O Concello de Pontedeume anuncia no DOG do 14 de agosto a licitación da rehabilitación da cuberta do mercado municipal. Dase un prazo de tres meses para executar as obras e o procedemento é aberto cun único criterio: o factor prezo. O valor estimado polo Concello é de 293.516,17 euros.
Unha vez máis comprobamos que a política deste concello redúcese a unha soa cousa: o parcheo. En lugar de acometer as obras necesarias para rehabilitar por completo o edificio do mercado municipal tal e como anunciaron aos catro ventos, limítanse agora a aplicar un insuficiente parche: cambiar as tellas para que non chova dentro.
Será unha boa excusa para trasladar aos praceiros aos locais dos almacéns de Raxoi cos conseguintes prexuizos que lles ocasionará aos seus negocios. Un traslado que promete ser eterno por canto a rehabilitación definitiva do mercado non se albisca a medio prazo. Á falta de orzamentos hai que engadirlle escuros intereses. Todo o mundo lembra como hai algúns anos unha coñecida empresa de alimentación pretendía instalarse no recinto do mercado desprazando aos actuais vendedores. Pode ser esta a ocasión propicia para levar a cabo un reacondicionamento dos praceiros. Amparándose nunha falta de medios para acometer a rehabilitación, veriase con bos ollos desde o Concello a aparición dun "salvador" privado que sufragase as citadas obras a cambio do permiso de explotación. Se os praceiros queren conservar os seus postos de traballo deberían obter o compromiso formal, non verbal, dun pronto regreso ao edificio construído por Antonio Tenreiro