Definitivamente Património non dá permiso para demoler o Mercado Municipal nen para construir un aparcadoiro soterrado na Praza do Conde, pretensións estas do Concello de Pontedeume que defenderon até a saciedade en contra do máis elemental sentido común. É hora de lembrar a actuación empecinada dos rexedores responsabeis, en particular Manuel Rei, que non dubidaron en recorrer a toda argucia para defender a necesidade da demolición, como por exemplo a elaboración dun inquérito sesgado entre algúns comerciantes, pasando por alto que a iniciativa proposta ia máis aló dunha simple cuestión comercial; un asunto que atinxia a todos os cidadáns. Tampouco dubidou en descalificar a aqueles que nos opoñiamos á sua alternativa, entre estes, o Colectivo Fusquenlla.
Seria desexábel unha autocrítica por parte do Concello de Pontedeume como paso prévio para cambiar o rumbo das actuacións que se están a levar en matéria de urbanismo. Poucos concellos se ven tan cuestionados nas suas resolucións como o de Pontedeume. Un novo fracaso que engadir ás tres ordes de paralización de obras que hai pendentes, ordes non acatadas polas partes. Pontedeume se merece algo distinto á desidia, á incapacidade e á corrupción.