25 de ago. de 2007

Redes



Non é o nome da pequena localidade do concello de Ares pero podería ser o nome da vila de Pontedeume a xulgar pola cantidade de redes que engalanan as súas rúas. Unha proba inequívoca da súa condición de vila mariñeira.

En pesca, as redes de deriva, tamén chamadas cortinas da morte, son un perigoso sistema de arrastre que condena a numerosas especies mariñas a desaparecer. A ONU xa pedíu unha moratoria internacional para erradicar o uso deste sistema de pesca. Dende aquí sumámonos a esta petición e aportamos unha alternativa ao uso destas redes. Trátase de utilizalas para protexer aos viandantes dos posibeis cascallos que se desprendan das fachadas do casco histórico. Cada día son máis numerosos os edificios que corren perigo de derrubamento e o uso das redes faise imprescindíbel. Demandemos do Sr. Alcalde que por medio das súas influencias, que as terá, solicite aos patróns de pesca de toda Galiza a cesión de cantas redes de deriva posúan. Unha medida protectora coa fauna mariña á vez que un modelo de reciclaxe.

23 de ago. de 2007

A nova imaxe de Pontedeume


As obras que modificarán totalmente a fachada marítima de Pontedeume xa se están a realizar e, como sempre, ás costas dos que supostamente imos ser beneficiados. Un novo colexio máis os almacéns, o centro de actividades acuáticas e a lonxa, darán unha nova imaxe de Pontedeume para os que se acheguen dende a ponte de pedra. Pero ninguén pode garantir que esa imaxe sexa a máis adecuada á fisonomía da vila. Algúns deses proxectos fixéronse con total independencia dos outros, o que lles conferirá un aire quizais antagónico. E aínda dando por suposto o bo gusto dos arquitectos redactores dos proxectos, parécenos obrigado someter á crítica pública as obras deseñadas por aqueles. Fíxose así en proxectos moito máis importantes que os que aquí se mencionan e en cidades con maior peso urbanístico. Sería desexábel a exposición pública dos proxectos aprobados. En primeiro lugar por tratarse do dereito que temos os cidadáns a coñecer o espazo no que imos convivir; en segundo lugar, como demostración de que a xestión local é transparente e está ao servizo dos intereses da comunidade.

8 de ago. de 2007

Demora do novo PXOM



Pontedeume e Vigo parecen irmandadas por Consultora Galega. Segundo publica Europa Press, o alcalde de Vigo asegura que antes de rematar o ano haberá novo PXOM na súa cidade. O proxecto, elaborado por Consultora Galega, foi rexeitado pola Xunta hai escasos meses e devolto ao Concello para a súa modificación.

Tamén en Pontedeume o planeamento urbanístico foi retirado pola Consellaría de Política Territorial e, seguindo coas semellanzas, a empresa redactora foi a mesma que a de Vigo. A diferencia está en que Consultora Galega non se compromete a reelaborar o novo PXOM de Pontedeume antes de dous anos.

O Concello de Pontedeume ten a obriga de exixir a Consultora Galega un compromiso de modificación do PXOM en breve prazo. O noso Concello leva 20 anos sen plano de urbanismo, cunhas normas subsidiarias obsoletas e imposibeis de adaptar á nova lexislación, tanto á Lei do Solo de 2007 como á de Protección do Litoral. Faise preciso que se regule e planifique o crecemento urbanístico, que se comece a protexer o casco histórico e que se preste atención os espazos merecedores de protección.

Pero as obrigas do Concello non rematan en Consultora Galega. Como se sabe, o proxecto elaborado por esta empresa para Pontedeume pretendía legalizar moitas das obras sobre as que pesan expedientes. O novo goberno debe plantexarse como algo prioritario o acatamento da legalidade e debe facer recaer sobre os construtores todo o peso da lei. A permisividade amosada polo Concello cara os empresarios da construción é incompatíbel cunha lei que trata por igual a todos os cidadáns. Agora sabemos que esa permisividade chegou ao extremo de exonerar do pago polas licenzas concedidas aos promotores. Un dato máis do escandaloso comportamento dos nosos gobernantes no período 2003-2004 e que fai público o Consello de Contas.

2 de ago. de 2007

Para cando en Pontedeume?


Transcorridos dous meses dende as eleccións locais, algúns concellos que optaron polo cambio xa tiveron mostras deste en forma de decretos que atendían ás demandas cidadáns. O caso de Ferrol é o máis paradigmático pois é onde se concentrou o maior número de anulacións de permisos concedidos pola corporación anterior. A Praza de España, a carballeira de Menáncaro ou a Praza de Sartaña son tres exemplos, non únicos, de como a forte contestación social que orixinaron, tivo unha resposta democrática por parte da nova corporación. Tamén en Sada, o novo alcalde, o nacionalista Abel López Soto, anunciou que se ía demoler parte do Náutico así como unha edificación.
Tendo en conta que a política urbanística propiciada polos alcaldes anteriores foi a que provocou un malestar social, e que este favoreceu un cambio de goberno, faciase necesario que os novos rexedores atendesen ás xustas demandas da veciñanza e lexislasen en beneficio desta.
O caso de Pontedeume ten semellanzas con outros concellos. Aquí houbo unha forte contestación social contra as graves irregularidades que se estaban a cometer en materia urbanística. O resultado, ao igual que en Ferrol e Sada, foi un cambio de goberno. Pero a diferencia daquelas localidades, aquí non se acordou actuar contra as numerosas obras que estan paralizadas ou denunciadas. Como tampouco se anularon as licenzas que foron escandalosamente aprobadas in extremis polo anterior equipo de goberno. Todo sigue igual, como querendo demostrar que en Pontedeume non soplan os ventos do cambio.