Quen asistise o pasado sábado á manifestación que os traballadores de Einsa fixeron en Pontedeume quedarían atónitos ao contemplar como a plana maior do BNG local se solidarizaba cos empregados da familia Martínez. E non é para menos. Sabemos que estamos en vésperas electorais pero semellante atrevemento non se xustifica polo empeño en conseguir votos a calquera prezo. E digo isto porque todos sabemos que o BNG votou favorablemente a aprobación inicial do PXOM de Pontedeume. O plan de urbanismo aprobado contemplaba a recualificación dos terreos da empresa Einsa (e algúns máis que non lles pertencen) para permitir a esta firma reconvertir as súas actividades noutras máis lucrativas relacionadas co sector inmobiliario, liquidando así as edicións informatizadas e condenando ao paro a centos de traballadores.
Amosarse dentro do Concello como un xestor de intereses empresariais e nas rúas como defensor da clase traballadora ten algo inequivocamente patolóxico, un desdobramento de personalidade que confunde ao electorado e provoca desazo nos cidadáns. Pero ben pensado, o salón de plenos do Concello non é máis que un escenario no que se representa mediante unha alegoría a idea do neofeudalismo eumés. Políticos, mercaderes, especuladores, condes e vasallos representan de forma convincente unha falsa democracia na que o señor conde impón as directrices e os outros protagonistas da comedia louvan as súas virtudes.