23 de feb. de 2009

Judith sing, oito consellos para Galiza


Judith Sing, presidenta de Amigos da Terra, lémbranos o que un goberno galego debería afrontar para unha mellor conservación do medio ambiente

1. Poñer en funcionamento medidas que contribúan a reducir as emisións de gases do efecto invernadoiro até un 20% no ano 2020.

2. Apostar polo aforro enerxético e a administración. Aquí é importante que a administración dea exemplo.

3. Rexeitar os tranxénicos e promocionar a agricultura ecolóxica.

4. Fortalecer a cooperación internacional no respecto ao medio ambiente.

5. Descartar do plan de residuos de Galiza a incineración.

6. Unha boa educación ambiental que permita á xente entender o que acontece.

7. Frear a perda da biodiversidade.

8. Apostar por unha política de ordenación do territorio que limite o crecemento urbano e respecte a nosa costa.

14 de feb. de 2009

A planta de gas en Mugardos, obxectivo terrorista


Un informe da Fundación Athena Intelligence alerta dos posibles obxectivos do terrorismo internacional, singularmente das infraestruturas enerxéticas pola enorme importancia que teñen como recursos claves dos estados. Esta fundación é unha institución que ten como fin a investigación avanzada en terrorismo e conflitos armados.
As instalacións petrolíferas tales como refinerías ou regasificadoras son consideradas críticas polo autor do estudo. Despois de citar o exemplo problemático da refinería de Tenerife en pleno centro urbano, cunhas consecuencias inimaxinables en caso de ataques armados, destaca a fraxilidade dos buques contenedores de gas natural licuado (GNL): "A toma dun buque colector de gas natural licuado e a súa posterior detonación unha vez arribado a porto é unha das 10 maiores preocupacións do Homeland Security estadounidense en materia antiterrorista." Unha explosión deste tipo pode ocasionar tanta destrución como unha pequena bomba atómica.
A continuación o informe cita o caso concreto da regasificadora de Mugardos: "O verdadeiro perigo atópase na proximidade de moitas destas instalacións portuarias de GNL con núcleos urbanos. A planta regasificadora de Mugardos na Coruña é unha clara proba diso. A instalación atópase practicamente dentro do pobo coruñés, expondo á súa poboación a un elevado risco. En calquera caso, o secuestro dun buque cargado de GNL e o seu emprego contra algunha instalación portuaria cuxo contorna atópase densamente poboada pode ocasionar unha verdadeira traxedia".

10 de feb. de 2009

Un compromiso en Compostela


Os que antepoñemos a defensa do medio ambiente e do territorio como un espazo no que vivir a calesquera outras consideracións ideolóxicas, os que aínda cremos que as nefastas políticas que están a devastar a paisaxe poden ser erradicadas, temos unha cita o próximo domingo en Compostela. Ás 12h. e dende a Alameda, un inigualable e entrañable parque, partirá unha manifestación que percorrerá o casco histórico da capital galega. Máis de 50 organizacións defensoras do medio ambiente. aglutinadas na rede Galiza Non Se Vende, denunciarán o desolador panorama que está a convertir a Galiza nunha aflixida sombra do que foi.

7 de feb. de 2009

Un exemplo a seguir

Poucos son concellos que se adheriron á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística. Este organismo creado pola Xunta de Galiza pretende ser o garante da legalidade en materia de construción e a inclusión dos concellos no mesmo é voluntaria. Pouco máis dunha ducia de concellos optaron por esta fórmula para preservar o seu territorio de infraccións cometidas polos construtores. O resto debe preferir deixar reinar o urbanismo salvaxe xa que este reporta grandes beneficios (só para uns poucos). Pontedeume pertence a este último grupo, o dos que non valoran a súa paisaxe.

Lemos unha nova publicada pola CPTOPT que moi ben pode repetirse en breve no noso concello.

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística demoleu dous edificios ilegais en Oza dos Ríos

As edificacións foron construídas en solo rústico de especial protección forestal, no que a lei prohibe a construción de vivendas o os usos residenciais

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística procedeu esta mañá á demolición de dúas edificacións situadas no lugar de Santa Cruz de Mondoi (no concello coruñés de Oza dos Ríos). Trátase de dous edificios que foron construídos en solo rústico de especial protección forestal, no que a lei prohibe a construción de vivendas e os usos residenciais, entre outros. Polo tanto, a Axencia Urbanística executou hoxe o derrube das mesmas de forma subsidiaria logo de que o propietario incumprira a orde de demolición que lle fora ditada, así como os requirimentos que se lle fixeron posteriormente.

Os feitos parten dunha denuncia efectuada polo Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA) da Garda Civil ante a Dirección Xeral de Urbanismo que, a raíz da denuncia iniciou unha investigación para determinar a situación dos inmobles. O expediente concluíu que ambas edificacións eran ilegais e ilegalizables xa que foron construídas nunha zona clasificada no Plan Xeral de Oza dos Ríos como solo rústico de especial protección forestal e neste tipo de solos está prohibida a construción de vivendas e os usos residenciais, entre outros.

Cómpre recordar que o Concello de Oza dos Ríos outorgou licenza urbanística a estas edificacións e, unha vez advertido pola Dirección Xeral de Urbanismo de que as licencias non se axustaban á legalidade, o Concello solicitou a anulación das mesmas ante o Xulgado do Contencioso Administrativo, que procedeu a anulalas.

Posteriormente a Dirección Xeral de Urbanismo declara ilegalizables as edificacións e ordena ao propietario a súa demolición.

Foto: Cabalar