Mañá, pola vía dun pleno extraordinario e urxente, vanse aprobar as modificacións que o Concello de Pontedeume (sería mellor dicir Torrente e séquito) introducíu no PXOM por esixencias da Xunta.
A catro días das eleccións o alcalde non perde oportunidade de exercer de cacique ofrecendo como un logro a aprobación dun plan xeral que durante 8 anos non foi capaz de sacar adiante. Ao igual que as obras que estes días proliferan en Pontedeume, o planeamento urbanístico vai ser aprobado sen as garantías suficientes de legalidade. Primeiro, porque a convocatoria dun pleno extraordinario urxente debe estar suficientemente motivada pois en caso contrario, aínda cun respaldo maioritario da corporación, os acordos adoptados poden ser declarados nulos de pleno dereito. Ademais os concelleiros da oposición deben ser convocados coa antelación suficiente e darlles a oportunidade de acceso aos documentos que se vaian debater, condicións que non cumpre a convocatoria feita onte. Outra razón máis para declarar ilegais os acordos que mañá se poidan adoptar.
Pero a Torrente isto non lle preocupa demasiado afeito como está a actuar como lle diten os seus órganos. Que o plan se aprobe dun xeito ilegal, que sexa froito da improvisación e hipoteque o futuro de Pontedeume durante moitos anos, non deixa de ser algo secundario ante o supremo interese de gañar as eleccións. O que hai que obxectar desde o punto de vista cidadán é a utilización descarada que se fai dos bens públicos en aras do interese persoal ou partidista. Lembremos o gasto de 85.000 € de diñeiro público para acometer unhas obras de acondicionamento do aparcadoiro cando unha posíbel sentenza xudicial pode dar ao traste co seu uso. Torrente está a usar diñeiro público para sufragar a campaña electoral. Só cabe esperar que a cidadanía de Pontedeume saiba escarmentar aos que presupoñen a ignorancia dos electores.