29 de out. de 2006

Conversas cun inxenuo


A noticia é esta. Acaban de ser adquiridos uns terreos en Caldagueiro por máis de 500 millóns de pesestas. A extensión é de 50 ferrados, aproximadamente. A salientar que non son urbanizabeis.

- Como se pode pagar tal cantidade por un terreo no que non se pode edificar?
- A resposta é obvia. Van ser urbanizabeis no próximo plano de urbanismo.
- Se dito plano non é coñecido, como se pode apostar como se dun xogo de azar se tratase?
- A premisa é falsa. O plano é coñecido por algúns promotores.
- Pero quen compra está especulando grazas ao uso de información privilexiada e esta venlle dada por alguén que incurre no delito de prevaricación.
- Así é. Pero ainda hai máis. A empresa compradora declarou uns beneficios no último ano de 20.719 euros (3,5 millóns de pesetas)
-
Non entendo nada.

28 de out. de 2006

Atrevemento dun concelleiro


Rei calificó de "despropósito" la actuación de la Consellería de Educación: "Cuando se firmó el acta de inicio de las obras el Concello y el promotor advertimos de que no había licencia. Parece que pretenden obtener los permisos sobre hechos consumados". (La Opinión)

Así se manifestaba Manuel Rei sobre os feitos que levaron a paralizar a obra do colexio Couceiro Freixomil. A delegación da Consellería de Educación comezou as obras sen posuir o correspondente permiso de demarcación de Costas. En vista do cal, o concello de Pontedeume, celoso garda da legalidade, ordenou paralizar as obras. Segundo Rei, a consellería pretendía comezar o proxecto e deixar para máis adiante os permisos oportunos; é dicir, unha política de feitos consumados. Con razón o concelleiro Manuel Rei defende a postura do concello de Pontedeume. Mais se esquece que a política deste concello vai polos mesmos derroteiros que el denuncia, se ben dun xeito mái sescandaloso. Aquí levántanse as obras cando os permisos son contrarios e déixase rematalas para, unha vez consumadas, sexa imposíbel reparar o dano.
O que resulta difícil de explicar é esa ousadía do concelleiro que non escatima argumentos á hora de defender unha posición do seu goberno. Ou o seu nivel de percepción non é o adecuado ou considera que este defecto o posúen os habitantes de Pontedeume.

Véndese Pontedeume


"Os españois sufrimos un atraco brutal durante 15 anos que se levará un tercio da nosa riqueza durante os próximos 15 anos cara aos bancos, os especuladores, os promotores e os corruptos. Sen contar co custo ambiental, da perda de calidade de vida, da perda da paisaxe"
MANUEL VILLORIA Catedrático de Ciencia Política de universidade (El País)



Unha urbanización prevista en Cartaxena foi anulada a causa dunha investigación da fiscalía. O motivo: queríase saber por que unhas empresas pagaron 213 millóns de euros por uns terreos nos que non se podia construir.
En Pontedeume efectuouse unha compra de 50 ferrados por máis de 500 millóns das antigas pesestas. Tampouco aquí se pode construir nestes terreos.
Que garantías de recalificación teñen estes emprendedores para arriscar semellantes cantidades?

21 de out. de 2006

Corrupción, fraude, especulación...


Segundo o gremio de axentes inmobiliarios, a demanda de vivenda na provincia da Coruña empeza a diminuir respecto a anos anteriores; as causas hai que buscalas, din eles, no aumento do prezo do diñeiro e no encarecemento da vivenda. Isto ten unha repercusión clara: os que precisan dunha vivenda para aloxarse deberán recorrer ao aluguer. Porén, a demanda de vivendas de segunda residencia, fenómeno tamén coñecido como especulación ou blanqueo de diñeiro, segue a aumentar.
Ás crecentes dificultades que teñen os sectores con menor poder adquisitivo únese a depredación do territorio, neste caso Pontedeume, por parte dos que queren investir dun xeito seguro os seus aforros.
Claro que non son os máis xoves os únicos prexudicados pola carestía da vivenda; cantas menos se vendan, menos gañan as inmobiliarias co conseguinte risco de ter que desaparecer. As cifras cantan por si soas. Se en época de bonanza económica, léase de grande impacto da construción, unha inmobilaria de Pontedeume só gañou no ano 2003 arredor de 700 euros, que pasará con esta pequena empresa nun futuro non moi lonxano?
Pero non nos debe preocupar moito o futuro desta inmobilaria e si o da paisaxe eumesa que moi pronto sufrirá un cambio brutal. As últimas informacións nos din que terreos próximos a Caldagueiro, por riba da estrada á Centroña, foron vendidos a uns promotores polos que pagaron a cantidade de 3 millóns de euros (500 millóns de pesetas). Non é doado entender como se poden pagar semellantes cantidades por unhas fincas que non son urbanizabeis a menos que aceptemos que gozando de información privilexiada (acto delictivo) soubesen que o nov PXOM contempla a recalificación dos devanditos terreos.

