24 de xul. de 2006

Unha xornada particular

Mes de xullo en Pontedeume. O tempo climatolóxico é imprevisíbel. Din que o cambio climático está producido pola enorme contaminación que dana a capa de ozono, e que este cambio amosa-se impredecíbel; agora sol radiante, logo forte treboada. Foi o que pasou onte, lóstregos que fixeron saltar alarmas, queimaron aparellos eléctricos e fundiron sistemas de servizos. Como non podia ser menos, as bombas encargadas de surtir auga á vila deixaron de funcionar desde primeiras horas da mañá. Cando me levanto non podo duchar-me como teño por costume facer todos os dias, quizais un vicio que os árabes deixaron por estes lares da península ibérica. Está-me ben empregado por non adoptar o pragmatismo anglosaxón e utilizar a ducha unha vez á semana, cooperando ao aforro enerxético e ao consumo racional da auga. Pero debo dicer no meu favor que xa levo unha tempada que, involutamriamente, estou facendo un uso moi racional da auga. A razón é que desde que comezou a época estival, e debido ao maior número de urbanizacións e vivendas ocupadas, o caudal de auga que flue polas conducións do concello é escaso e, ás veces, insuficiente.
Como non podo deixar de facer as miñas obrigas, e menos por non estar fresco como me gustaria, decido desprazar-me a Ferrol para entregar uns documentos nun organismo público. Xa se sabe que para estas cousas a "vila" queda-se pequena. Consciente do rápido transcorrer do tempo, non podo esperar a que as billas volvan botar auga. Non fun dos afortunados aos que se lles comunicou que a avaria era importante e que poderiamos estar várias horas sen suministro. Pero á volta non contei con un inconvinte que, irremediabelmente, padecemos a cotio: os atrancos de tráfico que se dan á entrada de Pontedeume. Armando-me de paciéncia, decido pasar o tempo escoitando a rádio e enteiro-me que, segundo un especialista, o nivel de vida máis envidiábel o teñen paises cunha concepción avanzada do progreso; un progreso baseado na educación, no civismo, na solidariedade social, no respeto ao medio ambiente, na cultura, na protección do patrimonio e da paisaxe...Entre estes paises, atopan-se Finlandia, Suecia, Canadá...
Cando por fin chego a Pontedeume, outro sufrimento: a falta de aparcamento. Despois de dar várias voltas, acompañando-me un sentimento de culpa por contribuir á contaminación ambiental, consigo facer-me co oco deixado por un foráneol que acababa de realizar as suas compras. Soube-no pola enorme cantidade de bolsas que levaba dunha coñecida cadea de supermercados. Este labor mercantil non é privativo dos turistas, así que tamén eu dispuxen-me a imita-los. Menos mal que non son moi exixente con isto das marcas pois do contrário estaria contrariado por non atopar un par de produtos que adoito mercar. Xa me decatei noutras ocasións que, ademais do xornal, son diversos os artigos que desaparecen dos estantes cando a afluéncia de visitantes é máis grande. O que peor me sinta é non poder facer-me cun bolo de pan do pais. Terei que usar pan de molde; outro símbolo do progreso.
Cando me dispoño a facer o xantar, o pesadume que me acompañaba desde a miña saida da casa torna-se nun cabreo supino. A auga ainda non fluia por onde tiña que face-lo. Como poderia eu cumprir coas miñas obrigas de "ama de casa" se non tiña o elemento máis preciado para levar a cabo semellante tarefa? A solución pasaba irremediabelmente por cambiar o menú, buscar un prato que non precisa-se do líquido elemento. Atopei-no nos socorridos ovos con patacas que, ainda que non eran do agrado dos meus convidados eternos, uns pequenos aos que lles prometera facer pasta á "carbonara", evitarian-nos pasar fame. Pero se eles non tiveron unha boa dixestión pola composición do menú, a min case se me corta cando tiven que soportar ver o vergoñento espectáculo dos cacharros amontoados enriba do fregadoiro, unha situación que se prolongou até ben entrada a noite. Prometin-me que se volvia suceder levaria aos meus a comer ao mellor restaurante de Pontedeume e logo pasaria-lle a factura ao Concello como un acto de reivindicación cívica.
Para calmar o desgusto dos máis pequenos - o meu xa era crónico - decidín leva-los a desfrutar dun paseo por onde mais lles gostaba, o xardín de Lombardero, o único que hai en Pontedeume. Ou que habia, pois ignoraba que está en fase de recuperación e, a xulgar polo tempo de tratamento, debia ter unha doenza moi grave.
Para non deprimir-me boto man do escoitado na rádio: existen paises cunha calidade de vida própria do século XXI. Se non podo desprazar-me até alí, mercarei unha revista de viaxes con amplas reportaxes e fotografias das suas paisaxes e costumes. Se é que ainda quedan nos estantes das librerias.

