3 de ago. de 2005

Praza do Conde











Quizais debamos lembrar o que foi e é a Praza do Conde na que actualmente se atopa o Mercado Municipal, un edificio en situación de abandono dende hai xa moitos anos, como se se desexa-se aboca-lo ao seu fin definitivo. Nesta praza atopaba-se o Pazo do Conde, unha fermosa construcción que a pesar de ser declarada monumento histórico-artístico foi derrubado no ano 1934. No seu lugar aparece hoxe o Mercado Municipal, unha edificación obra do arquitecto Antonio Tenreiro. No ano 2003 o Concello de Pontedeume pide permiso á Dirección Xeral do Patrimonio para derrubar o devandito mercado e facer no seu lugar un centro comercial e un aparcadoiro subterráneo. Esta petición é denegada en base a que o edificio actual está catalogado xunto con toda a obra do devandito arquitecto e ademais poderian aparecer xacimentos arqueolóxicos nas excavacións necesárias para a construcción do novo centro. Sen embargo, as razón dadas pola corporación municipal, ainda que cuestionabeis, tiñan parte de fundamento: o edificio do mercado estaba moi deteriorado e facia-se imprescindíbel dotar á vila de espácio para aparcadoiro.

Sobre a primeira das razóns poderia-se dicer que non se axusta estrictamente á verdade por canto unha rehabilitación e incluso ampliación do actual mercado abondaria para solventar o problema. Mais hai certos datos nas argumentacións da corporación municipal que resultan sospeitosas de encubrir outras intencións, intencións que estarian enmarcadas unha vez máis na problemática da especulación e do tráfico de influéncias. Tal e como se fai constar na petición para proceder á demolición do mercado, pretende-se construir un centro comercial e un aparcadoiro subterráneo que seria xestionado por unha empresa privada que non cobraria nada pola sua construcción a cambio de ter a potestade de explotar ámbolos dous proxectos. Non é disparatado deducir que este altruismo empresarial pode deixar sen traballo aos actuais pequenos autónomos que hoxe explotan uns postos de venda que son os seus únicos recursos de vida, e que no seu lugar poderia aparecer un grande hipermercado propiedade de calquer das distintas grandes corporacións do sector.

En canto á segunda das razóns, o aparcadoiro tan necesário para a vida comercial da vila, só dicer que no seu dia foi feito un estudo da sua viabilidade por encargo do actual alcalde de Pontedeume e a empresa que o levou a cabo concluiu que tal aparcadoiro non era viábel por canto a meirande parte dos dias do ano non se cubririan as prazas precisas para face-lo rendábel.

Ante a negativa de Património a conceder os permisos para a demolición do edificio e construcción do aparcadoiro, o Concello de Pontedeume opta pola rehabilitación e consigue da Condelleria de Industria un compromiso de subvención para encarar as obras. Todo isto sucede no ano 2004 e o concelleiro de urbanismo anúncia que as obras poderán-se iniciar a principios de 2005.


Pero a teimosía é unha capacidade inerente aos cargos políticos. Non se sabe se por mor do cambio de goberno ou por presións de certas corporacións comerciais, a corporación municipal está disposta a retomar o seu proxecto inicial e solicitar á Xunta que proceda á descatalogación do mercado municipal para acometer a sua perseguida obra.


As reflexións que un cidadán normal pode-se facer ante estes feitos son várias e desacougantes. O poder político (ou o que seria peor, o poder económico) non pode exercer os seus privilexios sobre outros organismos, como por exemplo Património, para alterar a catalogación dos conxuntos histórico-artísticos ao seu libre albedrio. Seria factíbel que un goberno influi-se sobre os xuices para que nun intre determinado un delito deixa-se de sé-lo por interese partidista? É posíbel que un monumento arquitectónico deixe de sé-lo por decreto dun alcalde ou concelleiro? Que escuros intereses teñen a capacidade de facer perseverar aos nosos representantes en posicións obstinadas a sabendas de incurrir en ilegalidades? E xa que utilizo o vocablo representante, non estará demais lembrar que a eséncia da representatividade consiste en administrar os bens públicos en beneficio da comunidade sen atender aos cantos de serea dos sectores financieiros.


Debo recordar que hai algúns anos, o anterior alcalde de Pontedeume tentou cambiar a Fonte do Pilón que adorna a Praza do Conde. Os veciños da vila consideramos que, ainda que poderia non ser moi bonita, xa formaba parte da história de Pontedeume, e manifestamo-nos en contra dese cambio conseguindo paralizar tan abominábel idea. Alguns dos manifestantes que tomaron parte naquela reivindicación, hoxe forman parte do goberno local que pretende non só tirar a fonte senón moito màis.