30 de out. de 2007

Unha demanda irrenunciábel: a protección da comarca eumesa


Nunha nova publicada no xornal El País, o Concello de Vigo abraiábase da actitude de Consultora Galega, a empresa que está a elaborar o plan de urbanismo deste concello por 200 millóns das antigas pesetas. "A documentación completa do plan xeral de urbanismo de Vigo está en poder da empresa encargada da súa redacción, Consultora Galega, e non na Xerencia de Urbanismo, segundo informou onte o alcalde, Abel Caballero, que considerou "sorprendente" esa situación."
Sorprendente tamén que Consultora Galega (CG) non aceptase as directrices emanadas da Xunta de Galiza e do propio concello vigués para modificar o PXOM despois de ser rexeitado pola CPTOPT. Curiosamente a presidencia dos promotores e empresarios de Pontevedra fixeron causa común coas teses de CG para criticar os obxectivos da Administración.
Pontedeume pode repetir estes desencontros con Consultora Galega se reparamos no acontecido nos últimos meses. Despois de ameazar con que a modificación do plan de urbanismo de Pontedeume pode retrasarse máis de dous anos, publicítase o informe de impacto ambiental que esta empresa mandou á Xunta como paso previo para a aprobación do planeamento urbanístico. Nese informe, insuficiente e enganoso, propóñense unha serie de actuacións que demostran ata a saciedade que o plan está feito á medida dos promotores. Despois de insistir na realización dunha estrada que cruzaría a ladeira do monte Breamo e que afectaría ao Camiño de Santiago, apóstase pola construción dun paseo marítimo (eles o chaman senda verde) que cruzaría todo o concello dende Arbosa ata as Fragas do Eume. Un paseo a 100 metros do litoral que sería a punta de lanza de futuras urbanizacións. Hai que lembrar que varios proxectos presentados nas oficinas do Concello solicitan permisos para construír máis de 400 vivendas en Ber e Boebre.
O goberno local ten a responsabilidade de levar a bo porto o tema do plan de urbanismo. Nin pode deixar a Consultora a decisión de ordenar urbanisticamente o concello, nin debe atender ás demandas dos empresarios da construción que só buscan o beneficio propio. Por riba de todo o goberno debe satisfacer ás xustas reclamacións dos cidadáns que optan por un concello adecuado para vivir en harmonía coa terra, a ría, as Fragas e a costa. Os eumeses temos claro que esas son prioridades ás que non estamos dispostos a renunciar e así o deixamos saber nas pasadas eleccións locais.

17 de out. de 2007

Galiza non se vende

O malestar do movemento ecoloxista non deixa de crecer e razóns non lle faltan. Se buscamos exemplos hainos de toda clase e condición. Reganosa, o máis próximo a nós xunto co urbanismo salvaxe, demostra á perfección como a legalidade retírase a un segundo plano para deixar actuar a lei do libre mercado; o Plano Acuícola, dando vía libre á proliferación de piscifactorias, destroza o litoral mesmo en espazos da Rede Natura; as minas sen licenza do Courel conseguen permiso para seguir explotando e expoliando unha das máis preciadas paisaxes galegas; as excesivas construcións, algunhas ilegais, que ateigan a costa; os ríos contaminados; o xofre emitido polas centrais térmicas; as augas non depuradas das nosas vilas e cidades; a contaminación fecal das rías...
O próximo sábado día 20 celebrarase unha reunión en Santiago á que se espera asistan a maioría das organizacións ecoloxistas que o 6 de maio levantáronse cunha consigna clara: "Galiza non se vende". No seu comunicado solicitan "a asistencia de todos os colectivos cidadáns, organizacións ecoloxistas, representantes da cultura e calesquera cidadáns que sintan a necesidade ineludíbel de opoñerse á perda do privilexiado hábitat galego, o que mellor define a nosa identidade."

14 de out. de 2007

Capital galego?


As empresas galegas están á cabeza de España en investimentos en paraisos fiscais. Os abundantes beneficios, que algúns esperaban repercutisen na economía galega en forma de investimentos e desenvolvemento, van parar aos grandes bancos de lugares como as Illas Caimán, Malvinas, Panamá e mesmo Hong Kong. Só Madrid e Andalucía superan a Galiza en fuga de capitais. Estas cifras refírense a investimentos legais, outra cousa é a evasión ilegal de diñeiro, da que non se teñen datos.
A cantidade "emigrada" durante os seis primeiros meses do 2007 é catro veces superior que a de todo o ano 2006. As principais empresas expertas en fugas son as pesqueiras e as inmobiliarias, amais doutras como Inditex, Zeltia, Adolfo Domínguez ou Losán. Galiza é una das comunidades máis especializadas na saída de dinero cara a paraísos fiscales, co apoio da banca, asesorías e consultoras empresariais.
Ultimamente estase a falar moito da necesidade de posuír un capital galego como medio para lograr o desenvolvemento do noso país. É a principal razón esgrimida polos afectos a iniciativas como Reganosa, Plan Acuícola e por certos nacionalistas que non saben ver a verdadeira condición do capital. Nun mundo globalizado como o que nos tocou padecer, o capital só entende de beneficios, nunca de nacionalidades. Agardar que os empresarios galegos, polo simple feito de selo, invistan as plusvalías en galiza, é dunha considerábel inxenuidade como o proban os feitos. No caso das empresas da construción, os efectos da fuga de capitais son aínda máis graves: ademais da evasión, déixannos o territorio anegado de cemento.

