18 de xul. de 2015

Non máis réquiems

Pontedeume gozaba ata agora do raro privilexio de ter tres árbores que figuran no catálogo de árbores senlleiras de Galiza: o teixo do paseo marítimo, a araucaria da casa dos Tenreiro e o metrosidero do xardín de Lombardero. 

Polo máis coñecido, o teixo, xa se entonou un réquiem. Unha mágoa que algo que poido ser evitado hai anos cando diversos colectivos ecoloxistas alertaron da deterioración deste exemplar de 400 anos foi ignorado polas autoridades locais e Xunta de Galiza. Mais os alcaldes non están dotados de sensibilidade polo medioambiente aínda que si sobradamente preocupados pola construción de rotondas, aparcadoiros e paseos marítimos (Torrente rabenou un teixo á entrada da vila para construír unha rotonda). E Pontedeume sufríu como tantas vilas e concellos o pernicioso efecto de distintos rexedores que se distinguiron como depredadores do territorio.

Feitos como estes poden volver a repetirse, neste caso afectando á araucaria do xardín dos Tenreiro. Unha simple ollada a este exemplar abonda para ver como aparecen os primeiros síntomas dunha enfermidade que seca a súa copa. Unha enfermidade que se agrava coa que sofren os responsabeis destas situacións: o desleixo. As autoridades teñen a obriga de preservar o patrimonio que representan estas árbores merecedoras dunha especial protección.


15 de xul. de 2015

Réquiem por unha árbore

Un informe sinala a inutilidade de calquera actuación para a recuperación dun teixo con varios séculos de historia de Pontedeume, prexudicado pola construción dun paseo marítimo

Ver máis:
http://www.eldiario.es/galicia/Requiem-arbol_0_409459892.html

6 de xul. de 2015

Continuismo

Dous son os grandes retos aos que se enfronta Pontedeume na actualidade: o PXOM e o mercado municipal. Sobre estes dous proxectos pende o futuro económico da nosa vila. E na elaboración deles parece que os alcaldes non son os principais protagonistas senón máis ben os executores ao servizo de ocultos intereses que outros impoñen ao consistorio.

O novo alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, non precisou dos 100 días que se lles dá aos novos gobernantes para que demostren a sinceridade das promesas electorais. El mesmo xa se decantou por contravir as promesas que fixo en campaña naqueles dous temas que máis honestidade requerían.

Durante as mobilizacións dos praceiros a raiz do peche do mercado municipal o representante do PSdG non se cansou de repetir que o proxecto de Torrente era inviábel dada a inexistencia dun convenio coa Xunta que garantise os máis de 2 millóns de euros necesarios para acometer as obras. Laiábase Bernardo Fernández que o alcalde (Torrente) continúe “empecinado” nun proxecto orzamentado en máis de 2,5 millóns de euros non optando, tal e como lle propuxemos en moitas ocasións, por unha actuación máis humilde, e polo tanto cun custe inferior, a fin de non eternizar a obra dun edificio que, tendo en conta a súa importancia e atractivo comercial, non pode permanecer pechado de forma indefinida. En menos de dous meses o xa alcalde socialista mudou de parecer e decántase polo proxecto herdado de Torrente, é dicir, agardar que haxa financiamento para unha remodelación completa do mercado. Se o compromiso da Xunta con Torrente era fume electoral, que lle leva a pensar que o PSdG si vai obter o financiamento?

Mais non é esta a única proba de que as tomas de poder mudan as perspectivas dos mandatarios. Se os socialistas queixábanse da premura da que fixo gala Torrente para aprobar o PXOM nun pleno extraordinario convocado de forma irregular e ilegal, tachando a medida de propaganda electoral e reclamando unha lectura pormenorizada das correccións introducidas con nucturnidade e alevosía, se esas queixas fosen sinceras cabería esperar do novo goberno a paralización ou anulación desas correccións e a súa revisión antes de mandalas á Xunta para a aprobación definitiva do PXOM. Mais nada disto vai suceder, e Bernardo Fernández optou por mandar o texto elaborado polo PP aínda que admite que non lle gusta.

Cabe preguntarse para que elexir un novo alcalde que lexisla cos criterios do anterior. Cabe preguntarse como é posíbel que en tan poucas semanas as expectativas depositadas neste equipo xa se tornen en fracaso naqueles temas que son unha prioridade para Pontedeume.  Unha vez máis a mesma canción de sempre, a que entonan políticos que, lonxe de buscar solucións para o concello, procuran facer carreira dentro dunhas siglas que non representan á cidadanía. Unha vez máis os mesmos cadelos con distintos colares.


3 de xul. de 2015

Lei mordaza (II)

Fotografías como esta, premio Púlitzer 1969, axudaron a rematar coa guerra do Vietnam. Porén ao goberno de EE.UU. non se lle ocorreu ditar unha lei mordaza para impedir a difusión de fotos que cuestionaban o seu papel naquela maldita guerra. Rajoy, adalide do neofranquismo, teno máis claro.

19 de maio de 2015

O puto amo

Mañá, pola vía dun pleno extraordinario e urxente, vanse aprobar as modificacións que o Concello de Pontedeume (sería mellor dicir Torrente e séquito) introducíu no PXOM por esixencias da Xunta. 

A catro días das eleccións o alcalde non perde oportunidade de exercer de cacique ofrecendo como un logro a aprobación dun plan xeral que durante 8 anos non foi capaz de sacar adiante. Ao igual que as obras que estes días proliferan en Pontedeume, o planeamento urbanístico vai ser aprobado sen as garantías suficientes de legalidade. Primeiro, porque a convocatoria dun pleno extraordinario urxente debe estar suficientemente motivada pois en caso contrario, aínda cun respaldo maioritario da corporación, os acordos adoptados poden ser declarados nulos de pleno dereito. Ademais os concelleiros da oposición deben ser convocados coa antelación suficiente e darlles a oportunidade de acceso aos documentos que se vaian debater, condicións que non cumpre a convocatoria feita onte. Outra razón máis para declarar ilegais os acordos que mañá se poidan adoptar.

Pero a Torrente isto non lle preocupa demasiado afeito como está a actuar como lle diten os seus órganos. Que o plan se aprobe dun xeito ilegal, que sexa froito da improvisación  e hipoteque o futuro de Pontedeume durante moitos anos, non deixa de ser algo secundario ante o supremo interese de gañar as eleccións. O que hai que obxectar desde o punto de vista cidadán é a utilización descarada que se fai dos bens públicos en aras do interese persoal ou partidista. Lembremos o gasto de 85.000 € de diñeiro público para acometer unhas obras de acondicionamento do aparcadoiro cando unha posíbel sentenza xudicial pode dar ao traste co seu uso. Torrente está a usar diñeiro público para sufragar a campaña electoral. Só cabe esperar que a cidadanía de Pontedeume saiba escarmentar aos que presupoñen a ignorancia dos electores.