18 de xul. de 2015

Non máis réquiems

Pontedeume gozaba ata agora do raro privilexio de ter tres árbores que figuran no catálogo de árbores senlleiras de Galiza: o teixo do paseo marítimo, a araucaria da casa dos Tenreiro e o metrosidero do xardín de Lombardero. 

Polo máis coñecido, o teixo, xa se entonou un réquiem. Unha mágoa que algo que poido ser evitado hai anos cando diversos colectivos ecoloxistas alertaron da deterioración deste exemplar de 400 anos foi ignorado polas autoridades locais e Xunta de Galiza. Mais os alcaldes non están dotados de sensibilidade polo medioambiente aínda que si sobradamente preocupados pola construción de rotondas, aparcadoiros e paseos marítimos (Torrente rabenou un teixo á entrada da vila para construír unha rotonda). E Pontedeume sufríu como tantas vilas e concellos o pernicioso efecto de distintos rexedores que se distinguiron como depredadores do territorio.

Feitos como estes poden volver a repetirse, neste caso afectando á araucaria do xardín dos Tenreiro. Unha simple ollada a este exemplar abonda para ver como aparecen os primeiros síntomas dunha enfermidade que seca a súa copa. Unha enfermidade que se agrava coa que sofren os responsabeis destas situacións: o desleixo. As autoridades teñen a obriga de preservar o patrimonio que representan estas árbores merecedoras dunha especial protección.


15 de xul. de 2015

Réquiem por unha árbore

Un informe sinala a inutilidade de calquera actuación para a recuperación dun teixo con varios séculos de historia de Pontedeume, prexudicado pola construción dun paseo marítimo

Ver máis:
http://www.eldiario.es/galicia/Requiem-arbol_0_409459892.html

6 de xul. de 2015

Continuismo

Dous son os grandes retos aos que se enfronta Pontedeume na actualidade: o PXOM e o mercado municipal. Sobre estes dous proxectos pende o futuro económico da nosa vila. E na elaboración deles parece que os alcaldes non son os principais protagonistas senón máis ben os executores ao servizo de ocultos intereses que outros impoñen ao consistorio.

O novo alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, non precisou dos 100 días que se lles dá aos novos gobernantes para que demostren a sinceridade das promesas electorais. El mesmo xa se decantou por contravir as promesas que fixo en campaña naqueles dous temas que máis honestidade requerían.

Durante as mobilizacións dos praceiros a raiz do peche do mercado municipal o representante do PSdG non se cansou de repetir que o proxecto de Torrente era inviábel dada a inexistencia dun convenio coa Xunta que garantise os máis de 2 millóns de euros necesarios para acometer as obras. Laiábase Bernardo Fernández que o alcalde (Torrente) continúe “empecinado” nun proxecto orzamentado en máis de 2,5 millóns de euros non optando, tal e como lle propuxemos en moitas ocasións, por unha actuación máis humilde, e polo tanto cun custe inferior, a fin de non eternizar a obra dun edificio que, tendo en conta a súa importancia e atractivo comercial, non pode permanecer pechado de forma indefinida. En menos de dous meses o xa alcalde socialista mudou de parecer e decántase polo proxecto herdado de Torrente, é dicir, agardar que haxa financiamento para unha remodelación completa do mercado. Se o compromiso da Xunta con Torrente era fume electoral, que lle leva a pensar que o PSdG si vai obter o financiamento?

Mais non é esta a única proba de que as tomas de poder mudan as perspectivas dos mandatarios. Se os socialistas queixábanse da premura da que fixo gala Torrente para aprobar o PXOM nun pleno extraordinario convocado de forma irregular e ilegal, tachando a medida de propaganda electoral e reclamando unha lectura pormenorizada das correccións introducidas con nucturnidade e alevosía, se esas queixas fosen sinceras cabería esperar do novo goberno a paralización ou anulación desas correccións e a súa revisión antes de mandalas á Xunta para a aprobación definitiva do PXOM. Mais nada disto vai suceder, e Bernardo Fernández optou por mandar o texto elaborado polo PP aínda que admite que non lle gusta.

Cabe preguntarse para que elexir un novo alcalde que lexisla cos criterios do anterior. Cabe preguntarse como é posíbel que en tan poucas semanas as expectativas depositadas neste equipo xa se tornen en fracaso naqueles temas que son unha prioridade para Pontedeume.  Unha vez máis a mesma canción de sempre, a que entonan políticos que, lonxe de buscar solucións para o concello, procuran facer carreira dentro dunhas siglas que non representan á cidadanía. Unha vez máis os mesmos cadelos con distintos colares.


3 de xul. de 2015

Lei mordaza (II)

Fotografías como esta, premio Púlitzer 1969, axudaron a rematar coa guerra do Vietnam. Porén ao goberno de EE.UU. non se lle ocorreu ditar unha lei mordaza para impedir a difusión de fotos que cuestionaban o seu papel naquela maldita guerra. Rajoy, adalide do neofranquismo, teno máis claro.