10 de feb. de 2011

Que agochaban as declaracións de Einsa?

Einsa lanza un plan con 13,5 millóns de investimento e 80 novos empregos nos seus centros galegos
O grupo Einsa, que conta con dous centros de traballo nas Pontes e Pontedeume, investirá nos tres próximos anos en Galicia ao redor de 13,5 millóns de euros co dobre obxectivo de mellorar a produtividade da súa rama industrial e de internacionalizar a súa división tecnolóxica. Este plan estratéxico, aprobado na última xunta xeneral de accionistas celebrada o pasado día 24, suporá a creación de ao redor de 80 novos postos de traballo.

O grupo está integrado por Einsa Print, especializada na actividade de impresión e encadernación de directorios telefónicos -na que é líder en España e tamén en Europa-, de catálogos, revistas e folletos, e por GT Motive, que produce unha aplicación informática para todos os axentes que interveñen no sector do automóbil.

O novo conselleiro delegado do grupo, Anxo Martínez, explicou que a máxima prioridade exposta para GT Motive é a súa internacionalización. «Abrimos en maio unha oficina en París, dentro deste mesmo ano farémolo en Portugal e o ano que vén, en Alemaña e Italia, entre outros». «Aínda tendo a cota máxima no mercado nacional, este non é capaz de alimentar todo o que queremos facer», argumentou Martínez para explicar a vocación internacional da compañía.

Esta firma absorberá sete millóns de investimento e incrementará o seu persoal con 54 novos postos de traballo, 46 dos cales xeraranse no centro de Pontedeume, onde xa emprega a 140 persoas.

En Einsa Print, o investimento cífrase en 6,5 millóns de euros, e estará destinada a conseguir un maior grao de automatización e a mellorar a eficiencia de instalacións e máquinas. Martínez Fontana subliñou que este proceso non suporá redución de empregos, senón o contrario. «Temos un acordo cos sindicatos para crear 34 postos de traballo nos próximos tres anos», asegurou. Einsa Print conta xa con 342 empregados nas Pontes e con outros 75 en Pontedeume. O grupo, que ten a súa sede e oficinas en Madrid, pechou o pasado ano cunha facturación de 100,3 millóns, un 17% máis que no 2006.

Einsa anunciaba aos catro ventos no ano 2008 un plan estratéxico para crear 80 postos de traballo cun investimento de 13,5 millóns de euros. A planta de Pontedeume pasaría de 140 traballadores a 186. Ou moi malos son os xestores da empresa ou agochaban algo detrás destas declaracións. Ninguén, agás os do Concello, se creu o da creación de emprego. O máis probable é que fose unha artimaña para conseguir prebendas. Naquel intre a empresa estaba a loitar por conseguir do Concello a recualificación dos terreos en Andrade e esa nova servía para vender mellor a moto. A cuestión é a seguinte: por que os representantes políticos no Concello morderon o cebo? Tiñan fame e necesitaban comer?