31 de dec. de 2014

Electoralismo ou irresponsabilidade?


O tema do campo de deportes do IES Fraga do Eume leva camiño de se converter, polo que parece, no “Dien Bien Phu” de Torrente, no último dos despropósitos do alcalde eumés. Como é sabido, a comunidade escolar do centro, representada pola ANPA e Claustro de Profesores, interpuxeron un contencioso administrativo contra a Consellaría de Educación pola cesión ao Concello do devandito recinto escolar, recurso que está en fase preliminar.

Segundo informan os medios, o rexedor avanzou que outro dos proxectos máis esperados e que tamén sairá a licitación canto antes serán os traballos do novo estacionamento nas inmediacións do IES Fragas do Eume. O centro escolar contará cun novo aparcadoiro, que se realizará con cargo ao plan DTC da Deputación da Coruña, cun orzamento de 85.000 euros. As obras incluirán ademais do aglomerado, a colocación de diversas árbores.

A cuestión é a seguinte: ou ben se trata dun anuncio electoralista, en cuxo caso non merece máis atención que a que se lle presta a este tipo de comentarios propios das campañas electorais, ou, pola contra, trátase dun asunto de extrema irresponsabilidade por gastar 85.000 euros nunhas obras que poden ser anuladas nun auto xudicial favorábel ao instituto, ao que habería que engadir o custo de restituir o campo ao seu estado orixinal.


Calquera persoa que se precie, sen ser demasiado instruída, debería optar pola precaución ante a imprudencia. Pero sabemos que este mandatario eumés non se distingue precisamente pola mesura que caracteriza aos homes sabios. Así que debemos estar preparados para contribuír cos nosos impostos a unha obra inútil e inxusta.