31 de mar. de 2015

Hiperactividade municipal

Suponse que é a proximidade das eleccións pero o certo é que se respira no ambiente un trastorno de hiperactividade por parte dos mandatarios locais en Pontedeume. Esta patoloxía, tan de moda, caracterízase por un exceso de actividade, unha conduta compulsiva e por unha falta de atención e negativa a recibir instrucións.  Síntomas estes facilmente recoñocibeis nos membros da corporación municipal. 

Acaba de aparecer nos buzóns da vila un pseudoxornal "municipal" no que se recollen os logros e futuras actuacións do goberno local: reforma do mercado municipal, aparcadoiro do instituto (eles chámano da gasolineira posiblemente para restarlle gravidade á expropiación escolar), obras do firrete, renovación da ponte de pedra, alameda de Raxoi, illas ecolóxicas de residuos, campo da Gándara, etc. etc. etc. Todo o que non se fixo en 8 anos vaise executar en poucos meses. E iso que a lei prohíbelles facer inauguracións en período electoral, un impedimento que o Concello de Pontedeume do Sr. Torrente sabe sortear de forma legal. 

Pero o que xa non parece tan legal é a forma en que todo isto estase a producir. Primeiro, o devandito panfleto é totalmente anónimo. En ningunha páxina mencíonase quen o publica, violando así a lei de prensa e imprenta. Esta lei obriga a todas as publicacións a recoller o lugar e ano da impresión, amais do nome e domicilio social do impresor e do editor ou autor. 

Os autores da publicación xogan coa ambivalencia dos vocablos para atribuír ao goberno local a autoría pero sen collerse as mans. Por exemplo, encabézase a primeira páxina como unha publicación municipal sen aclarar se o termo municipal é relativo ao consistorio ou ao entorno xeográfico. 

E quen paga todo isto? Unha pregunta que o alcalde debe responder se quere desmentir as sospeitas de que o gasto foi a conta das arcas municipais. Sería unha auténtica barbaridade que o Sr. Torrente incorrese nunha falta tan grave, a de publicitarse electoralmente con cargo ao erario público. 

E por último, como é posíbel que os funcionarios de Correos repartisen este pseudoxornal cando non vén selado ou con membrete de franqueo pagado? Foron os carteiros conminados a realizar este traballo? Está Correos ao tanto deste reparto? Cobrou o organismo estatal as taxas do franqueo?

Nada do que suceda en Pontedeume pode abraiarnos. Ese é o gran problema desta vila.




22 de mar. de 2015

Por unha universidade pública

Folga o 24 de marzo. O Sindicato de Estudantes entrega 143.000 firmas contra o decreto '3+2'
O ministro Wert está empeñado en facer da universidade un feudo das clases sociais mais privilexiadas e desterrar da mesma aos fillos e fillas dos traballadores que, despois de moitos anos de progreso social, lograron facerse un oco nas aulas universitarias. O Partido Popular marcouse un obxectivo: que a  universidade sexa un espazo elitista ao que só teñan acceso os fillos das clases economicamente máis acaudaladas. Os cinco anos de ensino universitario gratuito pasan a tres anos que deberán completarse con dous anos máis de másteres pagados do peto dos xoves estudantes. 

18 de mar. de 2015

Comeza a campaña electoral



A Xunta inviste 1,6 millóns na rehabilitación do mercado municipal de Pontedeume. Así o anuncia o conselleiro de Economía e Industria, subliñando a importancia da praza de abastos como un dos símbolos máis importantes da vila. Unha ofensa para os eumeses que día tras día se manifestaron contra a desaparición do mercado dirixida por Torrente e agora son tratados como palurdos incapaces de distinguir a realidade dun simple reclamo electoral. Gabriel Torrente e Francisco Conde deberían explicar que motivos lles levaron a liquidar o mercado de abastos e con el a economía local da  vila, condenando ao paro a moitos eumeses e eumesas.

1 de mar. de 2015

Deberes electorais & deberes escolares



O Concello de Torrente (porque parece da súa propiedade) anuncia a inmediata construcción do aparcadoiro no campo de deportes do IES Fraga do Eume e non se lle ocorre nada mellor que definilo como un aparcadoiro disuasorio. Se por disuadir enténdese inducir a desistir dun propósito, o adxectivo non parece o máis adecuado se busca ofrecer unha alternativa á falta de espazos para aparcar. 

Unha carencia, a do alcalde, comprensíbel cando se aposta por medidas que menosprezan a cultura.