Prezados membros da comunidade
educativa:
O motivo desta circular é
informarvos de que se está a
organizar unha manifestación para o sábado
9 de maio ás 12:00 en Pontedeume baixo o lema: "Aparcadoiro si, pero non aquí" para amosar o malestar da
nosa comunidade educativa pola decisión unilateral do Concello de Pontedeume de
comezar as obras do aparcadoiro municipal no que era o campo de fútbol do noso
centro educativo. Os días 6, 7 e 8 de
maio de 12:10 a 12:30 haberá tamén una serie de concentracións de profesores, pais e alumnos (autorizados a saír do
centro) na entrada do aparcadoiro para protestar contra a decisión da cesión e
do comezo das obras. Como sabedes, a Consellaría de Educación decidiu cederlle
o campo de fútbol ao Concello de Pontedeume como aparcadoiro municipal,
decisión que foi recorrida pola nosa comunidade educativa perante o Tribunal
Superior de Xustiza de Galicia. Antes de que haxa un pronunciamento do Tribunal,
o Concello decidiu comezar unas obras valoradas en 85.000 euros que é posible
que teña que desfacer se gañamos o recurso co coinseguinte prexuizo para os
cartos que aportamos todos os contribuíntes. Parécenos una actitude prepotente
e temeraria xa que se podía ter esperado a que o alto tribunal galego decidise
se procede ou non a nosa reclamación.
A
manifestación faise un sábado porque queremos desvincular este acto da
actividade lectiva e para que non haxa dúbida de que os alumnos que asistan á
mobilización é por vontade propia e non porque están a ser instrumentalizados
polos profesores. As concentracións serán tamén durante o recreo dos alumnos e
só poderán asistir os maiores de idade e os que teñan autorización para saír do
centro.
O percorrido
da manifestación será o mesmo que o do ano pasado, procederemos a lectura dun
manifesto por parte dun alumno/a e
remataremos cunha "pitada arbitral" contra a decisión do Alcalde e da
Consellaría por "xogo sucio" no campo de fútbol.
Como podedes ver
solicitamos un pouco do voso merecido tempo de descanso desa fin de semana para
unha causa que paga a pena. Ese día haberá feira en Pontedeume así que tamén
podedes aproveitar o día para dar un paseo coa familia pola vila (se vides con
ela moito mellor xa que así seremos máis). A convocatoria é para todos os pais,
nais, alumnos e profesores así como para todas aquelas persoas que poidades
traer e que estean contra este tipo de abusos da Administración. Será unha
manifestación totalmente cidadá, onde a presenza sindical ou política (non
están convocados pero poden vir se así o desexan) será a título persoal e non
terán voz no acto. Aínda que a cesión do campo é unha decisión política non
queremos entrar nas liortas partidarias xa que nestes casos creo que acaban por
viciar ou instrumentalizar as lexítimas demandas dos cidadáns, especialmente
nestes tempos preelectorais.
Moitas grazas polo voso tempo e
contamos coa vosa presenza activa nesta mobilización polos dereitos dos nosos
escolares.