Outro fracaso estrepitoso do alcalde Torrente e do seu equipo de goberno. Despois de 8 anos non foron capaces de sacar adiante o plan de urbanismo de Pontedeume. Como se sabe, hai un ano o pleno municipal aprobou o PXOM despois de constantes encontronazos coas distintas administracións que esixían dos redactores do plan as modificacións necesarias para adaptalo á normativa vixente en materia de ordenación do chan. Pois ben, cando todo parecía rematado e por fin o pleno municipal aproba o documento definitivo para envialo á Xunta co obxecto de obter a aprobación final, resulta que a Conselllaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas decide non aprobar o plan de urbanismo.
A importancia de dotarse dun PXOM para Pontedeume é algo incuestionábel por canto deseña o futuro do concello e ordena o seu crecemento. Pero tamén é certo que na elaboración dun proxecto como este entran en xogo innumerabeis intereses privados que moitas veces inciden nas liñas do mesmo para favorecer a persoas ou empresas en detrimento do ben común. Tanto é así que o PXOM comezou a súa peregrinaxe na época do goberno PSOE-BNG, e desde entón ninguén foi capaz de rematalo, o que se explica pola pugna de intereses contrapostos.
Torrente tivo 8 anos para desenvolver un proxecto que xa fora anulado pola Xunta no ano 2007. Cal foi o motivo deste fracaso? Despois da aprobación inicial, despois de acatar ás recomendacións da Xunta para adaptalo ás leis de urbanismo, o goberno local decide presentar á Xunta para a aprobación definitiva un documento que foi aprobado en pleno hai máis dun ano, un documento que contiña numerosas modificacións e que en nada se parecía ao proxecto inicial. O certo é que a Consellaría de Medio Ambiente, T. e I. xa estaba disposta a dar o visto bó ao planeamento. pero no último intre, quizais polas denuncias presentadas, decidíu rexeitalo.
Coherentemente coa súa falta de transparencia Torrente non informou disto á veciñanza.