13 de out. de 2007

Danos colaterais do ladrillo

Reproducimos unha carta publicada en El País por unha lectora

Agora que pasou a resaca informativa en relación coas recentes inundacións de Andalucía e Baleares, con resultados de mortes e danos materiais, cabe facer unha pequena reflexión. Se os meteorólogos afirman que as choivas non foron excepcionais, por que se produciron avenidas en sitios onde nunca as houbo? En todas as noticias que trataron destes fenómenos, en ningún momento mencionouse que quizá sexa a propia actuación humana o que produciu unha situación de risco. Cando chove, a auga necesita tempo para chegar a unha zona baixa desde o lugar onde caeu. O asfaltado e a perda de chan, asociados ás innumerables urbanizacións que se constrúen ao redor de pobos próximos a grandes cidades, fan que a auga flúa máis rapidamente que sobre un chan cuberto de vexetación; ademais, iso impide que se infiltre a choiva no subsolo, polo que aumenta a cantidade de auga que se pode concentrar. Estes dous simples feitos, que por outra banda se ensinan aos estudantes de primeiro curso de Ciencias Xeolóxicas ou Ambientais, mostran que non se pode deixar a xestión do territorio exclusivamente aos políticos: técnicos ben informados e científicos deben participar nos órganos de decisión. Isto evitaría moitos riscos innecesarios e mitigaría as inundacións, que, neste caso, pódense considerar un dano colateral da política desenfreada do ladrillo.
Ana Crespo Blanc (Profesora de Xeoloxía. Universidade de Granada)

11 de out. de 2007

Pontedeume republicano




O Partido Popular, ao colgar da fachada do Concello unha bandeira monárquica, fai ostentación do seu credo máis nacionalista, o da España golpista que usurpou mediante un cruento golpe de estado a legalidade republicana elexida democráticamente polo pobo español. Que escolla o 12 de outubro é para celebrar outro nacionalismo, tamén criminal, que exterminou aos pobos indíxenas das Indias.

1 de out. de 2007

O tráfico como excusa


O tráfico é unha enfermidade á que algúns galenos quérenlle aplicar remedios inútiles. Lonxe de erradicar o mal, limítanse a aliviar os síntomas. Hai un abuso desmesurado do uso do automóbil por parte dos cidadáns e, inevitabelmente, aparecen problemas de aparcamento. Pero estes son esporádicos e só en determinadas épocas do ano polo que plantexar solucións radicais como a dos aparcadoiros subterráneos ou o recheo do peirao é un desatino. Hai que lembrar que no seu momento unha empresa fixo un estudo para ver a viabilidade dun aparcadoiro subterráneo e se aconsellou non construílo. Non é pois recomendábel desfigurar o mapa de Pontedeume para calmar a indignación dos comerciantes, que son os que máis reclaman unha solución. Deberianos preocupar máis a posíbel contaminación producida polos motores dos nosos coches que a falta de espazo para aparcalos. Temos que admitir que en moitas ocasións nos excedemos no seu uso cando poderiamos desprazarnos a pé. Tamén é certo que noutras ocasións vémonos obrigados a utilizar o coche por falta dun adecuado servizo de transporte público. Pero parece que o máis intelixente é construir que investir na mellora do ferrocarril ou dos transportes comunitarios. Unha vez máis o progreso identifícase co motor sen decatarse que a situación vólvese insostíbel. Entre o CO2 e o cemento estamos a facer un mundo no que resulta cada día máis difícil sobrevivir. Unha premisa básica para deter este proceso pasa por concienciar á xente da necesidade de restrinxir o uso dos coches. Sen desbotar outras posibeis medidas como a implantación da zona azul. Se nas grandes cidades resultou eficaz cobrar unha taxa polo uso do coche, nas vilas como Pontedeume pode ser disuasorio cobrar polo aparcamento prolongado no centro da vila. Contribuiriamos a reducir as emisións, lograriamos unha maior fluídez, menos contaminación acústica e mellor calidade de vida. E por suposto, insistir na completa peatonalización do casco histórico.