Acaba de aparecer o boletín preelectoral do PSdG de Pontedeume. Nel pregúntanse os socialistas por moitos dos problemas que hoxe afectan a Pontedeume e critican,con razón, as nulas medidas do Partido Popular. Mais se os populares xa demostraron a súa incompetencia para gobernar e dar solución aos graves problemas deste concello, os socialistas incurren en defectos non menores que os do PP.
Na longa lista de deficiencias que o PSdG enumera no boletín aparecen temas relacionados coas beirarrúas, axudas á rehabilitación, mal estado dos camiños parroquiais, etc. Pero nin unha soa mención á falta do plan de urbanismo de Pontedeume. Evidencia que para o PSdG non é unha prioridade, ou peor, é improcedente e inoportuno.
A importancia dun plan que ordene o urbanismo está fóra de toda dúbida . Con el moitos dos males que os socialistas enumeran no panfleto publicado estarían xa resoltos. Pero tamén estarían resoltos outros problemas que aqueixaron á vida municipal nos últimos anos. E iso pode ser algo non desexado pola clase política. Porque hai constancia de que sen PXOM é doado especular, prevaricar e corromper.
En todo o mundo hai un movemento social a favor do cambio no xeito de facer política e no fondo desta protesta hai un denominador común: a recuperación da dignidade como cidadáns que queren participar nas decisións. Unha sociedade farta de ser ninguneada polos seus representantes está esixindo un compromiso serio na defesa dos intereses da comunidade. Os políticos eumeses parecen non adaptarse aos novos tempos e empéñanse en lanzar proclamas ocas de contido. Pode que os eumeses non saiamos á rúa para protestar pero si pode ser que o 22 de maio nos quedemos na casa antes que comulgar con rodas de muíño.