11 de dec. de 2005

CARTA ABERTA A UN ALCALDE

Ao mellor son moi inxénuo por pretender que o máis elemental sentido común se impoña sobre a insensatez máis atrevida. Tampouco considero que a inxenuidade sexa sempre un defeito, polo menos non maior que o pragmatismo. Quizais vosté elexeu adaptar-se ás circunstáncias e a min resulta-me imposíbel face-lo, máis por incapacidade que por convencimento. Non nego que me gostaria ser prático e aceitar como inevitábel (ainda que fose para ter unha tranquilidade que agora non teño) esta situación de deterioro do entorno que estamos a padecer, entendendo por entorno tanto o medio ambiente como o ambiente urbano, o património, a paisaxe, a luz, as árbores...En fin, todo aquilo que supón unha maior calidade de vida. A min gostaria-me que Pontedeume segue-se sendo, ainda que mellorada, unha vila na que fose posíbel vivir dun xeito máis tranquilo, na que desfrutar do seu património arquitectónico e artístico, da sua tradición; na que poder camiñar por ruas cheas de história escrita nos seus edifícios. Unha vila que soubo traer a milleiros de visitantes precisamente por todas estas cualidades e non por outras. E isto é importante recoñece-lo porque o valor principal de Pontedeume reside fundamentalmente no seu carácter de conxunto histórico-artístico. E vexo agora como pouco a pouco vai-se-lle facendo unha operación de cirurxia estética para adaptar a vila aos tempos da modernidade, unha modernidade chea de formigón, de centros comerciais, de búnkeres soterrados (tamén chamados aparcadoiros), de urbanizazóns, de torres imensas que desafian, -e desafinan- ás pequenas construcións cheas de vida, doutro tipo de vida. E os cirurxáns que levan a cabo a operación son os promotores imobiliários, os que deseñan a nova identidade de Pontedeume. Eu estaria tranquilo se non fose porque me queda a dúbida de se estes señores teñen a capacidade e coñecimentos precisos para afrontar semellante tarefa, unha tarefa libre de personalismos e dirixida a conseguir o ben común. Porque de non ser así, se resulta que o único que se persegue é obter un beneficio económico a expensas do noso estilo de vida, entón terei que lembrar-lle, señor alcalde, que os votos que vosté recibiu foron dos viciños de Pontedeume, e que levamos moi mal que os nosos votos non teñan o peso das influéncias dos mercadores do formigón, que as nosas opinións non teñan a calidade das dos especuladores. Non me gostaria que ninguén conclui-se que vosté menospreza aos eumeses e sobrevalora aos construtores; desde logo non lle seria nada beneficioso.


Mais se vosté foi capaz de me crear desasosego sobre o futuro de Pontedeume tamén me foi capaz de subverter a miña concepción do que debe ser un cidadán. Até agora creo que cumprin cos meus deberes como tal, pagando os impostos, abonando as sancións impostas por descoidos nas normas de tráfico (multas que os seus axentes tiveron a ben asinar), someter-me aos mandatos das leis, e sobre todo inculcar sobre os que de min dependian a importáncia da necesidade de respeitar unhas normas como forma de conseguir a convivéncia; algo, por outra banda, tan de sentido común que se aplica en todos os eidos da nosa actividade diária: hai un regulamento para os deportes, para o traballo, para o tráfico... e para a construción, como non. E onde hai lexislativo, hai executivo. De que servirian unhas normas se logo non fose posíbel velar polo seu cumprimento? Vosté é un executivo, polo cargo que lle toca ocupar, e consecuentemente debe dar exemplo de respeito ás normas. Como se non se atreveria a exixir á sua viciñanza o respeito polos editos que vosté promulga?


Pois ben, non logro entender que se un poder lexislativo, por riba do que vosté representa, lle exixe revisar unha licenza de obra, á cal se lle declara ilegal en determinados aspeitos, e non poucos, vosté opte por facer caso omiso e seguir conculcando a lei. Ou a Xunta de Galiza é incapaz de obrigar a todos por igual ao cumprimento das leis, ou os alcaldes están exentos do acatamento destas.


Comprenda que o meu desconcerto é imenso pois se opto por seguir o seu exemplo podo atopar-me o dia de mañá ante un tribunal que dite sobre min unha dura condena, pero se sigo tentando ser un cidadán respetuoso (algo que por outra banda me produciria a sensazón de estar facendo o parvo) terei que sufragar cos meus impostos os gastos dunhas demolizóns millonárias dunhas obras que vosté se empeñou en permitir a pesar dos mandatos en contra.


Ainda que desorientado, enoxado e descrido, permito-me enviar-lle un respectuoso saudo.