Críamolas desaparecidas pero as conspiracións están aquí, nunca se foron. Franco, Fraga e agora Torrente interpretan a historia como unha gran conspiración contra a orde establecida e auspiciada polos xudeos, masóns e comunistas., aos que hai que engadir os praceiros. A propósito da última inundación no calamitoso mercado municipal provisional o alcalde eumés carga as culpas contra os praceiros e todos aqueles que os apoian. Seguro que se carga de razón como se cargaban os mentores ideolóxicos antes citados. Pode que todo sexa unha operación artellada no exterior para desaloxalo do goberno.
Segundo Torrente o mercado municipal estivo pechado por obra e gracia dos praceiros que privaron aos veciños do servizo, quizais por desprestixiar ao consistorio. Non sería aventurado dicir que nese período de inactividade os praceiros recibiron axuda económica de Venezuela. Nega Torrente, con bo criterio, que houbese inundacións e cando entrou auga nas instalacións foi debido a un acto de sabotaxe que consistíu en atascar as tubaxes con botellas de plástico. Tamén, moi intelixentemente e con retranca galega, faille saber á veciña que se cae nunha arqueta dos sumidoiros que debe prestar atención por onde anda. Todo parece indicar que esta muller fíxoo adrede xa que é coñecida a súa oposición ao goberno local. Desde logo, hai que ser retorcidos.