30 de out. de 2007

Unha demanda irrenunciábel: a protección da comarca eumesa


Nunha nova publicada no xornal El País, o Concello de Vigo abraiábase da actitude de Consultora Galega, a empresa que está a elaborar o plan de urbanismo deste concello por 200 millóns das antigas pesetas. "A documentación completa do plan xeral de urbanismo de Vigo está en poder da empresa encargada da súa redacción, Consultora Galega, e non na Xerencia de Urbanismo, segundo informou onte o alcalde, Abel Caballero, que considerou "sorprendente" esa situación."
Sorprendente tamén que Consultora Galega (CG) non aceptase as directrices emanadas da Xunta de Galiza e do propio concello vigués para modificar o PXOM despois de ser rexeitado pola CPTOPT. Curiosamente a presidencia dos promotores e empresarios de Pontevedra fixeron causa común coas teses de CG para criticar os obxectivos da Administración.
Pontedeume pode repetir estes desencontros con Consultora Galega se reparamos no acontecido nos últimos meses. Despois de ameazar con que a modificación do plan de urbanismo de Pontedeume pode retrasarse máis de dous anos, publicítase o informe de impacto ambiental que esta empresa mandou á Xunta como paso previo para a aprobación do planeamento urbanístico. Nese informe, insuficiente e enganoso, propóñense unha serie de actuacións que demostran ata a saciedade que o plan está feito á medida dos promotores. Despois de insistir na realización dunha estrada que cruzaría a ladeira do monte Breamo e que afectaría ao Camiño de Santiago, apóstase pola construción dun paseo marítimo (eles o chaman senda verde) que cruzaría todo o concello dende Arbosa ata as Fragas do Eume. Un paseo a 100 metros do litoral que sería a punta de lanza de futuras urbanizacións. Hai que lembrar que varios proxectos presentados nas oficinas do Concello solicitan permisos para construír máis de 400 vivendas en Ber e Boebre.
O goberno local ten a responsabilidade de levar a bo porto o tema do plan de urbanismo. Nin pode deixar a Consultora a decisión de ordenar urbanisticamente o concello, nin debe atender ás demandas dos empresarios da construción que só buscan o beneficio propio. Por riba de todo o goberno debe satisfacer ás xustas reclamacións dos cidadáns que optan por un concello adecuado para vivir en harmonía coa terra, a ría, as Fragas e a costa. Os eumeses temos claro que esas son prioridades ás que non estamos dispostos a renunciar e así o deixamos saber nas pasadas eleccións locais.