Así podemos calificar o que se nos vén enriba. Se non tiñamos abondo co de "Caldagueiro" e o de" Correos" agora teremos máis razóns para preocupar-nos, ou para ser máis precisos, para alarmar-nos. Os depredadores da construción están dispostos a conquistar terreos de Ber, Ombre, Nogueirosa, na estrada nacional VI (a carón do colexio Atocha), na Praza de Galicia (parada dos taxistas)...
- No caso de Ber pretende-se crear unha urbanización que xa fora proxectada hai vários anos pero que agora se quere facer realidade. Hai que salientar que nesta zona non se pode construir por estar protexida pola lei de costas.
- En Ombre hai un proxecto de Fadesa para construir máis de 200 vivendas.
- En Nogueirosa hai outro proxecto de plan parcial, tamén con recalificación de terreos..Esta recalificación prevista polo Concello invadiria a zona de 200 m. protexidos pola lei de costas e ademais serviria para "legalizar" as casas xa construidas de forma ilegal.
Na situación actual estes proxectos non son legais por estar situados en solo rústico ou solo rústico de protección costeira; ademais non parece probábel que a Xunta aproba-se que no novo Plano de Urbanismo de Pontedeume aparecesen estes terreos como urbanizabeis.
Que pode suceder entón? O que parece probábel é que o Concello permita estas obras ainda sabendo da sua ilegalidade, do mesmo xeito que permitiu os megaedificios de Caldagueiro e Correos. Unha vez construidos sabemos todos da imposibilidade de volta atrás e teriamos unha lousa máis de formigón coa que pretende sepultar-se ao concello de Pontedeume, ademais dos consabidos beneficios para as empresas construtoras.
Está nas mans do goberno local non conceder estas licenzas nin proceder á recalificación dos terreos que as promotoras están a pedir. O futuro de Pontedeume está en perigo; o rediseño do mapa local non pode ser unha atribución dos mercadores do cemento. Non hai excusas posibeis para non asumir esta responsabilidade: teñen a lei da sua parte e exixe-lle-lo a cidadania. Que a história non os xulgue como comparsas dos especuladores e desleais aos eumeses.
Como cidadáns conscientes do problema que nos afecta, debemos exixir:
ao goberno local
- que paralice a concesión de novas licenzas até que sexa aprobado o novo plano de urbanismo
- que paralice as obras actuais que a Xunta de Galiza xa declarou ilegais e aquelas outras que sendo denunciadas se espera un informe da COTOP
- a paralización inmediata de concesión de licenzas de edificación ao igual que fixo en Sada
- que obrigue ao Concello a acatar o dictame da Consellaria no que se obrigaba a revisar e paralizar diversas licenzas