19 de out. de 2006

Corrupción en Pontedeume


Aparece esta noticia en Vieiros:

[13/09/2006 09:48] Manuel Vázquez, concelleiro de Urbanismo do Concello de Porto do Son, gobernado polo PSdeG, é acusado pola fiscalía do Tribunal Superiorde Xustiza de Galiza de mercar varios predios no municipio que en principio aparecen oficialmente como zona non urbanizábel pero que no proxecto de Plan Xeral de Ordenación adquirirían categoría de solo edificábel. O fiscal advertiu que Vázquez mercou cando menos catro propiedades nesta situación nos últimos seis anos e acúsao de buscar beneficio individual usando a súa propia acción política. Por outro lado, na acusación contra o alcalde de Oleiros, Anxo García Seoane, o fiscal apunta que o rexedor usou do seu coñecemento do mercado inmobiliario local para aproveitando a súa propia acción política realizar operacións coas que obtivo importantes beneficios.

Non cabe dúbida que utilizar información privilexiada é delito, ademais de moralmente condenábel. En Pontedeume xa hai tempo que isto sucede. Antes de darse a coñecer o PXOM, certos promotores veñen mercando terreos ainda non urbanizabeis coa certeza que en pouco tempo o plano de urbanismo vai recalificalos e permitiralles sacar pingües beneficios. O grave é que nalgúns casos pagan aos propietarios cantidadaes ridículas aproveitándose da súa situación ou mediante enganos e ameazas de expropiación. Fadesa está a mercar terreos en Ombre a razón de un millóns de pesetas o ferrado, cando logo venderá as parcelas por unha cantidade que moi ben pode multiplicar por dez o valor inicial. Pregúntome que lles pode levar a mercar fincas non urbanizabeis. A resposta está no PXOM, parafraseando a Dylan. Hai responsabilidade por parte do concello que non preserva o proxecto do plano ante as intencións lascivas dos especuladores; e hai unha maior responsabilidade por parte daqueles concelleiros que participan directamente na compra de terreos que logo serán urbanizabeis.
En Pontedeume tamén hai corrupción.

15 de out. de 2006

Galiza no Guinnes


Á nosa terra xa non lle abonda con situarse por riba do levante español no que a construción de vivendas se refire. Parece que algúns non están dispostos a deixar de marcar un fito no mundo do formigón, como a empresa galega Konstrunoroest que vai camiño de figurar no libro Guinnes coa presentación dunha enorme lousa de formigón de 4000 metros cadrados. Tal e como sinalan os responsabeis desta empresa, trátase dun "reto construtivo sen precedentes".
Postos a distinguirnos, poderiamos facelo noutras actividades máis respetuosas co medio ambiente. Por exemplo, tentar conseguir 4000 metros cadrados libres de construtores, alcaldes, especuladores e demais ralea.
Esperemos que o exemplo non cunda entre outras empresas galegas.

Pequenas intervencións



















A primeira das imaxes corresponde a unha "rehabilitación" en plena praia de Cabanas. O que antes non era máis que un "fin de semana" agora, co permiso do concello, convértese nun chalé con saída directa ao mar.
Na outra imaxe figura unha vivenda, tamén a escasos metros da costa, situada en Pontedeume. Neste caso a argucia é levantar uns metros o tellado para conseguir unha maior altura da vivenda. Eso si, sen permiso do concello e sen que o vixiante urbanístico acerte a descubrila.
Son pequenas trampas que, ano tras ano, van modificando o mapa das cidades ata privalas da súa fisionomía tradicional. Este é un problema, non menos importante que o dos grandes promotores, que se estende pola xeografía galega como unha praga de difícil erradicación.

