das voces máis críticas cos que defendemos un urbanismo racional e sostíbel para este concello.
Di M. Rei que o feísmo urbanístico existe "pero, sen eximírmosnos da reponsabilidade que cada un de nós temos en tanto desleixo e caos, o certo é que sería de xustiza repartir as culpas coas nosas institucións que nos gobernan e coas grandes empresas que operan, con alevosía ás veces, no noso territorio. Eles foron e son os máximos responsabeis de que teñamos chegado á situación actual"
"A administración autonómica e grandes empresas, en connivencia, teñen contribuido a todo este feísmo. Daquela, non é feismo a grande escala todo o cableado que inza as fachadas das casas de todas as vilas, aínda que sexan conxuntos históricos e monumentais?

"Agardo só que por parte dos organismos se lexisle, se conciencie aos cidadáns e se planiifique de xeito racional o uso do noso territorio"

As institucións e grandes empresas, as primeiras responsabeis da situación actual. Unha conclusión nada orixinal que proclamaron hai tempo as organizacións cidadáns que se opoñen ao urbanismo criminal que afea as nosas vilas. Esquece o concelleiro que el forma parte dunha institución que contribuíu ás maiores aberracións urbanísticas que se deron en solo eumés. E non se fala só de edificios como o de Caldagueiro ou da antiga casa de D. Pablo. Tamén o cableado, que Rei critica, forma parte dese feísmo que poido ser erradicado mais o Concello de Pontedeume, ao que el pertence, non quixo facelo. Ocasións non lle faltaron cando se levantaron diversas rúas para a súa reconstrución.
Este afastamento da realidade, ou mellor, esta acomodación do discurso aos intereses partidistas, pode propiciar a asistencia de políticos como M. Rei á manifestación do 6 de maio en Compostela.

13 de abr. de 2007

EINSA (Empresa INmobilaria SA)

Onte celebrouse unha reunión cos propietarios dos terreos afectados pola recalificación que promove EINSA. Os convocantes eran Manuel Rei e Emilio Salorio, ámbolos dous concelleiros do BNG en Pontedeume. Mais a convocatoria non partía do Concello, como sería lóxico, senón que era unha iniciativa do BNG. Non debe extrañarnos se temos en conta que a lóxica foi erradicada desta vila hai moitos anos.
Poderíase pensar que o motivo da reunión era tranquilizar aos veciños que agora, sen desexalo, poden perder as súas propiedades; ou informalos da situación; ou ofrecerlles algún tipo de axuda. Nada máis lonxe da realidade. O ton empregado e as ameazas veladas facíaos retroceder no tempo a sistemas xa extintos.Díxoselles aos presentes que non tiñan outra opción que aceptar a recalificación promovida porque do contrario viría aprobada no novo PXOM. Por se non abondase coa chantaxe culpouse aos insolentes veciños de crispar os ánimos, algo moi propio daqueles que se opoñen ao progreso por non entender as leis que rexen os mercados financieiros.

E demostrando que a diplomacia nunca foi unha cualidade propia de caciques locais, Manuel Rei chegou a afirmar que "en principio a recalificación era para ampliar a fábrica pero que logo podería ser para outra cousa". Algo parecían saber para lanzar sen rubor semellante posibilidade. A mesma desvengonza que amosaron cando un dos veciños leu a noticia espallada polo colectivo Fusquenlla segundo a cal os administradores de EINSA crearon hai un ano unha sociedade inmobiliaria, un feito que iluminaría as ocultas razóns desta pretensión empresarial. Unha intervención que foi acompañada por un cómplice silencio por parte dos rexedores Rei e Salorio.
Tamén se lles informou aos asistentes que a empresa EINSA tiña pensado presentar un novo proxecto de recalificación no que algúns dos terreos afectados na primeira proposta quedaban fóra deste novo estudo. Moi claro debe telo o Sr.(?) Martínez Mendaña para atreverse a "rerrecalificar" un proxecto en trámite. Debe supoñer, con razón, que o pleno ten a obriga de reunirse de novo para pulir aquelas deficiencias ou imperfeccións do escrito inicial. Para iso lles pagan, aínda que non se sabe canto.
Cando hai pouco máis dun ano a familia Martínez presentou unha reestruturación de plantilla que ía deixar na rúa a decenas de traballadores, houbo unha mobilización social na que estaban presentes os concelleiros do BNG. Agora estes mesmos políticos patrocinan unhas medidas que poden conducir irremediablemente ao peche desta fábrica en Campolongo. Difícil explicación para este cambio de actitude se temos en conta o curto espazo de tempo transcorrido dende entón.Incomprensíbel esta condescendencia cos que teñen como único obxectivo a obtención doada de grandes beneficios.Ignorantes os nosos concelleiros de que a riqueza non se crea nin se destrúe, só cambia de mans, non vacilan en votar favorablemente as pretensións dos fillos predilectos de Pontedeume. Para iso son predilectos.
Descoñécese se alguén máis sae beneficiado por estas medidas. De non ser así, todo sería máis absurdo.

