2 de abr. de 2012

O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) subliñou o "indubidable valor" do patrimonio construído nas Fragas do Eume.

Acueducto en Pico Vello
A delegación ferrolá do COAG sinala nun comunicado que non só se atopan na zona arquitecturas como o mosteiro de Caaveiro ou as propias aldeas que se diseminan no territorio, senón que tamén acolle pequenas construcións como pontes, muíños, valados e sendas, que "falan da estreita relación do home co espazo".

Subliña que estas construcións conforman "un hábitat que é exemplo de aproveitamento sostible do territorio, máis aínda tendo en conta as sucesivas agresións que a ruptura dese equilibrio veñen producindo ou ata ameazan a súa pervivencia".

Insisten os arquitectos que se trata de patrimonio natural, arquitectónico e, "por encima de todo, social, xa que non podemos esquecer o valor histórico que na articulación da comarca constitúen os mosteiros de Caaveiro e Monfero, o Foro da fundación da Vila de Pontedeume e as 30 parroquias que o integran e, como non, o Condado de Ardrade, como conformador da identidade comarcal".

Finalmente expresan a súa esperanza de que "este desastre ecolóxico e social" sirva "para mostrar, unha vez máis, a necesaria xestión territorial sostible, onde o equilibrio ecolóxico, a identidade territorial e o benestar social articúlense coa lóxica e sentido común cos que este espazo foi desenvolvido ao longo da historia".

Comunicado de Greenpeace a propósito do incendio nas Fragas do Eume


Greenpeace pide ao Ministerio Público para investigar a causa do incendio de fragas Eume e identificar responsabilidades

A organización ecoloxista pide á Xunta  relanzar un plan para restaurar a zona e non aforrar en recursos na loita contra os incendios

Informe - 01 de abril de 2012
Dada a dimensión do incendio que afecta a Mata Atlántica das Fragas do Eume, un bosque único en Europa, Greenpeace pide a Fiscalía Xeral do Estado e á Xunta de Galiza a comprometerse urxentemente investigar as causas deste incendio que devastou unha área que varía, segundo fontes, entre 750 e 2.000 hectáreas.
Mércores, Agosto 19, 2009
© Pedro Armestre
A organización ecoloxista lamenta o feito de que máis de 200 persoas foron evacuadas debido ao perigo de incendio, aínda que xa comezaron volver ás súas casas. 

"Os responsabeis do incendio forestal non poden quedar impunes. É necesaria a colaboración cidadana e a acción coordinada da Xunta de Galiza, dos concellos implicados e da Fiscalía Xeral para que esta catástrofe ambiental non sexa esquecida en poucas semanas. Cómpre depurar as responsabilidades ", dixo Mario Rodríguez Vargas, director de Greenpeace. 

A falta xeral de investimento en áreas protexidas segue a ser un problema en Galiza, e unha mostra diso son os problemas endémicos que teñen afectado o Parque Natural fragas Eume desde a súa creación, como a expansión descontrolada das plantacións de eucalipto e unha  planificación forestal moi lonxe dos estándares necesarios para preservar a súa natural e rica biodiversidade. 

Greenpeace considera prioritario un plan de recuperación  na zona, dada a importancia do turismo rural e da natureza do  que viven moitas familias nas inmediacións da reserva.Tamén revisar o Plan de Xestión de Recursos Naturais desta área protexida.

Como o foco inicial do incendio, no municipio de A Capela, está próximo á concesión mineira de Andalucita Picobello SL, a organización ecoloxista tamén insta a Xunta de Galiza e á Fiscalía Xeral que investiguen se hai conexións entre este incendio forestai e a concesión mineira, que foi aprobado pola Xunta de Galiza en 2010 e que é contiguo cos límites da reserva.

