28 de xan. de 2015

Un alcalde que oculta os fracasos

Torrente debería ter dimitido hai moito tempo. Pola mala xestión do concello; pola falta de respecto aos eumeses froito dunha pésima educación; polo seu autoritarismo que nos lembra épocas pasadas que el debe ter en mente; pola personalidade revanchista que o caracteriza; e pola falta de transparencia propia de quen se sente vulnerábel. 

Unha proba máis desta última carencia é o ocultismo co que trata o PXOM desde os seus inicios. Nunca foi claro cando se tratataba de informar do estado actual do documento durante a redacción e posteriores trámites. Nunca explicitou cales eran as deficiencias que motivaban que a Xunta non sacase adiante o plan de urbanismo. E agora, cando xa todo o mundo se imaxinaba que o plan sería aprobado polo goberno autonómico despois da aprobación polo pleno municipal, resulta que a Consellaría de Medio Ambiente di que non. E Torrente, por riba do ben e do mal, señor destas terras e dos seus vasalos, non dá información destes feitos. E ninguén llela pide. 

23 de xan. de 2015

A Xunta non aproba o PXOM de Pontedeume




















Outro fracaso estrepitoso do alcalde Torrente e do seu equipo de goberno. Despois de 8 anos non foron capaces de sacar adiante o plan de urbanismo de Pontedeume. Como se sabe, hai un ano o pleno municipal aprobou o PXOM despois de constantes encontronazos coas distintas administracións que esixían dos redactores do plan as modificacións necesarias para adaptalo á normativa vixente en materia de ordenación do chan. Pois ben, cando todo parecía rematado e por fin o pleno municipal aproba o documento definitivo para envialo á Xunta co obxecto de obter a aprobación final, resulta que a Conselllaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas decide non aprobar o plan de urbanismo.

A importancia de dotarse dun PXOM para Pontedeume é algo incuestionábel por canto deseña o futuro do concello e ordena o seu crecemento. Pero tamén é certo que na elaboración dun proxecto como este entran en xogo innumerabeis intereses privados que moitas veces inciden nas liñas do mesmo para favorecer a persoas ou empresas en detrimento do ben común. Tanto é así que o PXOM comezou a súa peregrinaxe na época do goberno PSOE-BNG, e desde entón ninguén foi capaz de rematalo, o que se explica pola pugna de intereses contrapostos.

Torrente tivo 8 anos para desenvolver un proxecto que xa fora anulado pola Xunta no ano 2007. Cal foi o motivo deste fracaso? Despois da aprobación inicial, despois de acatar ás recomendacións da Xunta para adaptalo ás leis de urbanismo, o goberno local decide presentar á Xunta para a aprobación definitiva un documento que foi aprobado en pleno hai máis dun ano, un documento que contiña numerosas modificacións e que en nada se parecía ao proxecto inicial. O certo é que a Consellaría de Medio Ambiente, T. e I. xa estaba disposta a dar o visto bó ao planeamento. pero no último intre, quizais polas denuncias presentadas, decidíu rexeitalo.

Coherentemente coa súa falta de transparencia Torrente non informou disto á veciñanza. 

18 de xan. de 2015

Volven as conspiracións xudeo-masónicas

Críamolas desaparecidas pero as conspiracións están aquí, nunca se foron. Franco, Fraga e agora Torrente interpretan a historia como unha gran conspiración contra a orde establecida e auspiciada polos xudeos, masóns e comunistas., aos que hai que engadir os praceiros. A propósito da última inundación no calamitoso mercado municipal provisional o alcalde eumés carga as culpas contra os praceiros e todos aqueles que os apoian. Seguro que se carga de razón como se cargaban os mentores ideolóxicos antes citados. Pode que todo sexa unha operación artellada no exterior para desaloxalo do goberno.

Segundo Torrente o mercado municipal estivo pechado por obra e gracia dos praceiros que privaron aos veciños do servizo, quizais por desprestixiar ao consistorio. Non sería aventurado dicir que nese período de inactividade os praceiros recibiron axuda económica de Venezuela. Nega Torrente, con bo criterio, que houbese inundacións e cando entrou auga nas instalacións foi debido a un acto de sabotaxe que consistíu en atascar as tubaxes con botellas de plástico. Tamén, moi intelixentemente e con retranca galega, faille saber á veciña que se cae nunha arqueta dos sumidoiros que debe prestar atención por onde anda. Todo parece indicar que esta muller fíxoo adrede xa que é coñecida a súa oposición ao goberno local. Desde logo, hai que ser retorcidos.