15 de xul. de 2006

O património dos responsabeis da Administración Local

Cando empezamos esta andáina polos espiñentos camiños do urbanismo non podiamos pensar que o muro que se levantaba ante nós, chame-se Caldagueiro ou antiga casa de D. Pablo, ocultaba unha paisaxe máis desoladora do que nun primeiro plano se albiscaba. Detrás dos colosos de formigón habia intereses, corrupción, especulación, abusos, prevaricación, influéncias e cloacas. Sobre todo, isto.
Por esas cloacas circulou todo tipo de suciedade. Por moito que os concelleiors e o seu alcalde á cabeza se empeñasen en clamar que todo era legal, logo demostrou-se, con documentos na man, que a ilegalidade ateigaba toda a política urbanística do concello e eles mesmos viron-se na obriga de asinar os decretos que o certificaban. Cunha man explicaban unha cousa e coa outra asinaban o contrário. Todo un exercicio de esquizofrénia política.
Certos promotores viron-se forzados a abandoar os seus proxectos por ser desestimados pola corporación (unha palabra polisémica moi oportuna), proxectos que foron retomados por outros máis avezados que lograron as licenzas en canto as obras tiñan o aval de determinada empresa construtora. Todo un mundo empresarial en expansión grazas á "corporación". Empresas familiares converten-se en grandes empresas da construción; inmobiliárias con beneficios de 700 euros ao ano, despegan sen apenas esforzo e venden os seus produtos en feiras, xornais de alcance nacional e locais no corazón financieiro da capital de España, albaneis sen futuro, acadan a categoria de promotores, seguindo o modelo de progreso USA.
Moito cambiaron as cousas desde o punto de vista do observador que eramos nós, os cidadáns de a pé. Conseguimos formar-nos unha idea moi precisa do mundo que se ocultaba detrás do cemento. Agora somos capaces de entender, que non xustificar, o que secedia ao noso arredor, como unha peza dun crebacabezas ainda incompleto. Faltan outras que, ou non se coñecen con exactitude ou non tardarán en facer-se públicas. Xa ninguén poderá estrañar-se do que aconteza. A maquinária da corrupción só pode funcionar se determinadas pezas se desaxustan. Non hai casualidade, hai causalidade.
Non debe ser agradábel estar no ollo do furacán e sentir-se cuestionado polos desacertos doutros, pero hai que saber distanciar-se e deixar claro que, con maior ou menor acerto, se fixo o traballo con total honestidade; que a complicidade se desminte rompendo o siléncio. Hoxe, máis que nunca, precisa-se dunha declaración pública dos bens que cada responsábel local posua. Ninguén, agás os que camiñan polas cloacas, ten nada que ocultar.

2 de xul. de 2006

PXOM


O avance do novo Plano Xeral de Ordenación Municipal, ou mellor, o pouco que se sabe del, non é nada tranquilizador. Trata-se dun plano feito á medida para beneficiar aos promotores inmobiliários en detrimento dos pequenos propietários. Recalifican-se multitude de zonas rurais como zonas residenciais. Isto supón que aos propietários desas terras só lles queda a posibilidade de vende-las a un promotor para que este construa unha urbanización que logo venderá a prezos moi por riba do pagado pola sua compra. Todo un paradigma da especulación salvaxe que está imperando polas nosas terras. Por se non abonda-se, os núcleos urbanos non crecerán o que a lei permite para non incrementar demasiado o terreo urbanizábel, algo polo que a Xunta de Galiza poderia botar abaixo o PXOM. Un exemplo claro de como se sacrifican os intereses dos cidadáns de Pontedeume en beneficio dos especuladores inmobiliários. Un propietário dun terreo non poderá construir a sua casa pero un avispado promotor poderá levantar unha urbanización. Claro que ao lugareño queda-lle a solución de mercar unha vivenda nunha destas urbanizacións; sempre e cando teña medios para pagar moito máis do que lle custaria facer a sua propia casa.
Como proba de que os axentes inmobiliários xa coñecen pormenorizadamente as intencións do novo PXOM, ainda que este oficialmente está pechado baixo chave no despacho da secretária do concello, sinalar que xa se lanzaron a mercar terreos que a nova lexislación local calificará como residenciais: Boebre (Arbosa e Paredes), Nogueirosa, Ombre, Andrade, Campolongo, zona de Caldagueiro, avenida de Ferrol, etc. Por certo, nesta última un promotor que xa mercara terreos para construir á altura da ponte de ferro, viu-se na obriga de ceder o proxecto a Lagares polas dificultades postas desde o concello. Un caso que xa nos resulta coñecido, cando Sampedro optou por "deixar" a obra sita na Av. de Ferrol e logo foi levantada por Promosións Lagares e Construeume.
É este o PXOM que, segundo os responsabeis do BNG, vai cambiar o rumbo da xestión inmobiliária no concello? É posíbel pero non especificaron se o cambio era a mellor ou a peor. Os feitos non deixan lugar a dúbidas; o futuro pode ser o principio do fin de Pontedeume como vila acolledora, habitábel, patrimonial e atractiva.