1 de abr. de 2012

Adeus ás Fragas

Nunca antes sucedeu unha traxedia ecolóxica deste calibre na nosa comarca. E en Galiza só é equiparábel o desastre do Prestige. Arden as Fragas do Eume, unha das reservas ecolóxicas máis importantes de Europa. O que era un desastre anunciado, unha posibilidade real que nunca foi tomada en serio, convertíuse hoxe nunha realidade irreversíbel. Como é posíbel que ante os graves incendios que asolan Galiza nas últimas décadas as autoridades non foron capaces de prever e atallar a destrución dun parque natural? Póñense medios para tapar os desfalcos multimillonarios dos bancos, subvenciónanse proxectos empresariais que nunca existiron e dilapídase o diñeiro público en megaconstrucións como a da Cidade da Cultura, pero non se adica unha mísera esmola para preservar o que foi xestando a natureza durante milleiros de anos. Láianse os nosos alcaldes e gobernantes da Xunta da catástrofe das Fragas pero son tan responsabeis como os supostos incendiarios. Non cremos que aqueles que se doblegaron aos intereses empresariais, que deixaron construír a aberración do lago promovido por Endesa, que certificaron a idoneidade dunha mina de andalucita en Pico Vello ou os que envelenaron o Eume e o ecosistema que nel habitaba, teñan aflición polo que agora está a suceder. Políticos e empresarios esquilmaron o noso ben cultural, ecolóxico e patrimonial máis prezado. Quizais agora empecen a plantexarse traer a fábrica de celulosa para a comarca. Sería un triste epitafio para as Fragas.

2 de mar. de 2012

A contaminación do aire reduce a esperanza de vida dos europeos

Así o certifica a Organización Mundial da Saúde (OMS) que estima que os europeos das grandes urbes viven case un ano menos por mor da forte contaminación. Pero non só é esta a única nova relativa á contaminación provocada polos gases automobilísticos e polos grandes complexos tipo centrais térmicas e polígonos industriais. Un de cada cinco europeos morre por enfermidades provocadas polo medio ambiente contaminado.
Un informe de Ecoloxistas en Acción datado en setembro de 2009 revelaba que 17 millóns de españois viven en zonas onde, ademais de non cumprirse as recomendacións da OMS, vulnérase a lei. A nosa comarca é unha das zonas máis afectadas pola emisión de gases procedentes de As Pontes e do cinturón industrial de A Coruña. 

12 de xan. de 2012

Alta contaminación na comarca

Onte foi un día no que os índices de emisión de dióxido de xofre foron particularmente altos, superando o máximo permitido pola lexislación actual. Pero se ata hai pouco as emisións deste gas proviñan da central térmica de As Pontes, agora temos un novo foco contaminante no polígono industrial que rodea a cidade da Coruña. Quen queira seguer as emisións producidas pola industria local pode facelo na páxina do Centro de Supercomputación de Barcelona

30 de dec. de 2011

Portos, Adif e Firrete

Foto: A Opinión
O presidente de Portos de Galiza pasou por Pontedeume. E como bo político, é dicir, como experto en eludir a raíz dos problemas, anuncia que solicitarán de novo permiso a Adif para continuar coas obras do Firrete. O que debería explicar este señor é por que o organismo público que representa tivo o atrevemento de comezar unhas obras para as que non tiña permiso. Cando as mesmas institucións do estado incumpren a normativa que elas mesmas lexislan e de obrigado cumprimento para todos os cidadáns, estase a normalizar o caos, a corrupción e o todo vale.
Este comportamento de Portos de Galiza debe servirnos para estar á espreita para cando comecen as obras do aparcadoiro subterráneo baixo o campo de deportes do IES Fraga do Eume. Non sería extraño que se esquecese de solicitar os oportunos permisos a Patrimonio ou Medio Ambiente.
(Máis información na páxina de Fusquenlla)

26 de dec. de 2011

A menos poboación máis vivendas

Segundo o INE as previsións demográficas para os vindeiros 10 anos son pésimas. Galiza perderá máis de 113.000 habitantes na próxima década. E a comarca que, en termos absolutos, perderá máis poboación será a de Ferrol-Eume-Ortegal, con 11.978 habitantes menos en 2021.
Os redactores do PXOM non se enteiran, ou non queren enteirarse, das previsións estatísticas sobre o censo demográfico e ignoran a estreita relación entre número de vivendas e habitantes dun concello. Apostaban, xunto co Concello, no borrador aprobado inicialmente por incrementar o chan urbanizábel. Na súa ignorancia, pensan que se ben un incremento de poboación implica un incremento de vivendas, tamén este efecto dase á inversa. Para eles a maior número de vivendas, maior poboación.
Por certo, seguimos sen saber nada sobre o futuro PXOM.