12 de xuño de 2007

Alguén ten que comerse as palabras


Despois de coñecerse o ditame da Xunta sobe o plano de urbanismo eumés no que se aduce para a súa denegación o excesivo aumento do chan edificábel, podemos lembrar as palabras dos responsabeis locais. Estes, con Manuel Rei á cabeza, tentaban convencer á veciñanza dos beneficios do planeamento que o Concello mandara elaborar á empresa Consultora Galega. En opinión de Manuel Rei o PXOM sería "un instrumento que poñería fin á permisividade da anterior lexislatura xestionada polo PSOE e traería a disciplina urbanística" Tamén salientaba o político nacionalista que "non ía haber nigún punto negro no litoral". Por se non abondase remachaba que "na costa eumesa non hai grandes urbanizacións e non has haberá" (Declaracións recollidas en La Opinión do 3 de marzo do 2007)

Porén o balance que a Xunta fai deste PXOM que tantas venturas debería aportar a Pontedeume é desolador e desminte os presaxios de Rei. O Concello non xustifica o previsíbel crecemento urbanístico que traería a construción de máis de 3000 vivendas en 8 anos polo que carece de sentido crear grandes masas de chan urbanizábel residencial. No documento remitido pola Xunta se sinala que o proxecto de construción dentro da franxa de protección do litoral de 500 metros carece de "xustificación razoada".

É dicir, segundo a Consellaría de Política Territorial o PXOM permitiría a construción de urbanizacións no litoral, contradicindo as palabras de Manuel Rei que afirmaba o contrario. Parece que a permisividade si sería unha grande característica deste plano de urbanismo, acompañada da falta de disciplina que xa se xestou durante os catro últimos anos. Resulta incomprensíbel que o Sr. Rei se atreva erixirse en defensor da disciplina urbanística se lembramos que hai ditadas ordes de paralización sobre case 200 vivendas e que non se acataron. E correspońdense ao período no que o BNG ostentaba a concellalía de urbanismo.

9 de xuño de 2007

Outra oportunidade perdida


Como xa se prevía o PXOM de Pontedeume non conta co beneplácito da Xunta e debe ser modificado. As razóns son varias e coinciden coa valoración que o colectivo Fusquenlla fixo no seu día deste proxecto que tentaba dotar a Pontedeume dun planeamento urbanístico acorde cos intereses dunha minoría. Porque diso se trataba, de facilitar aos promotores unha ampla superficie de terreo na que seguir levantando máis mamotretos ao estilo do de Caldagueiro. Un plano de urbanismo á carta para empresas da construción e das inmobiliarias, e contrario aos intereses da veciñanza que exixe un hábitat cunha alta calidade de vida e unha protección do entorno que garanta o futuro do concello. É dicir, un plano que dote de máis e mellores servizos aos núcleos xa existentes ao tempo que preserve paraxes como o litoral, o entorno de Breamo e as Fragas do Eume.
Moitas veces oimos proclamar os beneficios deste PXOM, agora desbotado pola Xunta, aos responsabeis da súa creación, os nacionalistas do BNG. Pretendían vendelo á cidadanía como o mellor plan que Pontedeume se podía permitir, unha aposta segura para evitar máis aberracións urbanísticas (como se eles non fosen responsabeis destas) e conseguir un desenvolvemento racional para Pontedeume. Pura demagoxia como acaba de demostrar a CPTOPT ao rexeitar o ordenamento urbanístico proposto. Entre as causas que aduce o goberno autonómico está o excesivo incremento da superficie urbanizábel, a nula protección que se ofrecía a zonas como Ber, Breamo e outras de inacalculábel valor paisaxístico, e a escasa atención que se presta aos núcleos rurais xa asentados con deficientes servizos básicos.
Cremos que esta decisión da Xunta xa era coñecida polos rexedores locais se ben a súa publicación non era aconsellábel antes das eleccións locais. Sendo magnánimos con dirixentes do PSdG e do BNG diriamos que o seu foi un garrafal erro de apreciación; máis exixentes teriamos que declarar que o seu foi un posicionamento a favor dos representantes do capital inmobiliario. En calquera caso, un dano irreparábel para os ciadadáns deste concello que terán que esperar outro tempo para conseguir ese tan anhelado planeamento urbanístico que permita crecer con sostenibilidade o territorio eumés, amais dun gasto innecesario que repercutirá nas arcas municipais.
Non podemos pedir a demisión destes políticos ineptos e corruptos; o pobo de Pontedeume intelixentemente paosunos ao retiro.

4 de xuño de 2007

Reganosa


Os conflitos sociais sempre pasan factura aos partidos políticos, para ben ou para mal. A instalación da planta de gas na ría de Ferrol foi unha auténtica cruz para o BNG que dende os priomeiros momentos tivo que achantar con graves crises internas, dende a renuncia de varios concelleiros e destacados militantes ata a perda dun número considerábel de votos nas pasadas eleccións. Este domingo tivo lugar a máis grande manifestación que se celebrou contra Reganosa e un detalle que non pasou desapercibido polos medios de comunicación foi a sonora pitada que se adicou ao parlamentario nacionalista Francisco Rodríguez. Como se sabe, este diputado criticou abertamente ao Comité de Emerxencia que abandeira a oposición á planta de gas. Foron as súas críticas tan esaxeradas que inmediatamente víuse obrigado a matizar as palabras proferidas en contra de "certas persoas que compoñen o Comité". Debe pensar o Sr. Rodríguez que o sistema de funcionamento deste colectivo cidadán semella ao da súa organización, na que a opinión dos persoeiros é a voz do BNG.
Non podemos pensar que esta actitude de Francisco Rodríguez foi unha metedura de pata propia do nerviosismo das eleccións. A posición do BNG con respecto ao tema de Reganosa é anterior, xusto cando se plantexa a construción deste complexo industrial. O BNG considera que unha prioridade para Galiza e o seu desenvolvemento pasa pola creación de grandes empresas de capital galego, ignorando que o capital non ten fronteiras nesta época de globalización. Exemplos non faltan de empresas galegas que acabaron en mans de capitalistas foráneos: Fadesa e Leyma serían as máis recientes. Quere isto dicir que un capital "galego" non trae necesariamente máis riqueza a Galiza que outro que non o sexa. A riqueza mídese polos postos de traballo e pola calidade de vida dos cidadáns. Nin unha cousa nin outra é Reganosa capaz de asegurar. A pretendida creación de postos de traballo vese desvirtuada pola aniquilación dos medios de subsistencia dos mariñeiros da ría de Ferrol; a calidade vida dos habitantes da ría e entorno sería unha entelequia por mor do grave perigo que a planta supón para a vida dos cidadáns.