11 de nov. de 2005

MANIFESTO

Moi mal teñen que estar as cousas para que xurda un colectivo de persoas que traballen a prol da preservazón do património arquitectónico e urbanístico de calquer vila ou cidade de Galiza. E é que o panorama actual non é o máis apropriado para semellantes mesteres. Sen embargo en Pontedeume acaba de se formar un grupo que traballará neste senso, e que tentará incidir sobre os organismos públicos potenciando ao mesmo tempo a participación social na resolución destes problemas. Este colectivo toma para si o nome de FUSQUENLLA, lembrando a aqueles que se alzaron contra o poder dos señores feudais, e que tentaron botar abaixo os seus castelos, distintivos estes do deu poder económico e político.

A modo de apresentación elaboraron o seguinte manifesto.


MANIFESTO EN DEFENSA DUN URBANISMO RACIONAL PARA PONTEDEUME



Nos últimos tempos estamos asistindo na vila de Pontedeume a unha agresión intolerábel contra o noso patrimonio arquitectónico e paisaxístico. A recente construcción no lugar de Caldagueiro dun descomunal conxunto de vivendas –obra de forte impacto ambiental que, trala súa terminación, vai a alterar definitivamente a configuración da liña de costa- e as crecentes ameazas sobre o Mercado municipal
cuio interés reside no só no seu valor estético, senon no seu carácter público-, revelan as cesións do goberno municipal ás presións das empresas constructoras e a renuncia á súa responsabilidade en materia de ordenación urbana. Contradecindo a letra e o espírito do Plano de Ordenación Urbana vixente e tamen do que está a punto de aprobarse, asistimos atónitos ó deterioro da franxa costeira, zoa de singular valor paisaxístico. Como si de un retorno a outras épocas se tratara, cando o feísmo se extendía como unha plaga temible e a destrucción dos monumentos do pasado semellaba condición indispensábel para acceder á modernidade, contemplamos ós responsabeis públicos confundidos por unha errónea concepción do progreso e fascinados polos lucrativos ingresos que para as arcas municipais supoñen as licencias de obras.

Esta asociación entre construtores sen entrañas e políticos sen sensibilidade non pode producir outros froitos que a desfeita urbanística que estamos a sofrer aquí, como en outros moitos lugares da costa galega, por onde se espallan sen medida novas urbanizazóns inspiradas nun modelo caduco e lesivo de desenvolvemento económico: o turismo de masas e a explotación abusiva dos recursos naturais; modelo que xa estragou o Levante español. Agora, tócanos a nos.

E mentres, a auténtica política de vivendas, á que responde a necesidades básicas da cidadanía, allea ó mundo do pelotazo urbanístico, queda por facer. ¿E esta a política progresista que alenta o noso goberno? Porque nós, como veciños de Pontedeume, consideramos que ten que haber outra política en materia de urbanismo, respetuosa co entorno natural, que é a nosa principal fonte de riqueza, e cun patrimonio cultural que debemos preservar, propoñemos:

-unha política de vivenda cunha clara orientación social, non tecida polos fíos de araña
da especulación

-a rehabilitación do casco histórico e a súa promoción como espacio comercial e residencial

-a adopción de medidas encamiñadas a protexer os espazos naturais e os edificios singulares (Biblioteca, Mercado, Concello,..)

-a oposición a calquera forma de enaxenación dos bens e dos espazos públicos

-o acordo de toda a cidadanía na definición dun modelo de vila habitábel, aberto, moderno e humano