Escrito dos "recalificados" por EINSA


Dos “desterrados” pola recalificacion para EINSA, ÓS Señores concelleiros do goberno e aspirantes

Pode dar que os enganaran á hora de votar para a recalificación de EINSA, ou que lles taparan toda a información que contén ese expediente, pode dar... Non queremos chamarlle a ninguén inepto ou incompetente, pero pensamos que hai ben deles nese paquete de xente. Se só dous ou tres caraduras, falsos e mentirosos que tiñan toda a información conseguiron o apoio de 10 ou 11 para deixarnos a nós sen terras, conten cos nosos votos para BOTALOS , que non somos poucos os que o imos facer.

Temos agasallos para todos, este é para o BNG.

Señores Manuel Rei (istoriador) e Emilio Salorio (sindicalista), vostedes tentan seguir na política municipal.
Hai 7 anos, EINSA presentou outra recalificación pero a vostedes so lles dixeron que ían poñer un poste. Hai que pensar ben con quen se alían ou ler os expedientes antes de votar.
Nós vamos facer un bo esforzo para colaborar convosco na campaña electoral que temos preto e garantímoslles o noso voto para BOTALOS.

Tamén temos para o PSOE:

Señor Agustín Vilariño (letrado) vostede quere recuncar, pero agora como alcalde. Temos unha dúbida, ¿non se pegarán con moita facilidade os defectos dos anteriores?
No agosto do 2000 deuse o mesmo caso que agora, e vostede estaba no goberno. Daquela os señores do BNG dicían que EINSA só ía poñer un poste. ¿E vostede qué dicía antes? e, ¿que di agora? non contará que lle imos dar o voto a quen nos mentiu e quixo enganar, se llo damos e para BOTALO moi lonxe do goberno.

A Mari Carme Cascallar (docente) que é novata, dicirlle que teña moito ollo, non sexa que “llas metan co rabo para a corte”.Aínda que tanto lle ten, pois como ó señor Belarmino a súa vila é Cabanas, porque vostede vive alí, ¿ou os da “famiglia” do outro lado da ponte xa teñen o cupo cuberto? Garantímoslles como os anteriores que imos votar para BOTALA.

Non sabemos se darlle... ¡Pero ímoslle dar! A Don Manuel Agras (Chacho) ¡Xa está ben de cambiar de camisa ou chaqueta! Sería ben que deixase de prexudicar ós habitantes deste concello, que segundo vostede tanto lle quitamos de durmir, pois durma señor Chacho, durma e non prexudique, que o señor de EINSA pode que pague outras cousas, pero non quilometraxe, e as viaxes alí son repetidas, supoñemos que non han de ser para pedir traballo.

¡NÓS SEGUIREMOS DEFENDENDO AS NOSAS TERRAS!

12 de abr. de 2007

Pontedeume, ría vedada


Once rías galegas están vedadas ao marisqueo pola contaminación. Entre elas atópase a de Pontedeume que está clasificada como zona C.
Para a Consellaría de Pesca a clasificación de zonas de produción de moluscos en A, B ou C segundo a calidade das augas, vén dada por unha normativa comunitaria de 2004 que entrou en vigor no mes de xaneiro de 2006. Segundo a lei europea, os produtos extraídos na zona A pódense vender directamente para consumo en fresco, mentres que os procedentes da zona B deben pasar por un proceso de depuración. Os moluscos de zona C só poderán ser consumidos tras a súa reinstalación en zonas limpas.

A nova clasificación, afirma a Consellaría, presenta unha alta porcentaxe de zonas de produción B e isto foi posible grazas ao intenso traballo de mostraxes levado a cabo polos técnicos da Consellería de Pesca. Ata agosto de 2005 os puntos de referencia para coñecer a calidade das augas eran escasos e representaban unha grande extensión de superficie; o que se traducía nun grande número de zonas C. Despois de triplicar os puntos de mostraxe existentes, conseguiuse que preto do 95% das zonas de marisqueo galegas se calificasen como B.

Non é o caso de Pontedeume que sigue coa C sobre as súas costas. E a razón está nos verquidos á ría procedentes dos desaugues que non son conectados á rede de depuración de augas residuais. Algúns dos concellos afectados o son por non dispor de depuradoras, outros por mor da presión urbanística e os menos, como Pontedeume, por un uso deficiente das depuradoras existentes. A Consellaría de pesca lembra aos concellos que a depuración das augas residuais é competencia destes.

