20 de feb. de 2006

Promotores na indixéncia

Os datos que enumero son reais e corresponden a un promotor inmobiliário do que non darei o nome...de momento.
No Rexistro Mercantil aparece no balance do ano 2004 unhas vendas por valor de algo máis de 7.000.000 de euros (sete millóns) o que traducido ás antigas pesetas son aproximadamente 1.100.000.000 pts.
Como resultado último declara a cantidade de 40.600 euros (en pesetas, menos de 7.000.000 ).
Se estas declaracións fosen certas demostraria-se que están moi errados os que pregonan que os promotores inmobiliários (antes chamados construtores e nun futuro próximo, axentes inmobiliários) son afortunados. Nada máis lonxe da realidade: se calculamos a porcentaxe de beneficios obtemos unhas ganáncias de só o 0,5 % sobre o valor das vendas. Hai que pensar que esta cantidade é ridícula se a comparamos coa marxe dun farmacéutico (arredor do 30 %) e mesmo se tomamos como referéncia a un simple tendeiro de ultramariños, sobre un 7 % (Pobre tendeiro que ainda por riba ten que facer fronte á competéncia dos grandes trusts comerciais).
Non é meritório que alguén invista semellantes cantidades para gañar só un 0,5 % ? Está claro que a sua profesión é unha actividade altruista que ten por fin mellorar a habitabilidade das vilas e cidades, construindo grandes obras símbolo da modernidade.
Estes empresários feitos a se mesmos son os que os Concellos deberian nomear fillos predilectos, aos que Facenda deberia de eximir dos pagos de impostos e o Estado protexe-los con subvencións a fondo perdido.
Por que se estrañan algúns que os Concellos os protexan? Non é por corrupción; é pola sua beneficéncia.

18 de feb. de 2006

Ordes ocultas

Sabe-se agora que en marzo do 2005 o alcalde de Pontedeume ditou unha orde de paralización da obra de Caldagueiro, o ben chamado "mamotreto". Esta suspensión da licenza foi forzada por dous decretos da Xunta de Galiza requerindo a suspensión das obras. O lamentábel é o oscurantismo con que se manexou este asunto que agora, grazas a FUSQUENLLA, sae á luz. A falta de escrúpulos dos responsabeis urbanísticos pode resultar perniciosa para os compradores das vivendas ao non estar ao corriente da ilegalidade da obra. Moitos non comprarian os inmobeis de saber a situación na que este edificio se atopa. Por tratar-se dunha orde de suspensión de licenza os propietários non poden, legalemnte, tomar posesión da propiedade por carecer do certificado de habitabilidade que o concello debe expedir; e non pode expedi-lo porque a obra está oficialmente parada.
Nada pode xustificar unha actuación tan irresponsábel que incluso leva a ocultar esta información aos próprios membros dos partidos que gobernan o concello. A democrácia ten que volver a esta vila que xa aguantou moitos anos de caciquismo franquista e que non foi desterrrado da vida política. Alguén deberia dimitir para dar paso a unha rexeneración democrática que Pontedeume necesita e merece.

16 de feb. de 2006

Un novo revés para o Concello

Definitivamente Património non dá permiso para demoler o Mercado Municipal nen para construir un aparcadoiro soterrado na Praza do Conde, pretensións estas do Concello de Pontedeume que defenderon até a saciedade en contra do máis elemental sentido común. É hora de lembrar a actuación empecinada dos rexedores responsabeis, en particular Manuel Rei, que non dubidaron en recorrer a toda argucia para defender a necesidade da demolición, como por exemplo a elaboración dun inquérito sesgado entre algúns comerciantes, pasando por alto que a iniciativa proposta ia máis aló dunha simple cuestión comercial; un asunto que atinxia a todos os cidadáns. Tampouco dubidou en descalificar a aqueles que nos opoñiamos á sua alternativa, entre estes, o Colectivo Fusquenlla.
Seria desexábel unha autocrítica por parte do Concello de Pontedeume como paso prévio para cambiar o rumbo das actuacións que se están a levar en matéria de urbanismo. Poucos concellos se ven tan cuestionados nas suas resolucións como o de Pontedeume. Un novo fracaso que engadir ás tres ordes de paralización de obras que hai pendentes, ordes non acatadas polas partes. Pontedeume se merece algo distinto á desidia, á incapacidade e á corrupción.

