Os traballadores de Einsa vanse poñer en folga hoxe xoves e mañá venres para protestar contra o despedimento de 43 traballadores que se sumarían aos 20 xa despedidos.
Ninguén pode dubidar xa de que o plan sectorial que a empresa presentou non tiña como finalidade ampliar as instalacións senón que era unha pura maniobra de especulación urbanística. A pesar diso a corporación municipal en pleno apoiou esta pretensión da empresa que condenaba ao despedimento de boa parte da plantilla. O PXOM aprobado inicialmente por todos os grupos municipais contemplaba converter os terreos de Einsa en Andrade en solo de uso terciario industrial, o que daría paso a un posíbel uso distinto do actual.
Os traballadores da empresa poden corresponsabilizar ao Concello de Pontedeume dos plans de Einsa que condenan a decenas de familias a engrosar a interminábel lista de parados da comarca. Se dende o primeiro momento os responsabeis municipais deixasen claro que non se ia aceptar a recualificación dos chan, a empresa non emprendería unha reconversión que busca liquidar unha actividade industrial para dar paso á nova Ediciones Informatizadas Inmobiliarias S.L.