4 de abr. de 2007

O feudo de Andrade


O que está a suceder en Andrade non é máis que un exemplo do intemporal de certas leis. Ou unha maldición dos espíritos do pasado se cresemos neles. Algúns historiadores pensan que épocas que xa se daban por rematadas deixan un turbio pouso na historia presente. E así parece suceder co feudalismo, un sistema social no que os señores eran propietarios das terras e das persoas. Dunha forma máis sutil tamén hoxe pódese posuir ámbalas dúas cousas. Aos homes se lles merca, as terras exprópianse.
A recalificación de terreos no lugar de Andrade, por iniciativa dun particular e coa bendición do Concello de Pontedeume, non sería tan escandalosa se non fose polo feito de que algúns dos terreos que pasarán a gozar doutra cualificación son de particulares que non solicitaron nin desexan tal cambio. E non o desexan porque son conscientes que iso supón unha perda do seu valor catastral.
Pero os propietarios, vocablo neste caso cuestionábel, non son donos dos seus terreos. Decide EINSA, unha empresa que baixo o estandarte da industrialización quere apropiarse do que durante séculos pertenceu a familias modestas que traballaron as terras como única forma de vida e de sustento. E aquí é onde se cuestiona a razón de ser das leis e institucións. O Concello de Pontedeume, en pleno, votou por conceder este privilexio aos novos señores feudais, desoindo e ignorando os intereses dos verdadeiros propietarios das fincas. E como deixando claro quen manda, o alcalde, home dado a improperios cando non goza doutros recursos, desafía aos afectados a defenderse.
Non é a diplomacia unha cualidade propia dos "nosos" representantes. Atrévense a dicir que as fincas a recalificar son todas propiedade de Einsa e non sabemos se o din por tentar enganar aos futuros votantes ou porque se adiantaron no tempo e xa dan por expopiadas as propiedades. E engaden que fixeron o que tiñan que facer, que é traer riqueza ao pobo de Pontedeume, confundindo o destinatario desta opulencia.
Porque se falamos de intencións hai que desbotar a idea que detrás dese proxecto hai unha ampliación industrial. Os mesmos empresarios destacan a creación dun centro de ensino, tal vez unha guardería para os prolíficos traballadores de EINSA, o que os califica como inexpertos vendedores de ideas e descúbreos como maquiavélicos promotores inmobiliarios. Porque diso se trata, dunha recalificación que agocha unha operación especulativa como non ten parangón en Pontedeume. Un auténtico pelotazo urbanístico que pode deixar na rúa aos traballadores desta empresa que xa hai un ano confesaba ter problemas para dar traballo a todos os seus empregados e agora, inexplicablemente, di querer ampliar a fábrica.
Queda un misterio por resolver. Quen convenceu aos rexedores para apurar este cáliz?

1 de abr. de 2007

Manifestación en Compostela contra a degradación do territorio

O colectivo Fusquenlla acaba de facer pública a nova de que o vindeiro 6 de maio celebrarase unhamanifestación en Santiago de Compostela para protestar pola situación urbanística que asola Galiza. Esta manifestación está convocada pola maior parte de asociacións ecoloxistas galegas.
Reproducimos aquí a mensaxe de Fusquenlla.

A práctica totalidade de organizacións ecoloxistas galegas decidimos convocar unha manifestación o día 6 de maio en Santiago de Compostela. Despois dunha xuntanza celebrada nesta mesma cidade, os grupos participantes acordamos por unanimidade - dous destes colectivos deben someter aos seus órganos de dirección esta decisión - chamar á cidadanía a unha manifestación que sirva para amosar a nosa repulsa pola degradación do territorio, un feito que ameaza á propia identidade de Galiza. Outros grupos que escusaron a súa asistencia, amosaron o seu apoio ás decisións tomadas. Coincidíuse na necesidade de celebrar este acto reivindicativo e de denuncia dada o estado de deterioración na se atopa o territorio galego, tanto o litoral como o interior. Se o primeiro está ameazado pola construción e as piscifactorias, non o está menos o interior, que sufre a espoliación do Courel e da Terra Cha. Sen esquecer a deterioración dos cascos históricos, a destrución do patrimonio arquitectónico, a desaparición dos espazos públicos e zonas verdes, e a edificación masiva que aporta especulación e depredación da paisaxe.

Existe unha grande sensibilidade social sobre as consecuencias irreversibeis que acarrea o descontrol das actuacións urbanísticas e a impunidade dos empresarios e alcaldes que os apoian. Temos agora a posibilidade de poñer freo á cementación de Galiza, de salvagardar o noso patrimonio natural, que é o mesmo que dicir o noso futuro.