15 de feb. de 2006

Acatamento da Lei

O Concello de Pontedeume ten ditadas duas ordes de paralización de sendas obras: unha do edificio de Caldagueiro e outra do edificio construido na estrada da Estación, ambos os dous de promocións Lagares. No primeiro caso a orde de suspensión, con data 18 de marzo do 2005, foi consecuéncia de dous requerimentos da Xunta de Galiza para proceder á paralización das obras por tatar-se dunha infracción urbanística moi grave. Salientar que o requerimento da Xunta tivo-se que facer duas veces por non acatar o Concello de Pontedeume a primeira resolución. No segundo caso a denúncia das obras foi realizada polo Colectivo Fusquenlla á vista da manifesta ilegalidade que se estaba a cometer.
No dia de hoxe, 9 meses despois da primeira orde de paralización e a duas semanas da segunda, as duas obras seguen a realizar-se como se a lei fose algo alleo aos promotores.

Está-se a facer un grave dano ás institucións en xeral e ao Concello en particular. Non se sabe quen delinque máis: se os infractores ou os consentidores.

10 de feb. de 2006

Ainda é tempo


As cousas que están a pasar en Pontedeume son cada vez máis incríbeis. Os rexedores arriscan-se a ser inhabilitados por non acatar a lei que os obriga, entre outras cousas, a perseguir os delitos urbanísticos. Non se trata de discrepar sobre a ilegalidade ou non de tal obra; algunhas son manifestamente ilegais e asumen-o como algo irremediábel sen actuar contra os promotores. A única explicación que poden atopan os cidadáns é que exista un alto grao de corrupción que afecte a algúns dos responsabeis locais, sexan funcionarios ou políticos.

Non parece que os personaxes principais estexan involucrados deste xeito, pero si poderia ser que tapa-sen as corruptelas doutros. De ser así estaria-se facendo un fraco favor á esta institución democrática chamada concello e un grande favor a aqueles que si fan da corrupción o seu modo de vida.

Hoxe máis que nunca fai-se preciso encarar este problema para devolver-lle aos cidadáns a confianza na xestión local dos nosos gobernantes. Necesita-se un pouco de valentia para denunciar publicamente todos os actos de favoritismo ou sobornos que se coñezan. Este xeito de actuar tan estendido por todo o pais moitas veces non é perseguido e noutras mesmo é favorecido polos responsabeis da administración. Lamentábel que suceda isto cando deberian velar pola correcta aplicación da legalidade.

8 de feb. de 2006

Un paso adiante e dous atrás


Despois de moitos esforzos para demostrar-lles aos rexedores municipais o que era evidente, é dicer, que 1300 metros cadrados non é o mesmo que 650 metros cadrados, por fin estes atreven-se a dar o paso tan difícil de paralizar unha obra cuxo promotor, tan sagaz, non comprendia a diferéncia anterior.
O que parece un avance importante convirte-se de novo nun calvário de demandas aquí e alá. Seguindo coa recomendación de "prometer pero non cumprir" tan necesária para a pervivéncia no poder, os mandatários locais permiten que as obras sigan co seu ritmo adecuado para non entorpecer o "desenvolvemento" dos pobos e vilas da nosa comunidade.
Por que non se forman os alcaldes e concelleiros mediante cursiños acelerados como fan outros traballadores e funcionários? Seria desexábel para non incurrir en actos delictivos que non lle interesan a ninguén. O Estado deberia procurar-lles esta formación se non quere ver-se envolto en pleitos que logo sufragaremos todos.