12 de out. de 2006

A sagrada familia


Sentados arredor dunha mesa charlan tres individuos. Un deles, presidente da Audiencia de Las Palmas; outro, un coñecido home vinculado ao mundo da construción, e o terceiro, irmán dun narcotraficante que purga as súas penas no cárcere. O construtor pide ao maxistrado que presione ao fiscal e outros xuices para que o narcotraficante saia da cadea. O maxistrado comprométese a facer o posíbel.
Pódese entender a motivación do irmán do acusado. Mais non é doado explicar as razóns dos outros dous personaxes da historia.
Que interese pode ter un presidente dunha Audiencia en conceder semellante favor a un construtor?
Por que un construtor intercede por un narcotraficante?
Pode que por fin resolvamos un dos misterios mellor gardados. O milagre da explosión inmobilaria agóchase na santísima trinidade: promotor, diñeiro e corrupción.

11 de out. de 2006

Nova bitácora


Unha nova bitácora sobre Pontedeume, máis ben sobre a vida diaria en Pontedeume, segundo a súa presentación. Todas estas iniciativas son ben recibidas e demostran o interese que os habitantes destas pequenas vilas estamos demostrando por facelas máis habitabeis.

O seu enderezo é http://pontedeume.nireblog.com/

1 de out. de 2006

Pilar Castro, unha vítima dos especuladores


En novembro do 2000, procedia-se ao desafiuzamento dunha veciña de Pontedeume, Pilar Castro Gen, que a base de enganos e aproveitando-se da sua incapacidade para discernir entre o bo e o malo,foi obrigada a vender a casa que posuia nunha zona céntrica da vila por unha cantidade ridícula, unha cantidade que nin sequer foi abonada na súa totalidade, segundo denunciou ela mesma.
Durante o desaloxo, segundo intento despois de fracasar outro dias antes pola acción dos veciños, non se produciron actos de violéncia se ben habia uns trinta efectivos da garda civil para asegurar que nesta ocasión se ia aplicar a lei. Ainda así foron denunciados polas forzas da orde nove veciños dos cais tres foron condenados pola xustiza ao pago dunha multa. Delito: alteración da orde pública.
Uns dias despois tivo lugar outra mostra da solidariedade veciñal ao se convocar unha manifestación na Praza Real á que acudiron centos de persoas, ao tempo que se pechaban os comercios. Posteiormente, dun xeito espontáneo, a xente manifestou-se diante da vivenda de Folgueras, o axente inmobiliário que organizou a estafa da venda.Lembremos que este personaxe, hoxe en paradeiro descoñecido, xa tivera problemas coa xustiza por actividades ilegais de carácter inmobiliário.
Como consecuéncia disto, Pilar e a sua familia viron-se obrigados a vivir de "prestado", nunha vivenda cuio aluguer pagaba o concello e botando man da colecta que moitos eumeses lograron xuntar nunha conta bancária.
Unha comisión cidadá propuxo-se contactar cun avogado para estudar a posibilidade de que a fiscalia se interesa-se polo caso e incoa-se unha denuncia en base ás irregularidades que, de forma clara, se apreciaban na compra da vivenda. Hoxe, seis anos despois, seguimos sen ver ningún movemento que permita albiscar unha solución a este problema. Porén, a xustiza xa condenou aos "alborotadores" da manifestación solidária con Pilar. E unha vez máis constata-se a impunidade dos especuladores e estafadores, dos que, baixo a apariéncia de honestos cidadáns, agochan a sua condición de depredadores.

Palabras de Darío Fo

O moderado é forte cos débiles e débil cos fortes. O moderado finxe resolver os problemas sen afrontalos! O moderado fai a vista gorda ante a especulación inmobiliaria. O moderado bota aos inquilinos das súas casas no centro e despois llas revende aos magnates da especulación. O moderado transforma en gueto a periferia. O moderado acepta unha escola para ricos e unha para pobres. O moderado deixa que a cidade se volva máis e máis triste, e aplaude os rañaceos, onde non se ven pícaros xogando nin xente pedaleando en bicicleta. O moderado teme disgustar aos cidadáns que contan. E non concede a palabra aos que non teñen voz. O moderado xamais cambiará nada.