17 de xan. de 2015

Tomémolo cun pouco de humor


A nova da caída dunha muller no provisional mercado municipal xa é coñecida. O que non se sabe é o interese que amosou o alcalde de Pontedeume pola accidentada, interese que non recolleron os xornais. Segundo esta muller, o alcalde presentouse nas instalacións do mercado e as primeiras palabras que lle dixo a esta veciña foron: "hay que mirar por donde se anda".

A verdade é que non sabemos se esta resposta é tan campechana como a do Papa Francisco que avoga por  repartir hostias se se lle menciona á súa nai ou amosa unha falta de empatía do rexedor polos seus veciños. Imaxinemos unha situación hipotética na que un integrista defensor das teses "franciscanas" dalle unha puñada ao alcalde e a continuación espétalle que ten que mirar por onde anda, que a cara cruzouse co seu puño. Un caradura só podería comportarse deste xeito. 

6 de xan. de 2015

Por que Pontedeume é a excepción?


Vanse investir máis de 28 millóns de euros de fondos europeos en crear itinerarios para ciclistas e sendas peonís para fomentar a mobilidade sostíbel. Os concellos elexidos pola Xunta son os de Ares, As Somozas, Cedeira, Fene, Ferrol, Moeche, Mugardos, Narón, Neda, San Sadurniño y Valdoviño. Aproximadamente 152.000 habitantes. 

Pontedeume non aparece na  lista de concellos privilexiados e sería bo que o goberno eumés explicase as razóns. Tampouco debería estrañarnos esta ausencia por canto Pontedeume non foi capaz de rematar as aceras en distintos tramos da estrada Pontedeume-Miño pola costa

3 de xan. de 2015

Argumentos ad locum

Nos tempos actuais, e grazas aos medios de comunicación, léanse televisión ou redes sociais, estase a perverter o debate de ideas en favor da descalificación dos interlocutores. Cuando alguén expón o seu punto de vista sobre calquera tema político é inevitábel que o contrincante, en lugar de rebater con argumentos lóxicos, esgrima acusacións de tipo persoal contra o adversario. É o que se chama argumento ad hóminem. A falta de razóns, benvidos sexan os insultos.

Pero ultimamente aparecen novos argumentos en boca dos chamados nacionalistas  que agochan trampas dialécticas. Para argumentar en contra dos que defenden ideas alleas ao nacionalismo recorren á descalificación das mesmas en virtude do lugar de procedencia: son erróneas porque proceden de partidos radicados en Madrid, en París ou Moscú. Nin Marx, nin Stiglitz, nin Chomsky poden interpretar a realidade social ou económica galega porque proceden doutros países. Poderiamos chamar a isto argumento ad locum (dirixido ao lugar), o que non deixa de ser outra falacia.

2 de xan. de 2015

Como se deseña unha crise

"A maior abundancia, o incremento da débeda pública interesaba directamente á fracción burguesa que gobernaba e lexislaba a través das Cámaras. O déficit do Estado era precisamente o verdadeiro obxecto das súas especulacións e a fonte principal do seu enriquecimiento. Cada ano, un novo déficit. Cada catro ou cinco anos, un novo empréstito. E cada novo empréstito brindaba á aristocracia financeira unha nova ocasión de estafar a un Estado mantido artificialmente ao bordo da bancarrota; este non tiña máis remedio que contratar cos banqueiros nas condicións máis desfavorables. Cada novo empréstito daba unha nova ocasión para saquear ao público que colocaba os seus capitais en valores do Estado, mediante operacións de Bolsa en cuxos secretos estaban iniciados o Goberno e a maioría da Cámara".

Este texto explica á perfección o que está a acontecer noso entorno e axúdanos a entender que a crise non foi un fenómeno fortuíto senón algo provocado por unha clase social moi específica. O curioso é que este texto foi escrito a finais do século XIX por alguén que coñecía moi ben o funcionamento do capital nas sociedades industrializadas: Carlos Marx ("A loita de clases en Francia de 1848 a 1850")